Actualidade

Ex., 06-09-2026
Ex., 06-09-2026
Mércores, 17 de xuño de 2026
Os Encontros co Alcalde continuarán en setembro con xuntanzas nos núcleos do Milladoiro e Bertamiráns

Dende o 21 de abril ata o 16 de xuño, o Goberno municipal realizou unha rolda de visitas polas parroquias do municipio que se enmarcaron no programa de Encontros co Alcalde. O obxectivo foi explicar o traballo que se está realizando dende o Concello, aclarando as dúbidas da veciñanza sobre temas concretos e tomar nota das reclamacións e demandas. Ditas xuntanzas vanse retomar trala época estival, a partir do mes de setembro, con dúas novas xuntanzas nos auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro.

Mércores, 17 de xuño de 2026
O Concello realiza unha recepción ao IES do Milladoiro como gañador do Club de Debate Alingua 2026

O salón de Plenos da Casa do Concello acolleu un acto de recepción e recoñecemento ao alumnado e profesorado do IES do Milladoiro que vén de gañar a final do Club de Debate Alingua 2026, celebrada no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns o pasado sábado 25 de abril. A través de dito recibimento púxose en valor o enxeño e capacidade de argumentación da mocidade, así como o seu desenvolvemento das destrezas orais en contextos formais e informais.

Martes, 16 de xuño de 2026
Ames conmemora o Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+ cun cartel cheo de actividades durante a fin de semana do 26 e 27 de xuño

Co gallo da celebración do Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+, o Concello de Ames, a través dos departamentos de Igualdade e Xuventude, prepara un feixe de actividades durante o venres 26 e o sábado 27 de xuño na explanada do pavillón municipal de Bertamiráns e no Paseo da Igualdade do Milladoiro. Deste xeito, o venres haberá diversos obradoiros temáticos, farase a entrega de premios do Concurso Fotográfico LGTBIQ+, e celebrarase a festa Holi Party. O sábado a acción pasará por outro obradoiro e un gran xogo colectivo. 

Martes, 16 de xuño de 2026
Arredor de 60 persoas participaron na andaina teatralizada polo Mar de Ovellas

O Concello de Ames, a través dos departamentos de Turismo e Normalización Lingüística, organizou un ano máis esta ruta polo Mar de Ovellas, incluída na programación de Rosalía 2026. Deste xeito, 55 persoas participaron o pasado domingo, 7 de xuño, nesta andaina teatralizada polo grupo Os Quinquilláns e pola regueifeira Lupe Blanco. A ruta partiu de Augapesada e rematou no local social de Trasmonte cunha pequena festa con música e degustación de petiscos. 

Martes, 16 de xuño de 2026
Achégate ao piragüismo na xornada de portas abertas deste sábado na praia fluvial de Tapia

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, organiza para este sábado, 20 de xuño, unha xornada de iniciación ao piragüismo que se desenvolverá na praia fluvial de Tapia entre as 11:30 e as 13:30 horas. A través desta actividade búscase que os amesáns e as amesás que o desexen poidan aprender a dominar esta embarcación. A xornada “Achégate ao piragüismo” consistirá nunha sesión de portas abertas á que poderán asistir todas aquelas persoas maiores de 8 anos interesadas nesta actividade, sempre e cando saiban nadar. Para participar nesta actividade gratuíta, que require inscrición previa a través do correo electrónico info@ribeirasdotambre.es, hai que levar traxe de baño, unha camiseta e chancletas.

Luns, 15 de xuño de 2026
O CEIP Agro do Muíño presenta o proxecto de mediación artística “Paredes que escoitan, paredes que falan”

O CEIP Agro do Muíño desenvolveu o proxecto de mediación artística e creación mural contextual “Paredes que escoitan, paredes que falan”, impulsado polo Concello de Ames, a través da Concellería de Igualdade, e dirixido por 7H Cooperativa Cultural en colaboración coa artista urbana Nana. Esta iniciativa foise construíndo entre os meses de febreiro e xuño, coa vontade de crear referentes femininas vencelladas á historia local. A idea é realizar novos proxectos coma este noutros centros educativos do concello. 

Luns, 15 de xuño de 2026
A astronomía e os petróglifos centran as actividades da Aula da Natureza durante a temporada estival

A Aula da Natureza xa ten lista a súa programación para os meses de xuño, xullo, agosto e setembro. Unha programación que se centra na cultura castrexa, a recollida de herbas de San Xoán, a eclipse total de sol, a interpretación de petróglifos e a observación de estrelas. Para inscribirse nas actividades da Aula da Natureza, é preciso enviar a ficha de inscrición, que se pode descargar nesta ligazón, ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Preme nesta ligazón para consultar a programación.

Luns, 15 de xuño de 2026
Xa está aberto o prazo para renovar na Escola Municipal de Teatro

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, abriu este luns día 15 de xuño o prazo para a renovación de praza na Escola Municipal de Teatro de Ames. Dito prazo está dirixido ás persoas inscritas no curso anterior. O prazo de renovación de praza estará aberto ata o 23 de xuño. Posteriormente, do 29 de xuño ao 10 de xullo abrirá un segundo prazo para novas inscricións nos grupos que queden prazas libres. Tanto para renovar praza como para inscribirse por primeira vez haberá que cubrir o impreso normalizado e presentalo no Rexistro Electrónico Xeral do Concello de Ames ou na Sede electrónica do Concello. Tamén se poderá presentar no Rexistro presencial nas oficinas de Bertamiráns e do Milladoiro. Para dispor de máis información pódese consultar o folleto informativo da Escola municipal de teatro. 

Luns, 15 de xuño de 2026
A Escola de Música celebra este mércores, 17 de xuño, o concerto de fin de curso 2025-2026

A Escola Municipal de Música de Ames celebra este mércores, 17 de xuño, o concerto de fin de curso, unha cita na que o alumnado interpretará diferentes pezas musicais para poñer así peche final a este ano escolar. O recital terá lugar a partir das 19.30 horas na pista de fútbol sala do Milladoiro, que está situada ao carón da Casa da Cultura. Está previsto que neste concerto actúen arredor de 100 alumnos/as xunto ao profesorado da EMMA.

Domingo, 14 de xuño de 2026
O 15 de xuño abren as piscinas municipais descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro e maila praia fluvial de Tapia

Este luns, 15 de xuño, comeza oficialmente o período estival en Ames xa que as piscinas descubertas municipais e a praia fluvial de Tapia abren ao público por primeira vez este ano. O horario de apertura das piscinas do Milladoiro e Bertamiráns será de 11:00 a 21:00 horas, de luns a domingo, mentres que na praia fluvial de Tapia o horario de apertura será de 15:00 a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados e domingos, de 11:00 a 21:00 horas. Durante estes horarios haberá servizo de vixilancia e socorrismo. Antes da apertura realizáronse traballos de acondicionamento e mellora nestas instalacións.