Pestanas principais

Departamento de Mobilidade

Servizos e programas

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade vén de lanzar a campaña informativa sobre a redución da velocidade no interior dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. Baixo o lema “A 30 Ames é máis” preténdese que o concello sexa máis amable, máis divertido, máis saudable e máis noso... Trátase dunha campaña de sensibilización sobre a importancia da velocidade a 30 km/h no interior das zonas urbanas de Ames. Para difundir dita campaña entre a veciñanza elaboráronse carteis, folletos informativos e unhas chapas con refráns e mensaxes motivadoras.
O PMUS pretende sentar as bases dunha nova cultura onde o peón se converta no principal protagonista e se relegue o uso do transporte privado. Este plan concrétase en doce programas de actuación que se van desenvolver entre o 2022 e o 2029. O Plan de Mobilidade Urbana Sostible está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

Novas do departamento

O Concello de Ames está traballando na redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS). Este servizo foi adxudicado á empresa IPLAN Movilidad SL por un importe de 58.499,87 euros. Esta semana comezan os traballos de campo para a redacción de dito plan. Estes traballos consistirán na realización dunhas 300 enquisas a usuarios/as do transporte público. Tamén se contabilizará o número de vehículos naquelas zonas do concello con maior volume de tráfico. Isto farase mediante a instalación de distintos tipos de aforos (con cámara e tubos pneumáticos). Dito documento servirá de guía para levar a cabo actuacións en materia de mellora do espazo público, medio ambiente, mobilidade e accesibilidade a realizar no futuro no municipio amesán. O contrato forma parte do programa de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público, recollido na EDUSI Impulsa Ames.

Concello e gandeiros chegan a un acordo para a limitación de vehículos agrícolas na Améndoa Central. Esta xuntanza mantívose hoxe no salón de Plenos da Casa do Concello de Ames entre o alcalde, Blas García, o concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, a Policía Local e gandeiros afectados. O acordo acadado manterá as restricións na Améndoa Central, aínda que contemplará excepcións para aqueles profesionais que carezan de alternativa de paso. Preme nesta ligazón para descargar a proposta de acordo.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, vén de publicar a campaña “O bus que me leva!”, para informar dos horarios e liñas do transporte metropolitano que pasa polo municipio amesán. A través desta campaña elaborouse un mapa coas liñas de autobús que pasan por Ames. Ao mesmo tempo, localizáronse e sinalizáronse todas as marquesiñas e paradas de bus, onde se colocaron os horarios e frecuencias que pasan por cada unha das paradas. Toda esta información pódese atopar no apartado de Transporte da web municipal. O obxectivo é ofrecerlle á veciñanza unha información precisa e útil. Estes horarios estarán colocados de xeito provisional durante un mes coa finalidade de detectar posibles erros. Unha vez pasado dito período colocarase a información definitiva.

Dende a Concellaría de Mobilidade infórmase que a Policía Local de Ames, en colaboración coa Garda Civil do Milladoiro, continúa realizando  controis de seguimento da restrición de paso dos vehículos pesados, con MMA maior a 30 toneladas, pola N-550 ao seu paso pola avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro. Ditos controis, que se retomaron a comezos do paso mes de decembro, estanse realizando co obxectivo de lembrarlle aos condutores que deben de respectar a prohibición de circular polo núcleo urbano e deben desviarse dende a SC-20 (á altura da gasolineira) cara a autoestrada AG-56 e polo corredor AC-522, ata a glorieta das Galanas, situada na N-550. Durante as últimas semanas houbo varias denuncias de condutores que infrinxiron a norma.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, informa de que este sábado 30 e o domingo 31 de maio vólvese a cortar o tráfico en varias rúas de Bertamiráns e do Milladoiro co obxectivo de favorecer a mobilidade das persoas e poder manter así as distancias de seguridade. Esta medida, coa que se pretende que a veciñanza de Ames merque no comercio miúdo local, desenvolverase dende o sábado, ás 16:00 horas, ata o domingo, ás 23:00 horas. Nas rúas que se corta o tráfico, os vehículos poderán igualmente entrar e saír dos garaxes. Esta iniciativa realizarase durante todas as fin de semanas do mes de xuño.

