Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para a actividade “Para cantar e bailar” de Luís Prego e Samuel Soto, incluída no programa Apego

Xoves, 04 de setembro de 2025

O programa Apego comeza a súa programación habitual para as crianzas amesás neste mes de setembro. Desta volta, organizan a actividade “Para cantar e bailar” de Luís Prego e Samuel Soto, un concerto con melodías e ritmos propios do noso folclore que terá lugar ás 18.00 horas, o venres 12, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Esta actividade é de balde e está dirixida para público familiar. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, xoves 4 de setembro, ata o vindeiro día 11. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

O proxecto Apego retoma a súa programación habitual neste mes de setembro. Nesta ocasión, organizan a actividade “Para cantar e bailar” de Luís Prego e Samuel Soto, un concerto cheo de cantigas, danzas sinxelas e xogos cantados e bailados para que as crianzas experimenten e teñan o seu primeiro contacto co baile tradicional e coas melodías e ritmos propios do noso folclore. 

Luís Prego é mestre de baile e música tradicional desde 1989, ademais de investigador do folclore tradicional galego. En canto a Samuel Soto, é un músico e compositor ligado ao mundo da música tradicional dende hai varios anos. Na súa proposta, ámbolos dous artistas pretenden achegar aos máis pequenos e pequenas da casa, dun xeito ameno e adaptado a eles, o noso folclore e música tradicional. 

Esta actividade é de balde e está dirixida a un público familiar. Desenvolverase a partir das 18.00 horas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro xoves, 11 de setembro e, para participar, é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto. 

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.

As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Aberto o prazo de inscrición para a actividade “Para cantar e bailar” de Luís Prego e Samuel Soto, incluída no programa Apego

Multimedia

  • Aberto o prazo de inscrición para a actividade “Para cantar e bailar” de Luís Prego e Samuel Soto, incluída no programa Apego