Pestanas principais

O Zapateiro e Pés Nus son as empresas gañadoras da oitava edición dos Premios Lingua e Empresa

Martes, 16 de decembro de 2025

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este luns pola tarde a Gala de entrega da oitava edición dos Premios Lingua e Empresa, organizada polas Concellarías de Normalización Lingüística e de Promoción Económica. As empresas galardoadas foron O Zapateiro, na categoría A de uso consolidado da lingua galega, e Pés Nus, na categoría B de nova incorporación á lingua, ambos establecementos situados na localidade de Bertamiráns. Os dous representantes das empresas gañadoras recibiron unha figura conmemorativa e un diploma, que se engaden á dotación de 1.500 euros e á campaña de difusión publicitaria en Ames Radio.

A Gala Lingua e Empresa estivo presentada por Leti da Taberna, que contou varios dos seus monólogos, sacando as gargalladas das persoas que se atopaban no público. Ademais, fixo un repaso das 32 empresas que participaron nesta edición dos Premios Lingua e Empresa. Leti da Taberna conta con decenas de miles de seguidores nas redes sociais e defende o uso da lingua galega desde o humor. Este acto tivo como obxectivo darlles difusión a todas as empresas participantes, salientar o activo que supón o uso da lingua galega na actividade empresarial e crear un espazo de encontro e intercambio de experiencias entre profesionais do sector.

A temática principal da Gala estivo ligada aos Selos REGA e o lema foi “A lingua rega ás empresas de Ames”, polo que houbo claras referencias á “rega” tanto na ambientación como durante o transcurso do evento. No acto estiveron presentes representantes de 27 empresas participantes no certame e, ademais, asistiu o alcalde e responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, así como varios concelleiros/as do goberno municipal e dos grupos municipais do Partido Popular e BNG.

O alcalde e responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Blas García, comezou dando as gracias “como digo sempre a todos os comercios, comerciantes, todos os emprendedores, a toda a hostalería, a todo o sector en xeral do noso concello que decide falar en galego, usar o galego e facer a súa publicidade en galego. Non me cansarei nunca de dicir e reivindicar a importancia da lingua galega porque é a nosa lingua, e é algo que temos que falar, porque o día que se deixe de falar perderemos a parte máis importante da nosa cultura, a parte máis importante da nosa esencia como país que é algo que ademais nos identifica. O galego, ademais de ser a nosa lingua, non é ningún demérito (e vós sabédelo) para os negocios que tedes, porque o galego dáche un sinal de identidade propio e é algo que dá proximidade aos nosos veciños cando van a unha tenda de roupa, á papelería, a unha cafetería ou cando van ao avogado”.

Por outra banda, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceu ás empresas por participar neste certame e falou da súa experiencia “nunha empresa de Ames na que estiven 23 anos. Comecei con 19 anos con moita ilusión e na que sempre falei o galego con gheada e seseo, aquel galego que falei sempre na miña casa coa miña familia, cos meus amigos e amigas e cos meus veciños e veciñas. Nunha ocasión unha clienta díxome que tiña que falar o galego normativo, ao que eu lle respondín que falaba o meu galego de toda a vida. O que quero dicir con isto é que falemos galego normativo ou o noso galego de toda a vida, o importante é empregar a nosa lingua”.

32 empresas participantes
Este ano presentáronse 32 empresas, un número similar á anterior edición. A alta participación indica a consolidación desta convocatoria como un incentivo para promover o uso do galego no tecido empresarial de Ames. Este ano, na categoría A (uso consolidado da lingua) participaron 25 empresas, mentres que na categoría B (nova incorporación da lingua) presentáronse 7 empresas.

Cómpre destacar que o número total de entidades participantes é semellante ao da edición anterior, manténdose a participación de empresas que xa teñen un uso consolidado da lingua, desta volta 25, con respecto ao ano previo, que foron 26. Este feito reafirma así a aposta da utilización do galego entre os negocios de Ames. 

