Pestanas principais

O Pleno aproba a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto de vehículos de tracción mecánica e a prórroga por un ano do contrato de limpeza viaria

Venres, 27 de outubro de 2017

[27-10-2017] O pleno ordinario de outubro foi unha sesión moi emotiva pola despedida das concelleiras Pilar Candocia e Chus Bóo, que deixan a corporación municipal ao abandonar o grupo municipal de Ames Novo. Pero tamén houbo un intenso debate nalgún dos puntos incluídos na orde do día. Deste xeito aprobouse a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto de vehículos de tracción mecánica, o inicio do procedemento de deslinde dun camiño público no lugar da Ponte Nova, en Agrón, e a prórroga, por un ano, do contrato asinado con Urbaser SA para a xestión da limpeza viaria e do punto limpo do concello. Ademais, tamén se aprobaron tres propostas presentadas polo grupo municipal popular e polo concelleiro non adscrito, Javier López, así como unha moción presentada por vía de urxencia polo goberno municipal sobre a aprobación da modificación do anexo de investimentos 1/2017. Un grupo de veciños despregou unha pancarta no salón de pleno na que se podía ler: “Non á depuradora no Souto”.

O pleno ordinario de outubro comezou coa concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, dando conta da información económica que hai que render ao Pleno correspondente ao terceiro trimestre do ano. Genma Otero destacou que o período medio de pago a provedores está en 22,15 días, por debaixo do que establece a lei que é de 30 días. A continuación tomouse coñecemento polo Pleno das renuncias das concelleiras María Pilar Candocia Pita e María Jesús Bóo Feijóo, que pertencían ao grupo municipal de Ames Novo e que segundo dixeron abandonan esta agrupación “por razóns políticas”.

En primeiro lugar falou Chus Bóo que incidiu en que “o meu paso pola política municipal foi curto pero intenso. Agora non é que deixe a política, porque a política forma parte da vida e eu sempre estiven en política, pero si que deixo esta institución. Síntome feliz de poder haber vivido esta etapa da miña vida e poder experimentar o que é representar á veciñanza de Ames nesta corporación. Marcho satisfeita polo que intentei facer durante estes preto de dous anos e medio que pertencín a corporación municipal de Ames, pero non estou tan satisfeita polo logrado. Déixolle deberes ao goberno municipal e estarei pendente de que eses temas que quedan pendentes de executar se realicen”.

De seguido, interveu Pilar Candocia que comezou sacándolle un sorriso ao restos dos concelleiros e concelleiras da corporación porque dixo “perdedes a concelleira de maior idade e a de máis peso”. Candocia destacou que “dende o ano 1999, salvo un paréntese dun mandato e outro de medio ano, estiven nesta corporación representando aos veciños e veciñas de Ames. Teño que destacar, que a pesar das diferencia existentes entre os distintos grupos municipais, esta é unha corporación amable e cordial, e iso sempre é positivo. Creo que é o momento de abandonar esta formación na que estiven dende a súa fundación e deixar sitio a outras persoa. Por último quero lembrarlle ao alcalde que ten pendente a aprobación do regulamento de participación cidadá. Agardo que antes de rematar este mandato aprobe dito regulamento, xa que o meu voto a favor no acto de investidura ía ligado a este punto, entre outros”.

Os voceiros dos diferentes grupos políticos municipais destacaron a importante perda que sufre a corporación coa marcha de Pilar Candocia e Chus Bóo, xa que ambas as dúas deixan unha forte pegada. Tamén incidiron na calidade humana, a profesionalidade e a coherencia das dúas por deixar un proxecto político no que agora xa non creen. Dende o goberno tamén agradeceron o traballo feito para chegar a importantes acordos que permitiron a aprobación dos orzamentos de 2017 e maila modificación da Relación de Postos de Traballo. O alcalde, José Miñones, dixo de Chus Bóo “deixaches unha fonda pegada en pouco tempo e iso foi porque defendiches sempre os intereses dos veciños e veciñas con intensidade”. De Pilar Candocia indicou “fuches unha persoa leal e permitiches que este mandato se iniciase nun momento difícil. Do acordo de investidura quedan pouco puntos por realizar. Un deles é a aprobación do regulamento de participación cidadá, que se aprobará antes de rematar este mandato”.