Por sexto ano consecutivo, o Concello de Ames sumouse á posta en marcha de diversas actividades co gallo da celebración da Semana Europea da Mobilidade. Trátase de propostas a prol da mobilidade activa, do transporte público e doutros medios limpos e intelixentes, nesta edición baixo o lema “Espazo Público Compartido”. As dinámicas terán lugar os días 20, 21 e 22 de setembro. As persoas interesadas en anotarse aínda poden facelo escribindo ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal. O programa inclúe unha andaina, xogos, música e unha marcha ciclista. Por mor da celebración destas xornadas, o sábado 21 quedará prohibido o estacionamento no aparcadoiro de Agriños, no Milladoiro, en horario de 14:30 a 20:30 horas; e no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro, de 19:00 a 00:00 horas. Podes consultar os bandos informativos premendo nesta ligazón.

Por quinto ano consecutivo, o Concello de Ames sumouse á posta en marcha de diversas actividades co gallo da celebración da Semana Europea da Mobilidade. Trátase de propostas a prol da mobilidade activa, do transporte público e doutros medios limpos e intelixentes, nesta edición baixo o lema “Combina e móvete!”. As dinámicas, que tiveron que ser adiadas por mor da previsión meteorolóxica, celebraranse finalmente os días 22, 23 e 24 de setembro. As persoas interesadas en anotarse aínda poden facelo escribindo ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal. Por mor da celebración destas xornadas, o sábado 23 quedará prohibido o estacionamento no aparcadoiro de Agriños, no Milladoiro, en horario de 14:30 a 20:30 horas. Podes consultar o bando informativo premendo nesta ligazón

Un ano máis, o Concello de Ames celebrou a Semana Europea da Mobilidade, que nesta ocasión se desenvolveu na fin de semana do 19 ao 21 de setembro cunha serie de actividades para fomentar a mobilidade activa, o uso do transporte público e outros medios sostibles. Na xornada do venres, tivo lugar a marcha ciclista nocturna, unha actividade que reuniu a máis de 400 persoas na localidade de Bertamiráns. O sábado desenvolveuse un circuíto de educación viaria e xogos en bicicleta para os máis pequenos, que viu condicionada a súa participación pola situación meteorolóxica da xornada. Xa no derradeiro día da programación, o domingo día 21, celebrouse a primeira edición da Ames Gravel Social Ride, organizada polo Club ciclista Ames e que contou cunha participación de 49 ciclistas. 

O Concello de Ames dotou á senda peonil que une o CEIP Agro do Muíño co núcleo urbano de Bertamiráns dun carril bici, que se suma ás obras que tamén se realizaron en dita senda para dotala de alumeado público. En ambas actuacións investíronse 52.097,06 euros. Con estas actuacións preténdese impulsar e mellorar a mobilidade sostible, mellorar a conexión entre as zonas escolares e os centros urbanos, reducir a pegada de carbono e  as emisións de  GEI do concello, reducir o uso do vehículo particular e mellorar a xestión do tráfico rodado. Dita actuación está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

A Concellaría de Mobilidade recorda que está aberto o prazo para inscribirse nos “Rodeiros Brancos”, que se desenvolverán con motivo do día da Seguridade Viaria que se conmemora o 10 de xuño. Baixo o lema “Respecto na rúa, convivencia segura!” vanse organizar dous percorridos pola rúa nos que os/as participantes terán que ir vestidos/as de branco e cunha luz-linterna branca na cabeza, utilizando un método de mobilidade sostible. Preténdese reivindicar a utilización de medios de mobilidade sostible. En Bertamiráns, o 10 de xuño, ás 22.00h, farase unha saída nocturna en bicicleta de 8 quilómetros, mentres que no Milladoiro, o 17 de xuño, ás 22.00 horas, farase un rodeiro curto de 1.730 metros en bicicleta, monopatín, patíns ou patinete. Para participar nestas actividades é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal. Os/as nenos/as deberán estar acompañados/as dunha persoa adulta.

Eventos del departamento

Amarcha nocturna sairá ás 22:00 horas da Praza do Concello. Serán 8 km con boa iluminación e un traxecto sinxelo pensado para que poida participar toda a familia. É necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal.

Desenvolverase na Praza de Chavián en Bertamiráns  e é unha actividade destinada aos rapaces e rapazas de máis de 10 anos.

Dentro da "Semana Europea da Mobilidade", o Concello de Ames organiza o venres 20 de setembro a VI Marcha Ciclista Nocturna. Farase un percorrido con boa iluminación e fácil percorrido, pensado para que nela poida participar toda a familia. A marcha sairá da Praza do Concello, en Bertamiráns.

O Concello de Ames reúne nun único cartel toda a programación de actividades que se van celebrar durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro en Ames. Deste xeito, ata finais de setembro vanse a realizar numerosas actividades como concertos, seráns ou festas.