Actualidade

Ex., 24-06-2025
Ex., 24-06-2025
Venres, 10 de novembro de 2017

[10-11-2017] O Concello de Ames vén de realizar os trámites necesarios para dar de alta a súa Agrupación de Protección Civil no Rexistro de Protección Civil da Xunta de Galicia. Ademais, vaise a dar de alta no servizo de emerxencias 112 para para participar en operativos que pon en marcha a Axencia Galega de Emerxencias. A Agrupación de Protección Civil de Ames conta con 20 voluntarios/as. Durante esta fin de semana, 12 efectivos participarán en tres operativos en Bertamiráns, O Milladoiro e Negreira.

Venres, 10 de novembro de 2017

[10-11-2017] O departamento de Persoal achega, para a súa publicación, o resultado do terceiro exercicio e da proposta final do Tribunal para o nomeamento dunha/dun técnica/o de Secretaría.

Venres, 10 de novembro de 2017

[10-11-2017] Este venres, 10 de novembro, sae publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o anuncio de licitación de concesión de nichos, tumbas, panteóns e columbarios do cemiterio municipal de Ames, que está situado no lugar de Os Batáns. O goberno municipal puxo en marcha unha campaña para informar á veciñanza de que dispón un prazo de 20 días naturais para presentar as súas solicitudes. Dito prazo rematará o día 30 de novembro (inclusive). As ofertas deberán presentarse, nalgún dos rexistros municipais, en dous sobres pechados (A e B) coa documentación que se indica no prego de condicións que rexen o proceso de licitación. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a documentación necesaria para participar na licitación.

Venres, 10 de novembro de 2017

[10-11-2017] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura, informa da publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da convocatoria de axudas, para a adquisición de libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado do segundo ciclo de educación infantil (curso 2017-2018). O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 9 de decembro. A contía máxima destinada a esta convocatoria ascende a 18.500 euros, sendo de 120 euros o importe máximo concedido por cada nena ou neno. Premendo no enlace que está á dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar as bases desta convocatoria de axudas e imprimir o impreso de solicitude.

Venres, 10 de novembro de 2017

[10-11-2017] O pasado xoves, 9 de novembro, celebrouse o acto de conmemoración dos vinte anos de andaina do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello de Ames. A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, asistiu á celebración acompañada polo técnico municipal de Servizos Sociais, Leo Pena, e pola técnica de Turismo, Sonia Moure, quen participou, no 2016, no programa Vacación con Traballo en Cabo Verde. O evento, que combinou a reivindicación da loita contra a pobreza e a defensa dos dereitos humanos con diferentes actividades de carácter lúdico, tivo lugar na Cidade da Cultura, no auditorio Xosé Neira Vilas, a partir das 11:00 horas.

Xoves, 09 de novembro de 2017

[09-11-2017] O Concello de Ames informa sobre a convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinado ao alumnado de segundo ciclo de educación infantil para o curso 2017-2018. A contía máxima destinada a esta convocatoria de axudas ascende a 18.500 euros. A convocatoria de ditas axudas saíu publicada o xoves, 9 de novembro, no Boletín Oficial da Provincia (BOP). O prazo de presentación de solicitudes é de 30 días naturais, polo que poderán presentarse dende o 10 de novembro ata o día 9 de decembro de 2017.

Xoves, 09 de novembro de 2017

[09-11-2017] Este venres, 10 de novembro, o Milladoiro acollerá o seu tradicional Castañazo, o magosto organizado por un grupo de familias con crianzas escolarizadas no CEP de Ventín, co apoio da ANPA As Brañas e a colaboración do Concello de Ames. Ao longo da tarde haberá, ademais de castañas, chourizos e doces, cantina con bebidas quentes, xogos tradicionais e música, así como un sorteo dunha PS4 e outros premios. O magosto celebrarase a partir das 17:30 horas, na praza Manuel Murguía.

Xoves, 09 de novembro de 2017

[09-11-2017] O vindeiro luns, 13 de novembro, o salón de plenos do Concello de Ames acollerá unha conferencia, ás 19:30 horas, acerca das mudanzas que presenta a nova Lei de Autónomos. A conferencia, que será impartida pola licenciada en Ciencias Económicas, consultora de empresas e formadora, Begoña Fernández, encádrase dentro do Vives Emprende. Un programa cofinanciado polo Fondo Social Europeo, que está organizado polo Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e en colaboración coa asociación Acción contra a Fame. A conferencia está dirixida a persoas emprendedoras e empresarias autónomas.

Xoves, 09 de novembro de 2017

[09-11-2017] O goberno municipal presentou este xoves, 9 de novembro, no local social de JUPEMI, ante un grupo de 40 veciños/as, o proxecto técnico de arranxo da urbanización do PM5-03 do Milladoiro. Deste xeito, trátase de regularizar a situación irregular dunhas 200 vivendas que se atopan entre as rúas Figueiras e da Moa e entre a avenida de Rosalía de Castro e a a rúa Costa Grande. A arquitecta municipal, Marta Bellas, e mailo arquitecto que redactou o proxecto de obras que se van a executar, David Fernández, explicáronlle aos veciños/as afectados/as os traballos que se fan a realizar.

Xoves, 09 de novembro de 2017

[09-11-2017] A Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade informa á veciñanza amesá de que unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia (CTG) acudirá o luns, 13 de novembro, ata O Milladoiro. O vehículo estará estacionado na rúa Curuxa, ao carón de supermercados El Árbol, en horario de mañá, de 09:30 a 14:00 horas, e de tarde, de 15:30 a 21:00 horas. Lémbrase que se deberá acudir en posesión da tarxeta de doante ou do DNI ou un documento identificativo similar.