- Tematica
O programa Apego despide a súa programación deste primeiro semestre do ano cunha última proposta para as crianzas amesás, o obradoiro de cianotipia “Fotografando as herbas de San Xoán”, que terá lugar o vindeiro venres 20 de xuño no Parque do Ameneiral, ás 18.00 horas. O prazo de inscrición está aberto ata o xoves día 19 de xuño. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.
O proxecto Apego pon fin á súa programación para o primeiro semestre deste 2025, co obradoiro de cianotipia “Fotografando as herbas de San Xoán”, de Alouette Machine. Nesta última actividade, que se desenvolverá o venres 20 de xuño, a rapazada realizará diferentes fotocomposicións empregando a luz do sol e a auga. A cianotipia é un proceso de impresión fotográfica moi antigo que serve para crear imaxes en tons de azul.
Deste xeito, os nenos e nenas, poderán ir aprendendo a recoñecer as herbas de San Xoán, ao mesmo tempo que poñen en valor a lingua e o patrimonio cultural e ambiental.
Esta actividade é de balde e está dirixida a un público familiar con crianzas a partir de 3 anos. Desenvolverase a partir das 18.00 horas no Parque do Ameneiral, en Bertamiráns. O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro xoves, 19 de xuño e, para participar, é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, idade das crianzas e un teléfono de contacto.
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.
As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Apego oferta un obradoiro de cianotipia para os rapaces de Ames"






