- Tematica
Hoxe aterran en Ames os obradoiros escolares do Enreguéifate. Ata seis centros escolares do concello se incorporan nesta segunda rolda de obradoiros do proxecto, que convidan a explorar a improvisación oral en verso –a regueifa– como eixo para revitalizar o uso do galego entre a mocidade.
Ata mediados de febreiro terán lugar en Ames un total de quince obradoiros repartidos en seis centros educativos amesáns: o CEIP de Ventín, o CEP A Maía, o CEIP Agro do Muíño, o CEIP de Barouta, o IES Plurilingüe de Ames e o IES do Milladoiro.
O calendario de obradoiros do Enreguéifate articúlase entre novembro de 2025 e febreiro de 2026, desenvolvendo preto de 80 sesións en centros educativos dos seis concellos impulsores do proxecto: Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo. Estes encontros cos xéneros da improvisación oral, dirixidos ao alumnado de 5º e 6º de primaria e da ESO, son dinamizados polo cadro de formadoras do Enreguéifate, formado por referentes e profesionais da improvisación oral galega como Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo, Xairo de Herbón, Cristian de Burela e Manuele Pardo.
A novena edición do proxecto Enreguéifate continúa a súa viaxe a promover o galego a través da improvisación, a creatividade e a retranca, nesta ocasión baixo o lema versos doutro universo, salientando o carácter expansivo, integrador e inclusivo da regueifa. Edición tras edición, o Enreguéifate amplía a súa comunidade, erixíndose como un punto de encontro imprescindible para coñecer e divulgar a improvisación oral na nosa lingua.
O Enreguéifate convida a participar no seu certame de regueifas en vídeo
Amais dos obradoiros de formación, o proxecto vén de abrir o prazo de inscrición no seu certame de regueifas en vídeo, do 12 de xaneiro ao 6 de marzo. Coma en anteriores ocasións, o certame convida a participar á comunidade educativa na súa categoría escolar, mais tamén conta cunha categoría xeral, na que calquera persoa pode participar. A inscrición pode realizarse a través da web do Enreguéifate, onde xa están dispoñibles as bases completas do certame. As persoas interesadas deberán enviar un vídeo no que participen, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego sobre un tema libre, cunha duración máxima de tres minutos.
Este ano volverán outorgarse oito galardóns por cada categoría –escolar e xeral–, para recoñecer a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira, nunha entrega de premios que terá lugar o xoves, 16 de abril de 2026 no Teatro Principal de Pontevedra.