A quenda de intervencións pechouna Enrique Costas, concelleiro do grupo municipal de Ames Novo, que destacou o traballo feito por Pilar Candocia e por Chus Bóo. “Para min é un momento complicado pola marcha de Pilar e Chus. A Chus coñecina facendo política fóra do Concello. Sempre estivo vinculada a movementos ecoloxistas. En política local coincidimos no traballo feito a través da Axenda 21. De Pilar hai que destacar que é a creadora e impulsora dos grandes programas de conciliación dos que seguimos gozando en Ames como son os servizos municipais de conciliación, a rede municipal de comedores escolares e maila rede de escolas infantís municipais. Gracias polo voso traballo e que vaia ben compañeiras”.

Ordenanza fiscal reguladora do IVTM
A corporación municipal deulle luz verde á aprobación provisional da modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica. Así, incorpórase á ordenanza fiscal a acreditación de minusvalía, en grado igual ou superior ao 33 por cento, para obter as exencións. Para a acreditación da discapacidade, terase en conta a condición de pensionista da Seguridade Social cunha pensión por incapacidade no grao total, absoluto ou gran invalidez. Da mesma maneira, tamén se terá en conta a condición de pensionista de clases pasivas, que teña recoñecida unha pensión por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente. Este punto foi aprobado por unanimidade.

Tamén se aprobou por maioría absoluta a prórroga, por un ano, do contrato asinado con Urbaser SA para a xestión da limpeza viaria e do punto limpo do concello. Desde o 15 de xaneiro de 2017, o contrato asinado coa empresa inclúe a posibilidade de establecer prórrogas, de mutuo acordo entre as partes, polo prazo dun ano e ata un máximo de 10. Neste senso o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, adiantou que a idea do goberno municipal é comezar a falar en breve cos grupos da oposición co obxectivo de licitar este servizo de cara ao próximo ano. Ademais, indicou que se estudará a posibilidade de abrir un proceso de licitación que inclúa o servizo de recollida de lixo e mailo de limpeza viaria. Este punto foi aprobado cos votos a favor dos membros do goberno, Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os concelleiros/as de Pacto por Ames e do Partido Popular abstivéronse.

A continuación aprobouse tamén por maioría absoluta o deslinde dun camiño público no lugar da Ponte Nova, na parroquia de Agrón. Esta cuestión inclúe unha petición de información por parte da Valedora do Pobo, incoada a partir da queixa presentada por unha das veciñas do lugar. A queixa está relacionada coa apertura deste camiño público, que está situado entre dúas fincas de propiedade particular, unha delas da propia veciña. O conflito derívase do desprazamento existente no trazado do camiño, polo que é invadido por unha das fincas, manténdoo pechado. Este punto foi aprobado cos votos a favor dos membros do goberno, Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os concelleiros/as de Pacto por Ames e do Partido Popular abstivéronse.

Aprobación de propostas
O grupo municipal do Partido Popular presentou dúas propostas. A primeira para apoiar e respaldar ás forzas e corpos de seguridade do Estado como garantes do estado de dereito. Esta moción inclúe unha condena ás agresións, de diferente tipo, que estes corpos poidan sufrir. Asemade, a iniciativa insta ao conxunto das institucións públicas a empregar todos os mecanismos que, en defensa da soberanía do pobo español e do interese xeral do estado, atribúenlle a Constitución e as leis. Do mesmo xeito, tamén insta ás institucións a actuar, coas ferramentas do estado de dereito, contra as iniciativas que pretendan conculcar o marco constitucional e a unidade de España. Esta proposta foi aprobada cos votos a favor dos grupos municipais do Partido Popular, Pacto por Ames, PSdeG, e do concelleiro non adscrito, Javier López. Os concelleiros/as do BNG, Ames Novo e a concelleira de Contigo Pódese, Genma Otero, votaron en contra, mentres que o concelleiro Javier García e maila concelleira Silvia Dapena, ambos do grupo municipal Contigo Pódese, abstivéronse.

