- Tematica
Ames conmemora o Día Mundial do Teatro coa publicación dun vídeo que protagonizan os rapaces e rapazas que integran a Escola Municipal de Teatro. A través deste vídeo queren compartir a súa paixón pola escena e desexarlle a toda a veciñanza un día cheo de arte, emoción e moita maxia teatral. Actualmente estase desenvolvendo a programación cultural do primeiro semestre de 2026, que inclúe 12 espectáculos de teatro, danza e circo e que se representan de xaneiro a maio. Preme nesta ligazón para ver o manifesto galego no Día Mundial do Teatro 2026.
A Concellaría de Cultura do Concello de Ames puxo en funcionamento en 2021 a Escola Municipal de Teatro na que na actualidade participan arredor de 80 persoas, tanto nenos como adultos, repartidos en distintos grupos segundo a idade. Nesta escola, dirixida por Talía Teatro, poden participar nenos e nenas dende os tres anos en diante ata persoas adultas sen límite de idade.
Co gallo do Día Mundial do Teatro, a Escola Municipal de Teatro quixo conmemoralo nun vídeo protagonizado polo seu alumnado máis novo, no que explican que é e que significa para eles esta disciplina artística. A celebración do Día Mundial do Teatro é parte da forte aposta que se realiza dende o Concello de Ames por esta disciplina artística.
Na actualidade, o concello conta cunha programación estable de artes escénicas, con doce funcións para o público adulto, infantil e familiar no primeiro semestre de 2026. Ademais, a Concellaría de Cultura facilita o acceso á veciñanza ás obras, con entradas a prezo reducido e coa emisión de bonos culturais, que permiten asistir ás representacións cun 50% de desconto.
Residencias artísticas
Co obxectivo de apoiar a creación artística do tecido profesional e empresarial, a Concellaría de Cultura do Concello de Ames oferta residencias artísticas no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro para creadores, creadoras e compañías profesionais que desenvolvan as súas liñas de traballo nos ámbitos das artes escénicas. Deste xeito, as compañías Grupo Chévere e Ibuprofeno Teatro estiveron realizando unha residencia artística no noso concello durante os últimos meses, e Marta Alonso Tejada e Producións Teatrais Excéntricas xa a solicitaron para o vindeiro mes de outubro.





