[06-12-2018] O Concello de Ames conmemorou esta mañá os corenta anos da Constitución Española cun programa específico para a ocasión. O acto central do programa tivo lugar este xoves, 6 de decembro, na Casa do Concello, en Bertamiráns, onde se lles fixo entrega das medallas aos alcaldes de Ames que gobernaron dende 1978. A dito acto tamén asistiron o cronista oficial do Concello de Ames, Maximino Viaño, o presidente de Feiraco, José Montes, o campión de Europa de squash, Borja Golán, e diversos representantes de asociacións veciñais, culturais e empresarias, así como membros dos clubs deportivos de Ames, da asociación Arcea Adames e do Real Aero Club de Santiago. Todos eles leron diferentes artigos da Constitución. Tamén se puido asinar no Libro da Cidadanía, situado no salón de Plenos.






Conversas con...
A programación para conmemorar os 40 anos da Constitución botou a andar o martes, 4 de decembro, cunha actividade denominada Conversas con..., moderada pola xornalista da Cadena Ser, Aida Pena. O faladoiro contou coa participación de José Julio Fernández, profesor de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela; e Antón Losada, xornalista, escritor e profesor de Ciencia Política, tamén na Universidade de Santiago de Compostela.
O acto, que foi presentado polo alcalde José Miñones, comezou cunha breve contextualización da época histórica na que xurdiu a Constitución de 1978. Durante a mesa redonda, os invitados reflexionaron sobre os corenta anos da Carta Magna española e tentaron dar resposta ás preguntas do público, tratando temas como a posibilidade de adaptala á sociedade actual, o papel do Senado, o problema territorial, a ampliación de dereitos sociais, ou o papel dos concellos.
Esta mañá, o Concello de Ames celebrou un acto na Casa do Concello, en Bertamiráns, co obxectivo de conmemorar o 40 aniversario da Constitución. Dito acto estivo conducido pola xornalista, Nazaret López, e contou coa actuación musical do violinista e profesor, Marcos Valcarcel.
O acto central de celebración do 40 aniversario da Constitución comezou coa apertura por parte do actual alcalde de Ames, Jose Miñones. A continuación fíxose a entrega de medallas aos alcaldes que gobernaron durante o período de vixencia da actual Constitución. Dende o Concello invitouse aos tres alcaldes que gobernaron durante estes últimos 40 anos, pero un deles, D José Astray, non puido asistir por motivos persoais, polo que se lle fixo a entrega de medallas a D. Carlos Fernández e a D. Santiago Amor.
A dito acto tamén asistiron o cronista oficial do Concello de Ames, Maximino Viaño, o presidente de Feiraco, José Montes, o campión de Europa de squash, Borja Golán, e diversos representantes de asociacións veciñais, culturais e empresarias, así como membros dos clubs deportivos de Ames, da asociación Arcea Adames e do Real Aero Club de Santiago. Todos eles leron diferentes artigos da Constitución.
Durante a mañá deste xoves, 6 de decembro, tamén se puido visitar o salón de Plenos da Casa do Concello e asinar no Libro da Cidadanía, co obxectivo de que os veciños e veciñas, que así o desexasen, deixasen a súa pegada na historia dos próximos 40 anos de convivencia.
Contido relacionado

Compostela 24 horas: "Ames conmemora o 40 aniversario da Constitución"




