- Tematica
O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e do departamento de Promoción Económica, organizou un ano máis os Premios Lingua e Empresa. Desta volta, presentáronse 32 empresas, un número similar á anterior edición. A alta participación indica a consolidación desta convocatoria como un incentivo para promover o uso do galego no tecido empresarial de Ames. As empresas gañadoras desta edición coñeceranse na Gala Lingua e Empresa que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro este luns, 15 de decembro, ás 20.30 horas. Os premios están dotados de 1.500 euros e unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal.
A Gala Lingua e Empresa contará coa actuación de Leti da Taberna, que coas súas decenas de miles de seguidores nas redes sociais promove e defende o uso da lingua galega desde o humor. Este acto ten como obxectivo darlles difusión a todas as empresas participantes, salientar o activo que supón o uso da lingua galega na actividade empresarial e crear un espazo de encontro e intercambio de experiencias.
Será un evento aberto a toda a veciñanza que queira participar. No acto estarán presentes a maior parte das empresas participantes tanto nesta edición como nas anteriores e nel poderemos coñecer cales son as empresas que o xurado recoñeceu na presente convocatoria.
O alcalde e responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Blas García, indica que “esta gala será un acto aberto ao público no que se pretende poñer en valor a lingua galega no marco empresarial local e servir como recoñecemento e como espazo de encontro e de intercambio de experiencias entre empresas amesás que teñen presente o galego na súa comunicación”.
O empresariado amesán segue apostando polo uso do galego na súa actividade
Este ano presentáronse 32 empresas, un número similar á anterior edición. A alta participación indica a consolidación desta convocatoria como un incentivo para promover o uso do galego no tecido empresarial de Ames.
A convocatoria ten dúas categorías: na primeira delas presentáronse negocios que fan un uso consolidado e estable do galego (dende fai máis de dous anos) e, na segunda, participan empresas que naceron nestes dous últimos anos ou que incorporaron a lingua galega na súa comunicación nese mesmo período.
Este ano, na categoría A (uso consolidado da lingua) participan 25 empresas, mentres que na categoría B (nova incorporación da lingua) presentáronse 7 empresas. A contía que se repartirá nestes premios será de 3.000 euros en total, 1.500 para cada unha das categorías. Xunto coa dotación económica, o premio inclúe unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal.
Cómpre destacar que o número total de entidades participantes é semellante ao da edición anterior, manténdose a participación de empresas que xa teñen un uso consolidado da lingua, desta volta 25, con respecto ao ano previo, que foron 26. Este feito reafirma así a aposta da utilización do galego entre os negocios de Ames.
Composición do xurado
O xurado está formado polo Secretario Xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Miguel López Crespo, como representante de consumidores e consumidoras; o presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Ramón Cordido Ríos, como representante do asociacionismo empresarial; e Lucía Ferro Diz, graduada en Lingua e Literatura Galega e especialista en Normalización Lingüística. Ademais, a técnica municipal de normalización lingüística, Rosa Moreiras, como secretaria secretaria.
Os membros do xurado foron os encargados de valorar a utilización da lingua galega na comunicación diaria da empresa, tanto a nivel oral como por escrito e tamén de forma interna e externa. Ademais, tívose en conta o impacto que ten a propia actividade dos negocios en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística.
Novas relacionadas
Diario de Santiago: "Milladoiro acolle a Gala Lingua e Empresa na que se desvelarán as gañadoras da oitava edición dos premios"





