Actualidade

A programación con Apego volve cunha nova actividade. O venres 8 de maio o grupo Golfiños trae a Ames o seu espectáculo “AIELÉ. De colo en colo, de canción en canción”, ás 18.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Este é un concerto participativo con cancións orixinais, inspiradas na tradición oral para crear un espazo cheo de xogo, música e emoción. O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o xoves 7 de maio. Para poder participar, as persoas interesadas deberán enviar os seus datos persoais a normalizacion@concellodeames.gal. A entrada é de balde.

O IES do Milladoiro é o novo equipo campión do Club de Debate Alingua. Os anfitrións conseguiron o título este sábado no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Os vixentes campións e gañadores das dúas anteriores edicións, o IES Terra de Xallas, soben tamén ao podio, mais desta volta no segundo chanzo.

Desde a Concellaría de Normalización Lingüística lémbrase que está aberto o prazo para participar na XXIII edición do Certame Literario de Ames, no que todas as persoas que o desexen poden presentar os seus textos inéditos de temática libre escritos en lingua galega. O prazo de presentación está aberto ata o vindeiro día 30 de abril. Pódese consultar o resumo das bases do certame na seguinte ligazón e descargar a ficha de participación nesta outra ligazón. Así mesmo, tamén se pode consultar o folleto con toda a información desta edición do Certame Literario na seguinte ligazón.

A explanada do pavillón de deportes de Bertamiráns acolleu este venres, 17 de abril, o festival de música infantil, Modo Galego, actívao! onde se xuntaron centos de rapaces e rapazas xunto as súas familias, para cantar e bailar co grupo de música tradicional amesá As Mainas, e con dúas das bandas máis potentes do panorama da música infantil en galego: A Gramola Gominola e Uxía Lambona e a Banda Molona. Con esta gran festa pechouse a cuarta edición deste programa que está organizado polo Concello de Ames e a Real Academia Galega, en colaboración coa Xunta de Galicia.

O auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu esta mañá a gala de entrega de premios da novena edición do certame Enreguéifate, o proxecto promovido polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo para fomentar os xéneros de improvisación oral en verso en lingua galega. En representación do Concello de Ames asistiron a concelleira de Educación e Mocidade, Beatriz Martínez, e mailo persoal do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras e María Hernando.

A explanada do pavillón de deportes de Bertamiráns acollerá este venres, 17 de abril, ás 17.30 horas, o festival de música infantil, Modo Galego, actívao! Trátase dunha festa coa que se pechará a cuarta edición deste programa que está organizado polo Concello de Ames e a Real Academia Galega, en colaboración coa Xunta de Galicia. No dito festival actuarán o grupo de música tradicional amesá As Mainas, e dúas das bandas máis potentes do panorama da música infantil en galego: A Gramola Gominola e Uxía Lambona e a Banda Molona. Poderá asistir todo o alumnado dos centros de ensino de educación infantil e primaria participantes este ano no programa Modo Galego, xunto coas súas familias. Tamén poden recoller un convite no Servizo de Normalización Lingüística as familias que forman parte do Programa Apego. A apertura de portas será ás 17.00 horas.

A programación con Apego volve cunha nova actividade. O xoves 23 de abril festexarase o Día do Libro coa actividade Contos da Tribo, dirixida por Cris de Caldas, ás 18.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Esta sesión combinará conto contado, formación e música en directo, e está dirixida a crianzas e persoas adultas. O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o mércores 22 de abril. Para poder participar, as persoas interesadas deberán enviar os seus datos persoais a normalizacion@concellodeames.gal. A entrada é de balde.

O departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames organizou este sábado 11 de abril, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, un acto para presentar o libro antolóxico do XXII Certame Literario. A dito acto acudiron a maior parte dos gañadores e gañadoras do certame literario de 2025, así como varios representantes da Corporación municipal, entre os que se atopaban o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística. O acto estivo presentado pola xornalista amesá Paula Pérez Cantelar e amenizado polo dúo musical Xeito de dous.

O departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza este sábado 11 de abril, ás 12.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, un acto para presentar o libro antolóxico do XXII Certame Literario. Ao dito acto acudirán os gañadores e gañadores do certame literario de 2025, estará conducido pola xornalista amesá Paula Cantelar e amenizado polo dúo musical Xeitodeodus.

O Pazo da Peregrina acolleu esta mañá a presentación do festival Modo Galego, actívao! Trátase dunha festa coa que se pechará a cuarta edición deste programa que está organizado polo Concello de Ames e a Real Academia Galega, en colaboración coa Xunta de Galicia. No dito festival actuarán o grupo de música tradicional amesá As Mainas, e dúas das bandas máis potentes do panorama da música infantil en galego: A Gramola Gominola e Uxía Lambona e a Banda Molona. A festa será o venres, 17 de abril, ás 17.30 horas, na explanada do pavillón de deportes de Bertamiráns. Todo o alumnado dos centros de ensino de Ames recibirá o seu convite para poder asistir acompañados das súas familias. A apertura de portas será ás 17.00 horas.
- ‹ anterior
- 2 de 49
- seguinte ›