A segunda moción presentada polo Partido Popular de Ames tratou sobre a defensa do sector turístico. A proposición insta ao Concello a condenar os actos vandálicos cometidos contra persoas e instalacións do sector turístico e a expresar o seu apoio aos empresarios e traballadores deste ámbito, así como a todos os turistas que nos visitan. Do mesmo xeito, con ela tamén se insta ao goberno central e á Xunta de Galicia a mostrar firmeza na defensa dos intereses turísticos, a actuar fronte aos actos vandálicos cometidos e a non gravar con novos impostos nin a subir os xa existentes no sector. A moción tamén inclúe a aposta do Concello de Ames por un turismo de calidade, diversificado e sostible, motor de crecemento económico. Esta proposta foi aprobada cos votos a favor dos grupos municipais do Partido Popular, Pacto por Ames, PSdeG, e do concelleiro non adscrito, Javier López. Os concelleiros/as do BNG, Ames Novo e Contigo Pódese votaron en contra.

Por outra banda, o concelleiro non adscrito, Javier López, realizou unha proposta de fomento do vehículo eléctrico no concello. A proposición inclúe a solicitación ao Ministerio de Economía, Industria e Competitividade dun novo plan Movea, que permita continuar a impulsar a mobilidade con vehículos de enerxías alternativas. No caso de que se aprobase este plan, a proposta incorpora a solicitude dos fondos necesarios para a creación dunha infraestrutura de carga rápida e semi-rápida en puntos estratéxicos, co obxectivo de promover a implantación do coche eléctrico en Ames e segundo o estudo previo realizado polos técnicos de mobilidade municipais. Esta proposta foi aprobada por unanimidade de toda a corporación.

O concelleiro Enrique Costas, do grupo municipal Ames Novo, retirou da orde do día unha moción que presentaran para o rexeitamento, por parte do Concello de Ames, da Proposición de Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais. O motivo de retirar dita proposta non foi outro que dispor de tempo suficiente para abordar dúas mocións presentadas por vía de urxencia.

Mocións por vía de urxencia
A primeira delas foi presentada polo goberno municipal sobre a aprobación da modificación do anexo de investimentos 1/2017. No anexo de investimentos do orzamento municipal para o exercicio 2017, aprobado definitivamente o 29 de maio de 2017, incluíase o proxecto denominado Orzamentos Participativos 2017-Investimentos no rural. No momento da aprobación de ditos orzamentos as actuacións a levar a cabo non estaban concretadas, polo que no Anexo de Investimento recolleuse expresamente que ditas actuacións se reflectirían mediante a modificación do dito Anexo.

Constituída a Comisión de Orzamentos Participativos (COP) e achegadas as propostas por parte da veciñanza, seleccionáronse definitivamente unha serie de propostas pola COP e a listaxe de actuación que se van executar. Polo tanto, o Pleno aprobou de xeito inicial a tramitación do expediente de modificación do Anexo de Investimentos, para incluír con cargo ao crédito consignado para os orzamentos participativos cinco actuacións por valor de 27.519,67 euros, quedando pendentes de concretar actuacións por valor der 104.480,33 euros con cargo a aplicación dos orzamentos participativos. Esta moción foi aprobada cos votos a favor dos membros do goberno, do grupo de Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os concelleiros/as do Partido Popular e de Pacto por Ames, abstivéronse.

Por último, abordouse unha moción presentada por vía de urxencia, polo goberno municipal e o grupo municipal de Ames Novo, sobre a defensa dunha política agro-forestal sostible. Esta moción quedou pendente de votar, xa que no momento no que se estaba debatendo levantouse a sesión plenaria ao chegar ás 00:00 horas.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Candocia y Chus Bóo se despidieron del Ayuntamiento"
El Correo Gallego: "Pilar Candocia, histórica da política amesá, deixa o pleno xunto a Bóo Feijóo"
El Correo Gallego: "Exenciones amienses a discapacitados en el impuesto de vehículos"
La Voz de Galicia: "Urbaser asumirá durante otro año la limpieza viaria en Ames"
Lindeiros: "O pleno de Ames despide a Pilar Candocia e Chus Bóo"