Pestanas principais

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade asiste ao acto de celebración dos 20 anos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Venres, 10 de novembro de 2017

[10-11-2017] O pasado xoves, 9 de novembro, celebrouse o acto de conmemoración dos vinte anos de andaina do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello de Ames. A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, asistiu á celebración acompañada polo técnico municipal de Servizos Sociais, Leo Pena, e pola técnica de Turismo, Sonia Moure, quen participou, no 2016, no programa Vacación con Traballo en Cabo Verde. O evento, que combinou a reivindicación da loita contra a pobreza e a defensa dos dereitos humanos con diferentes actividades de carácter lúdico, tivo lugar na Cidade da Cultura, no auditorio Xosé Neira Vilas, a partir das 11:00 horas.


O evento, que estivo conducido pola compañía clown Pallasos en Rebeldía, incluíu diferentes actuacións: os contos da Tropa de Trapo, a lectura de poemas e relatos por parte da escritora Marilar Aleixandre e a música do grupo de mulleres de orixe caboverdiana Batuko Tabanka. As actuacións intercaláronse con discursos como os do presidente do Fondo Galego de Cooperación e alcalde de Nigrán, Juan González, e o da vicepresidenta da Confederación de Fondos, Xelo Angulo. O evento incluíu a proxección de varios vídeos sobre o Fondo Galego e a instalación nos soportais da Biblioteca da exposición 20 anos a Fondo coa solidariedade, deseñada polo ilustrador Pepe Carreiro.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 91 concellos galegos e polas deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo. Fundando en 1997, o Fondo concentra os seus traballos no eido da cooperación ao desenvolvemento, tendo realizado máis de 150 proxectos en preto de 30 países ao longo destes 20 anos. Algúns destes países son Cabo Verde, Nicaragua, Cuba, Perú e Mozambique.

Ademais, o Fondo Galego promove numerosas actividades e materiais co obxectivo de sensibilizar á cidadanía galega en relación a temas como a solidariedade internacional, as realidades do sur global, a igualdade de xénero, as migracións e as persoas refuxiadas. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está recoñecido pola Fegamp como axencia municipal da cooperación galega e avalado pola Unión Europea como referente para a promoción das redes de cooperación descentralizada. Despois de catro anos sen aboar a cota de socio, no 2015, o Concello de Ames volveu a colaborar co Fondo Galego de Cooperación, abonando, asemade, as contribucións atrasadas. Desde entón, o Concello amesán participa, novamente, das asembleas e actividades programadas polo Fondo.