Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para actividade Contos da Tribo, enmarcada na programación Apego

Mércores, 15 de abril de 2026

A programación con Apego volve cunha nova actividade. O xoves 23 de abril festexarase o Día do Libro coa actividade Contos da Tribo, dirixida por Cris de Caldas, ás 18.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Esta sesión combinará conto contado, formación e música en directo, e está dirixida a crianzas e persoas adultas. O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o mércores 22 de abril. Para poder participar, as persoas interesadas deberán enviar os seus datos persoais a normalizacion@concellodeames.gal. A entrada é de balde.

O programa Apego regresa cunha nova actividade para as crianzas amesás e as súas familias. Desta volta a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá, o día 23 de abril, Contos da Tribo, unha sesión que combina conto contado, formación e música en directo, e que estará dirixida pola narradora oral Cris de Caldas. A xuntanza, que comezará ás 18.00 horas, conmemora o Día do Libro. 

Deste xeito, as crianzas amesás, xunto coas súas familias, poderán gozar dun espazo seguro, vivo, participativo e cheo de afecto no que establecer unha transmisión de historias a través do libro. Isto será posible grazas á coidada selección de libros coa que contará a actividade, todo co obxectivo de crear curiosidade pola lectura nos máis pequenos e pequenas. 

O prazo de inscrición xa está aberto dende hoxe, 15 de abril, e rematará o vindeiro mércores 22. Para poder participar nesta actividade de balde, as persoas interesadas deberán achegar o nome e apelidos das persoas que participarán, a idade dos nenos e nenas, e un teléfono de contacto. As prazas son limitadas e serán asignadas por orde de solicitude.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.

As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Aberto o prazo de inscrición para actividade Contos da Tribo, enmarcada na programación Apego

Multimedia

  • Aberto o prazo de inscrición para actividade Contos da Tribo, enmarcada na programación Apego