Uso consolidado da lingua galega
Na categoría A, de uso consolidado da lingua, na que participaron empresas que realizan un uso estable e continuado da lingua galega dende hai máis de dous anos, a empresa escollida polo xurado foi O Zapateiro, situada na praza do Concello, en Bertamiráns, un negocio especializado na reparación de calzado e en artesanía en coiro. Deste xeito, recoñécese o traballo dunha empresa que leva décadas falando coa clientela no idioma da confianza e do oficio.

Dende 1993, este negocio é un referente de artesanía e de trato. Recibe dito premio porque leva máis de 30 anos demostrando que a lingua galega é a ferramenta máis útil do seu taller: a que xera proximidade, a que fideliza a clientela e a que mantén viva a esencia do comercio local. A escolla comunicativa desta empresa é a proba de que o galego é a lingua da experiencia, da sabedoría e do bo facer. 

Nova incorporación da lingua
Na categoría B, nova incorporación ou creación, participaron empresas que se crearon nos últimos dous anos ou que se incorporaron ao galego dentro dese mesmo período. A empresa premiada foi Pés Nus, unha zapatería de calzado respectuoso que abriu nos últimos meses na avenida da Maía, en Bertamiráns.

O xurado salienta a frescura e a aposta decidida polo uso da lingua como marca de distinción, de proximidade e de confianza. Esta empresa demostra que o galego é o idioma perfecto para a vangarda, para os novos conceptos de saúde e para conectar coas familias máis novas. Con esta proposta compróbase que se pode nacer plenamente en galego e, ademais, fomentar un consumo consciente e respectuoso a través da lingua. É un negocio moderno que elixe o idioma como unha bandeira de calidade para construír un futuro máis saudable. 

Os dous representantes das empresas gañadoras recibiron unha figura conmemorativa elaborada e deseñada pola firma amesá de artesanía galega Silvereira e un diploma acreditativo, que se engaden á dotación de 1.500 euros e á campaña de publicidade en Ames Radio cos que se premiaba cada categoría.

Composición do xurado
Nesta ocasión, o xurado estivo formado polo secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Miguel López Crespo, como representante de consumidores e consumidoras; o presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Ramón Cordido Ríos, como representante do asociacionismo empresarial; e Lucía Ferro Diz, graduada en Lingua e Literatura Galega e especialista en Normalización Lingüística.

O secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Miguel López, destacou “é para min unha honra e unha responsabilidade representar o xurado nesta oitava edición dos Premios Lingua e Empresa de Ames. Se hoxe estamos aquí, non é só para entregar uns premios, senón para celebrar que en Ames, a nosa lingua non é un adorno, senón unha ferramenta de traballo, de confianza e coa que camiñar cara ao futuro. Unha ferramenta tan forte que, cando o xurado se xuntou, a maior dificultade que atopamos foi precisamente tratar de valorar xustamente a calidade e o compromiso de todas e cada unha das vosas candidaturas, así como a excelencia e naturalidade coa que, cada vez máis, o sector empresarial de Ames aposta polo galego”.

Ademais, engadiu “tivemos que deliberar intensamente entre proxectos magníficos e, desta vez, o xurado identificou dous gañadores que representan o mellor do pasado e do futuro do noso idioma. Ambas as empresas demostran que a defensa da lingua non é unha meta, senón o camiño que se percorre día a día. Marcan o camiño coa normalización da lingua, demostrando que o galego é a ferramenta que nos achega á veciñanza. E marcan o camiño cun modelo de consumo máis consciente e circular, coidando non só dos nosos pés, senón tamén do noso futuro”.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "O Zapateiro e Pés Nus gañan os premios municipais Lingua e Empresa de Ames"

Diario de Santiago: "O Zapateiro e Pés Nus son as empresas gañadoras da oitava edición dos Premios Lingua e Empresa, en Ames"

O Zapateiro e Pés Nus son as empresas gañadoras da oitava edición dos Premios Lingua e Empresa

Multimedia

  • O Zapateiro e Pés Nus son as empresas gañadoras da oitava edición dos Premios Lingua e Empresa