Pestanas principais

Montse Rivera e Mercedes Prieto protagonizan unha nova sesión dos Seráns de Ames en Bugallido

Mércores, 20 de agosto de 2025

Este xoves, 21 de agosto, celébrase unha nova sesión dos Serán de Ames que estará protagonizada por As Armadanzas. Montse Rivera e Mercedes Prieto ofrecerán o espectáculo “Do Courel ao Condado” no que se xunta música e teatro. O espectáculo dirixido ao público familiar desenvolverase detrás do Local Social de Bugallido ás 20.00 horas. A programación dos Seráns de Ames pecharase o vindeiro xoves, 28 de agosto, en Tapia, cos Xogos de Miudiño e unha actuación musical a cargo de Mary Iglesias. Estas actividades son de acceso libre e gratuíto.

Durante os xoves de xullo e agosto os Seráns de Ames ofreceron e ofrecen propostas culturais en diferentes parroquias do concello para todos os públicos. Este xoves, 21 de agosto, ás 20.00 horas en Bugallido, é a quenda do programa Apego, co espectáculo das Armadanzas, que representarán o espectáculo “Do Courel ao Condado”.

Unha actividade para público familiar que xunta teatro e música. Nela, dúas das integrantes de Leilía, Montse Rivera e Mercedes Prieto traerannos cantigas, bailes e xogos tradicionais recollidos por todo o país para gozarmos do solpor mentres cantamos e bailamos en familia. Todas e todos os asistentes aprenderemos un pequeno repertorio de cantigas que perdurará na nosa memoria para cando o precisemos.

Neste espectáculo Matilde é unha moza do Courel e Xan un mozo do Condado, eles serán o fío que nos leve por distintos bailes, baseados na tradición pero actualizados e teatralizados. As persoas asistentes vanse divertir bailando e cantando pezas do noso repertorio tradicional.

Os temas que forman parte desta proposta recolléronse de persoas de idade en diferentes lugares de Galicia. Eran as cantigas, os bailes e os xogos que se foran transmitindo oralmente de xeración e xeración e cos que se divertían facendo máis levadeira a vida cotiá. Ao mesmo tempo, coñeceremos diferentes variantes dialectais da lingua e darémoslle continuidade ao noso patrimonio cultural.

Será á fresca, na carballeira que está detrás do local social de Bugallido. Para participar non é preciso inscrición previa. As persoas que acudan en coche poden aparcar no campo da festa. Estas actividades son de acceso libre e gratuíto.

A programación dos Seráns de Ames pecharase o vindeiro xoves, 28 de agosto, na praia fluvial de Tapia, a partir das 17.30 horas, cos Xogos de Miudiño e cun concerto da amesá Mary Iglesias, que comezará arredor das 19.30 horas.

Novas relacionadas: 

El Correo Gallego: "Seráns de Ames en Bugallido con 'Do Courel ao Condado'"

Diario de Santiago: "Montse Rivera e Mercedes Prieto protagonizan unha nova sesión dos Seráns de Ames en Bugallido"

Montse Rivera e Mercedes Prieto protagonizan unha nova sesión dos Seráns de Ames en Bugallido

Multimedia

  • Montse Rivera e Mercedes Prieto protagonizan unha nova sesión dos Seráns de Ames en Bugallido