Pestanas principais

A astronomía e os petróglifos centran as actividades da Aula da Natureza durante a temporada estival

Luns, 15 de xuño de 2026

A Aula da Natureza xa ten lista a súa programación para os meses de xuño, xullo, agosto e setembro. Unha programación que se centra na cultura castrexa, a recollida de herbas de San Xoán, a eclipse total de sol, a interpretación de petróglifos e a observación de estrelas. Para inscribirse nas actividades da Aula da Natureza, é preciso enviar a ficha de inscrición, que se pode descargar nesta ligazón, ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Preme nesta ligazón para consultar a programación.

A programación de primavera da Aula da Natureza comeza este vindeiro sábado, 20 de xuño, coa actividade Vive a cultura Castrexa. Trátase dun obradoiro arqueolóxico, que vai impartir Francisco Ameixeiras, no que se van mostrar as técnicas utilizadas na arte rupestre e un mural coas técnicas e motivos da arte da Prehistoria. Tamén se fará unha exhibición e práctica de caza sobre diana con propulsor, así como unha exhibición de lume e unha explicación do seu uso e das técnicas de como producilo na prehistoria.

Este obradoiro impartirase nas instalación da Aula da Natureza, o sábado 20 de xuño, en horario de 11.00 a 14.00 horas. Está dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 14 anos. Ofértanse 20 prazas. Para participar hai que inscribirse. Haberá servizo de autobús.     

Ademais, para o domingo, 21 de xuño, haberá un saída para recoller herbas de San Xoán. Para elo farase unha ruta periurbana para a identificación e recollida das herbas, que se empregan para meter na auga e deixalas nun recipiente durante a noite de San Xoán. O punto de encontro para participar nesta actividade será a Casa da Cultura de Bertamiráns. A saída realizarase de 11.00 a 13.00 horas e está aberta a todos os públicos. Ofértanse 30 prazas. Para participar hai que inscribirse.

Achegándonos á eclipse
Por outra banda, o martes 30 de xuño e o xoves 2 de xullo, ás 19.00 horas, vanse a realizar dúas actividades relacionadas coa eclipse total de sol que se vai a producir o 12 de agosto. Trátase de actividades sobre o coñecemento da eclipse e recomendacións para unha observación segura. Nesta actividade vanse a distribuír gafas de protección de homologación CE ISO 12312-2-2015. Esta actividade estará impartida por Ramón Iglesias Marzoa. O martes 30 de xuño realizarase na Casa da Cultura do Milladoiro, mentres que o xoves 2 de xuño desenvolverase no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Esta actividade está aberta a todos os públicos e non é necesaria inscrición previa.

O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, explica que con estas dúas actividades “vaise incidir nese evento astronómico da eclipse, que se vai a producir o 12 de agosto, xa que o concello de Ames vai a ser deses lugares privilexiados nos que se vai poder observar. Debido a iso dende o Concello vanse realizar estas dúas actividades para achegar información sobre como se vai a producir, coñecer os mellores lugares para poder observalo, as horas de observación, e que medidas de protección hai que adoptar para non sufrir danos oculares”.

Interpretación de petróglifos e observación de estrelas
Para os meses de xullo e setembro tamén está previsto realizar dúas actividades de interpretación de petróglifos e observación de estrelas, que estarán impartidas por Antón Bouzas. O punto de encontro para as dúas actividades, do venres 17 de xullo e do sábado 5 de setembro, será o Bosque do peregrino situado en Ventosa (Covas). Estas saídas están abertas a todos os públicos e realizarase en horario de 20.30 a 23.30 horas. Ofértanse 40 prazas. É necesario inscrición previa.

Nesta actividade combínase a visita aos petróglifos de Peneda Negra e Monte Castelo e unha observación do ceo nocturno, na que se vai a ver a relación existente entre diferentes constelacións e mitos, crenzas e tradicións relacionadas cos petróglifos.

Inscrición nas actividades
En todas as actividades terán prioridade as persoas empadroadas no Concello de Ames. Para inscribirse nas actividades da Aula da Natureza, é preciso enviar a ficha de inscrición, que se pode descargar nesta ligazón, ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo da Aula da Natureza.

A astronomía e os petróglifos centran as actividades da Aula da Natureza durante a temporada estival

Multimedia

  • A astronomía e os petróglifos centran as actividades da Aula da Natureza durante a temporada estival