Pestanas principais

Os Premios Youtubeiras+ abren a participación á creación de contidos en galego en todas as redes sociais

Mércores, 17 de setembro de 2025

Youtubeiras+, o proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña co obxectivo de promover o talento en galego nas redes sociais, acada xa a súa novena edición e, desta volta, incorpora varias cambios nos seus galardóns. A principal novidade deste ano é que poderá presentarse ao concurso calquera creación de contidos en galego de calquera rede social e en todo tipo de formatos. Repartiranse en total 7.500€ entre as persoas gañadoras das sete categorías nas que se divide o certame canle, Creación de contidos, Podcast, Revelación, Calidade lingüística, Rede e Premio do Público. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 16 de novembro ás 23.59 horas. 

Os Premios Youtubeiras+ presentan a súa novena edición, que este ano abre a participación a contidos en galego en calquera rede social e en todos os formatos. Co lema “Alborotando o algoritmo”, o concurso, que ata a edición pasada só permitía concorrer a quen lanzase as súas creacións en YouTube e TikTok, amplía así o seu campo de acción e permite competir ás persoas maiores de 16 anos que teñan canles autoproducidas nas redes sociais en activo e accesibles durante o certame. 

Estas novidades anunciáronas hoxe en rolda de prensa a vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Susana Reboreda; o alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García; o rexedor do Concello de Rois, Ramón Tojo, e a concelleira de Normalización Lingüística de Moaña, María Dolores Chapela. 

Durante a súa intervención, o alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, puxo en valor que “Youtubeiras+ é un proxecto que reúne e unifica a moitas administracións, como deputacións, universidades e concellos, e parte do seu éxito débese a iso, á coordinación e colaboración entre institucións diversas gobernadas por diferentes opcións políticas. Ademais, o galego é un ben común, e todas e todos, independentemente da cor política que representemos, debemos asumir a responsabilidade de fomentar o seu uso e de apoiar proxectos como Youtubeiras+. Está claro que queda moito traballo por diante, e precisamos facer cada vez máis forza para mellorar o presente e o futuro da nosa lingua”. 

Categorías, premios e inscrición
Nesta novena edición, os Premios Youtubeiras+ repartirán 7500 € entre as persoas gañadoras das sete categorías nas que se divide o certame este ano: Canle, Creación de contidos, Podcast, Revelación, Calidade lingüística, Rede e Premio do Público. Todos os premios están dotados con 1000 €, agás os das dúas primeiras categorías, cuxos galardóns ascenden aos 1250 €. O prazo de inscrición xa está aberto e remata o próximo 16 de novembro ás 23.59 horas. 

A novidade deste ano é que o certame estará aberto para todo tipo de creacións en galego, de calquera rede social e en todo tipo de formatos. Deste xeito, amplíanse as posibilidades de participación un público máis amplo e preténdese achegar o certame aínda máis á mocidade.

Nesta edición, os Premios Youtubeiras+ repartirán 7.500 euros en premios, que se distribuirán entre sete categorías: canle de YouTube e canle de Tiktok  (1.250 euros cada unha), creación de contidos (1.000 euros), revelación (1.000 euros), calidade lingüística (1.000 euros), rede (1.000 euros) e o premio do público (1.000 euros).

Para este último galardón, calquera persoa poderá presentar suxestións a través do formulario habilitado na web www.youtubeiras.gal. O prazo para facer estas propostas estará aberto ata o 16 de novembro. Ninguén poderá propoñer como candidatos os seus propios vídeos . Con todas as candidaturas recibidas crearase un formulario de votación que se difundirá polas redes sociais de Youtubeiras+ e estará habilitado do 25 de novembro ao 5 de decembro.

Xurado e obradoiros
O xurado que escollerá as canles e persoas gañadoras deste ano estará conformado por: Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense e presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL); Jon Amil, médico e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL); Carlos Pereiro, xornalista e comunicador de videoxogos; María Rúa, creadora de contidos e gañadora do Premio á Creación de Contidos de 2024, e Uxío Broullón, ilustrador e deseñador gráfico. 

Por outra banda, os obradoiros de Youtubeiras+, outro piar fundamental do proxecto, serán impartidos nesta edición por; Nuria Espasandín e Sergio Casal, de Toxío, e mais Laura Veiga, de Pingando. 

Novas relacionadas: 

El Correo Gallego:  "Youtubeiras ábrese a todas as redes con 7.500 euros en premios"

Os Premios Youtubeiras+ abren a participación á creación de contidos en galego en todas as redes sociais

Multimedia

  • Os Premios Youtubeiras+ abren a participación á creación de contidos en galego en todas as redes sociais