Actualidade

Youtubeiras+, o proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña co obxectivo de promover o talento en galego nas redes sociais, acada xa a súa novena edición e, desta volta, incorpora varias cambios nos seus galardóns. A principal novidade deste ano é que poderá presentarse ao concurso calquera creación de contidos en galego de calquera rede social e en todo tipo de formatos. Repartiranse en total 7.500€ entre as persoas gañadoras das sete categorías nas que se divide o certame canle, Creación de contidos, Podcast, Revelación, Calidade lingüística, Rede e Premio do Público. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 16 de novembro ás 23.59 horas.

A Real Academia Galega e Alingua celebran esta mañá en Rois un encontro para coñecer polo miúdo o proxecto de promoción do idioma na infancia Modo galego, actívao! de cara á súa posible implantación en concellos que conforman esta asociación de entidades locais pola normalización lingüística. Os municipios coñecerán os detalles do programa de investigación e acción que o Concello de Ames e a Real Academia Galega desenvolven dende 2021. A proposta é singular tanto pola variedade e o número de axentes implicados, xa que inclúe propostas para máis de 2.500 alumnos e alumnas dos centros públicos amesáns, as súas familias, o profesorado e o persoal dos servizos complementarios de educación; coma por combinar a posta en práctica de accións para a dinamización da lingua coa súa posterior avaliación por parte da RAG.

O programa Apego comeza a súa programación habitual para as crianzas amesás neste mes de setembro. Desta volta, organizan a actividade “Para cantar e bailar” de Luís Prego e Samuel Soto, un concerto con melodías e ritmos propios do noso folclore que terá lugar ás 18.00 horas, o venres 12, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Esta actividade é de balde e está dirixida para público familiar. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, xoves 4 de setembro, ata o vindeiro día 11. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Música de diferentes estilos, xogos, contos, teatro, baile, xogo libre, obradoiros, maxia, cine, arrolos, creatividade, imaxinación, natureza... O Concello de Ames presenta unha ampla e variada programación con Apego para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro de 2025. O obxectivo central de todas estas actividades é achegarlles recursos e propostas creativas ás familias para facilitarlles a transmisión da lingua e favorecer unha crianza positiva e con moito apego polo noso. Pódese consultar o programa completo e a información detallada sobre cada unha das actividades premendo nesta ligazón.

Desde mañá, 2 de setembro, ata o vindeiro día 10 estará aberto o prazo de inscrición nos obradoiros de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!”, unha iniciativa que busca aproximar a veciñanza á lingua e á cultura galegas dun xeito práctico e progresivo, así como favorecer a cohesión social e a integración das persoas procedentes de fóra de Galicia. Bertamiráns e O Milladoiro acollerán cadanseu obradoiro, de case un mes de duración, con sesións de dúas horas e en horario de mañá, de luns a xoves. As inscricións, de balde, poden realizarse de xeito presencial acudindo ao Servizo de Normalización Lingüística, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou á oficina do Servizo de Atención ás Persoas Migrantes (SAMI), situada na rúa de Abaixo, número 10, do Milladoiro. Tamén poderá formalizarse a inscrición chamando por teléfono aos números 662 377 215 / 981 535 941.

Ao abeiro do programa Apego, a Concellaría de Normalización Lingüística pon en marcha un ano máis as Brincadeiras Miúdas, unha xornada de música, baile, xogos tradicionais, creación de xoguetes que se celebrará na Carballeira de Ventín, detrás do colexio de Ventín. As brincadeiras comezarán cun concerto participativo de Cé Orquestra Pantasma e continuarán con xogos tradicionais, xogo libre e desestruturado e un espazo para a creación libre de xoguetes con materiais naturais. A actividade diríxese ao público familiar. A xornada é de balde e non precisa de inscrición previa. Celebrarase ás 18:00 horas e terá unha duración aproximada de hora e media. No caso de que as condicións meteorolóxicas non sexan favorables, a actividade aprazarase e realizarase nunha nova data. Nos vindeiros días anunciarase o resto da programación de Apego para o derradeiro cuadrimestre do ano.

Este xoves, 21 de agosto, celébrase unha nova sesión dos Serán de Ames que estará protagonizada por As Armadanzas. Montse Rivera e Mercedes Prieto ofrecerán o espectáculo “Do Courel ao Condado” no que se xunta música e teatro. O espectáculo dirixido ao público familiar desenvolverase detrás do Local Social de Bugallido ás 20.00 horas. A programación dos Seráns de Ames pecharase o vindeiro xoves, 28 de agosto, en Tapia, cos Xogos de Miudiño e unha actuación musical a cargo de Mary Iglesias. Estas actividades son de acceso libre e gratuíto.

Hoxe sábado, 14 de xuño, celebrouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro a gala de entrega de premios do XXII Certame Literario Concello de Ames, un acto literario-musical no que participaron 13 dos 18 gañadores nas modalidades de poesía e de narrativa. O evento estivo presentado pola xornalista de Ames Radio, Belén Martínez. Da parte musical encargouse o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames. Participaron os alumnos e alumnas de iniciación da agrupación de violín, do grupo de combo folk e de música e movemento. Todos os textos premiados publicaranse nun libro colectivo que verá a luz no vindeiro mes de abril.

O programa Apego despide a súa programación deste primeiro semestre do ano cunha última proposta para as crianzas amesás, o obradoiro de cianotipia “Fotografando as herbas de San Xoán”, que terá lugar o vindeiro venres 20 de xuño no Parque do Ameneiral, ás 18.00 horas. O prazo de inscrición está aberto ata o xoves día 19 de xuño. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

A Concellaría de Normalización Lingüística acaba de publicar a listaxe de persoas gañadoras da vixésimo segunda edición do Certame Literario de Ames. Na edición deste ano, recibíronse un total de 158 traballos, e foi na categoría de poesía para maiores de 18 anos na que houbo un maior número de participantes, con 72 obras recibidas. As persoas encargadas de xulgar os textos desta edición foron: María López Sández, Manuel Núñez Singala e Mariña Pérez Rei; as tres pertencentes ao ámbito literario e referentes na creación literaria galega actual. A entrega de premios estará presentada por Belén Martínez, xornalista de Ames Radio, e terá lugar este sábado, 14 de xuño, ás 12:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Pódese descargar a acta completa do xurado na seguinte ligazón.
- ‹ anterior
- 8 de 49
- seguinte ›




