Actualidade

A EIM A Madalena do Milladoiro achégase cada vez máis a normalidade, retomando actividades como o Samaín, que se celebrou nas súas aulas este pasado venres, respectando os grupos burbulla e os protocolos sanitarios establecidos. “O importante é pasalo ben”, destacou a directora do centro, Sandra Dios, que agradeceu a colaboración “coma sempre” das nais e pais da rapazada, que se achegou á escola con disfraces e maquillaxes terroríficas.

Con motivo da celebración de Santa Icía patroa da música, a Escola Infantil A Madalena converte novembro no mes máis musical do ano realizando diversas actividades. Nesta ocasión, as pequenas e pequenos da escola escoitaron cancións de diferentes xéneros, contos cantados, a realización de manualidades e incluso asistiron a unha actuación musical de Leticia Falcón, da Escola de Estudos Musicais Allegro.

O alumnado da escola infantil municipal A Madalena comezou o mes de maio con excursións moi divertidas e diferentes. Durante as primeiras semanas, os cativos e cativas axudaron a plantar árbores bombeiras en Ventosa e pasearon polo monte da zona, mentres que o primeiro venres do mes chegaron á praza do Obradoiro de Santiago e aproveitaron para dar unha volta pola cidade no tren turístico.