Actualidade

O Concello de Ames presentou esta mañá, na Casa do Concello en Bertamiráns, unha ampla e variada programación con Apego para a primeira metade de 2026. O obxectivo central de todas estas actividades é achegarlles recursos ás familias que faciliten a transmisión da lingua e favorezan unha crianza positiva e con moito apego polo noso. A programación abre o vindeiro venres, 6 de febreiro, co concerto-presentación do novo disco da Gramola Gominola, Parabéns para nós!, dirixido a un público familiar. Premendo nesta ligazón podes descargar a programación completa do programa infantil con Apego.

O Enreguéifate continúa a medrar e a bater récords de participación edición tras edición. O proxecto de dinamización lingüística arredor da improvisación oral suma nesta novena edición un total de 109 obradoiros escolares en 48 centros educativos dos seis concellos impulsores do proxecto: Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo.

A novena edición dos Premios Youtubeiras+ xa ten finalistas. Un total de 28 canles aspiran a levar algún dos sete galardóns deste certame organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo e mais da Deputación da Coruña. As persoas e canles gañadoras destes galardóns, que teñen como obxectivo promocionar o talento en galego nas redes sociais, daranse a coñecer durante unha gala que este ano terá lugar no Teatro Jofre de Ferrol o sábado 7 de febreiro. Presentarana Leila Fernández (que forma parte da canle O faiado pódcast) e Carlos Vieito (integrante do proxecto Exército Mekemeke). Anunciárono así esta mañá en rolda de prensa o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística de Ferrol, Patricia Cons, e a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra. Preme nesta ligazón para consultar a relación de finalistas.

Hoxe aterran en Ames os obradoiros escolares do Enreguéifate. Ata seis centros escolares do concello se incorporan nesta segunda rolda de obradoiros do proxecto, que convidan a explorar a improvisación oral en verso –a regueifa– como eixo para revitalizar o uso do galego entre a mocidade.

Desde hoxe ata o 6 de marzo estará aberto o prazo de inscrición no certame de regueifas en vídeo do Enreguéifate, o proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, centrado na divulgación e posta en valor da improvisación oral en verso en lingua galega.

O CEP de Ventín acolleu hoxe a presentación da cuarta edición de Modo Galego, actívao!, o proxecto de investigación-acción da Real Academia Galega e o Concello de Ames que explora novos xeitos de promover o uso do galego entre a xente nova e avaliar os resultados. A experiencia desenvólvese desde 2023 coa implicación do alumnado dos colexios públicos, as familias, o profesorado e persoal dos servizos complementarios de educación amesáns, e constitúe unha aposta singular no eido da dinamización lingüística de carácter integral que se aplica tanto nos espazos escolares coma noutros contextos de socialización dos nenos e nenas nos que está implicada a administración local. Seguindo esta filosofía, a incorporación das escolas deportivas de xestión municipal é unha das novidades da xeira que arrincará o luns que vén coa sinatura por parte duns 2.700 alumnos e alumnas do “Acordo de compromiso lingüístico” que negocien nas súas aulas.

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este luns pola tarde a Gala de entrega da oitava edición dos Premios Lingua e Empresa, organizada polas Concellarías de Normalización Lingüística e de Promoción Económica. As empresas galardoadas foron O Zapateiro, na categoría A de uso consolidado da lingua galega, e Pés Nus, na categoría B de nova incorporación á lingua, ambos establecementos situados na localidade de Bertamiráns. Os dous representantes das empresas gañadoras recibiron unha figura conmemorativa e un diploma, que se engaden á dotación de 1.500 euros e á campaña de difusión publicitaria en Ames Radio.

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e do departamento de Promoción Económica, organizou un ano máis os Premios Lingua e Empresa. Desta volta, presentáronse 32 empresas, un número similar á anterior edición. A alta participación indica a consolidación desta convocatoria como un incentivo para promover o uso do galego no tecido empresarial de Ames. As empresas gañadoras desta edición coñeceranse na Gala Lingua e Empresa que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro este luns, 15 de decembro, ás 20.30 horas. Os premios están dotados de 1.500 euros e unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal.

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e do departamento de Promoción Económica, organizou a VIII edición dos Premios Lingua e Empresa, unha iniciativa que busca estimular o uso da lingua galega no ámbito empresarial. Nesta oitava edición presentáronse 32 entidades establecidas en Ames e delas, o xurado recoñecerá dúas, unha na categoría de uso consolidado e outra na de nova incorporación. As gañadoras desvelaranse o vindeiro luns, 15 de decembro, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, nunha gala que contará coa actuación de Leti da Taberna.

O Apalpador visitará Ames o vindeiro venres 12 de decembro, ás 18.00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. A visita, enmarcada dentro do programa Apego, contará tamén coas actuacións musicais da Banda da Montaña e de Cé Orquestra Pantasma. Para asistir, é preciso facer unha inscrición previa enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, indicando nome e apelidos dos asistentes, idade dos cativos e un teléfono de contacto. O prazo de inscrición está aberto do 4 ao 11 de decembro.
- ‹ anterior
- 5 de 49
- seguinte ›




