- Tematica
A explanada do pavillón de deportes de Bertamiráns acollerá este venres, 17 de abril, ás 17.30 horas, o festival de música infantil, Modo Galego, actívao! Trátase dunha festa coa que se pechará a cuarta edición deste programa que está organizado polo Concello de Ames e a Real Academia Galega, en colaboración coa Xunta de Galicia. No dito festival actuarán o grupo de música tradicional amesá As Mainas, e dúas das bandas máis potentes do panorama da música infantil en galego: A Gramola Gominola e Uxía Lambona e a Banda Molona. Poderá asistir todo o alumnado dos centros de ensino de educación infantil e primaria participantes este ano no programa Modo Galego, xunto coas súas familias. Tamén poden recoller un convite no Servizo de Normalización Lingüística as familias que forman parte do Programa Apego. A apertura de portas será ás 17.00 horas.
O pasado 6 de febreiro remataron as actividades propostas na cuarta edición de Modo Galego, actívao! Nesta edición participaron arredor de 2.700 alumnos e alumnas que contaron coa colaboración de case 300 docentes e uns 200 profesionais da educación non formal. O programa de actividades pechou cunha gran foliada en cada centro escolar que estivo dirixida polas pandeireteiras do grupo As Maianas e das asociacións de Bugallido, que ao igual que na edición anterior, cantaron e bailaron a canción Falo galego porque quero!!, que as propias Maianas crearon explicitamente para o Modo Galego.
A cuarta convocatoria volveu ser un éxito en canto á participación e confirma a consolidación da experiencia. Durante catro semanas, os alumnos e alumnas de infantil á ESO dos 11 centros públicos amesáns asumiron un obxectivo común: falaren galego o maior tempo posible e en todas as situacións do día a día, da casa á escola e do parque ás actividades extraescolares. Os nenos e nenas foron os auténticos protagonistas dunha proposta de marcado carácter lúdico. Este ano como novidade, ademais do alumnado dos centros de ensino, participaron no programa os usuarios e usuarias das escolas deportivas municipais.
Festival Modo Galego, actívao!
Nesta edición o peche oficial do programa farase o vindeiro venres, 17 de abril, cun gran festival na explanada do pavillón de deportes de Bertamiráns no que haberá unha gran festa con diversas actuacións musicais. Este festival ponlle o ramo ao programa Modo Galego, Actívao! que convidou a toda a comunidade educativa amesá activar a lingua galega durante un mes seguido. Será un espazo de encontro festivo ao que están convidados máis de 2.000 alumnos e alumnas, as súas familias e o seu profesorado e monitorado.
Desenvolverase este venres, 17 de abril, entre as 17.00 h e as 21.00 horas na explanada do pavillón municipal de Bertamiráns e nel actuarán o grupo de música tradicional amesá As Mainas, creador da banda sonora do programa, e dúas das bandas máis potentes do panorama da música infantil en galego: Uxía Lambona e a Banda Molona e Gramola Gominola.
Acceso gratuíto con convite familiar
Todo o alumnado e profesorado dos centros de ensino de infantil e primaria participantes no programa Modo Galego. Actívao! (CEIP a Maía, CEIP Agro do Muíño, CEIP de Barouta, CEP de Ventín, EEI do Milladoiro, Escola unitaria de Ortoño, Escola Unitaria de Covas, EIM A Madalena e EIM O Bosque) recibirá estes días un convite familiar que lle dará acceso ao festival a toda a familia. Ademais as familias inscritas no programa de dinamización lingüística Apego que non teñan nenos ou nenas escolarizadas nestes centros poden pasar polo Servizo de Normalización Lingüística para recoller un convite, o mércores 15 e o venres 17 das 9.00 h ás 15.00 horas.
A apertura de portas será ás 17.00 horas e permitirase o acceso durante todo o festival a todas as persoas que presenten un convite familiar ata completar a capacidade do espazo.
Zonas de estacionamento
Dende o departamento de Normalización Lingüística elaboraron un mapa coas zonas de estacionamento próximas ao pavillón. Aínda así, recomendan que, quen poida acceda ao recinto a pé, dando un pequeno paseo. As zonas de estacionamento están situadas na rúa dos Loureiros, na avenida da Peregrina (acceso dende a Escola Infantil O Bosque), no aparcadoiro ao lado do IES de Ames, e na avenida José Luis Azcárraga (diante do Pazo da Peregrina).
Novas relacionadas
amsGO!: "Este venres, 17 de abril, Festival Modo Galego, Actívao!"






