[30-10-2017] O alumnado de sexto de Primaria do CEP de Ventín tivo a oportunidade de asistir este luns, 30 de octubro, a representación do espectáculo clown O Valo, creado por Pallasos en Rebeldía para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A representación, que se encadra dentro da conmemoración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas – fixado pola Organización das Nacións Unidas (ONU) o 21 de xuño -, busca promover unha reflexión sobre as fronteiras e a situación das persoas refuxiadas.
Este luns, 30 de outubro, o alumnado de sexto de Primaria do CEP de Ventín tivo a oportunidade de asistir á representación do espectáculo clown O Valo. A obra, que aborda o encontro entre unha nena que escapa da guerra e un rapaz soldado, conta coa participación da actriz Saleta Fernández e do actor Fran Rei. A peza, que está dirixida por Iván Prado, baséase no texto homónimo de Carlos Labraña, gañador con esta obra do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil.
A obra foi creada por Pallasos en Rebeldía para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, co gallo da conmemoración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, fixado pola ONU o 21 de xuño. Após ter recorrido varios concellos galegos, recalou finalmente no Concello de Ames. A peza, que está cofinanciada pola Xunta de Galicia, pretende ser unha homenaxe ás persoas refuxiadas, cuxas vidas constitúen o xerme da loita contra todos os valados, muros e fronteiras que separan aos seres humanos.
O Fondo Galego de Cooperación está integrado por unha rede de máis de 90 concellos galegos e polas deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra. Fundado en 1997, centra o seu traballo no eido da cooperación ao desenvolvemento, a través de proxectos en países do sur global e de campañas de sensibilización da sociedade galega en prol da solidariedade internacional. Pallasos en Rebeldía, pola súa banda, naceu no ano 2004, en Chipas, México. O grupo teatral, que se define a si mesmo como un espazo do teatro galego creado para traballar a cooperación internacional a través da risa, considera que o clown desenvolve unha función protectora de valores sociais como a crítica, o dereito a rir ou a superación dos complexos a través das gargalladas.