- Tematica
O departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames organizou este sábado 11 de abril, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, un acto para presentar o libro antolóxico do XXII Certame Literario. A dito acto acudiron a maior parte dos gañadores e gañadoras do certame literario de 2025, así como varios representantes da Corporación municipal, entre os que se atopaban o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística. O acto estivo presentado pola xornalista amesá Paula Pérez Cantelar e amenizado polo dúo musical Xeito de dous.
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este sábado, 11 de abril, a presentación do libro antolóxico que recolle os 18 textos gañadores do XXII Certame Literario Concello de Ames, celebrado o pasado ano 2025. A presentación estivo conducida pola xornalista amesá, Paula Pérez Cantelar, e contou coa actuación musical do dúo Xeito de dous, formado por Xián Ardións e Xiana Baliñas. A propia Paula foi a encargada de ir dando paso aos gañadores e gañadoras do certame literario de 2025, que leron fragmentos das súas propias creacións de narrativa e poesía.
O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García; a voceira do Partido Popular de Ames, Oliva Agra; a voceira do Bloque Nacionalista Galego de Ames, Escarlata Pampín; e mais a xornalista Paula Pérez Cantelar; tamén leron textos dalgúns autores e autoras que non puideron acudir ao acto.
Durante o acto, interviu o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, que comentou “trátase dun certame humilde, pero que ten un obxectivo claro como é defender a nosa lingua. Ademais, as persoas premiadas poden ver os seus textos publicados como acontece hoxe coa presentación deste libro, por iso ten tanto valor este certame”. Ademais, destacou que “neste certame serve máis como recompensa o prestixio de gañalo, que a contía económica en si, que é humilde. É un certame no que existen casos de participación de varias xeracións das mesmas familias debido ao seu longo percorrido”.
XXII Certame Literario do Concello de Ames
No libro inclúense todos os textos finalistas no XXII Certame Literario de Ames 2025 que recibiu un total de 158 traballos. Premiáronse dezaoito propostas que se repartiron entre as categorías de narrativa e poesía e entre as diferentes franxas de idade (maiores de 18, entre 14 e 17 anos e menores de 13).
Os traballos gañadores procedían dun total de 11 concellos distintos, espallados por toda a xeografía galega. Entre a listaxe de obras gañadoras, atópanse textos procedentes de Ames, Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Nigrán, Touro, Oroso, Bueu, Allariz, Lugo e Porto do Son. Do concello amesán son cinco dos textos premiados: o primeiro premio da primeira categoría na modalidade de narrativa, todos os premios da segunda categoría da modalidade de narrativa e o terceiro premio da segunda categoría na modalidade de poesía.
As persoas gañadoras recibiron como obsequio unha rosa e os cinco exemplares do libro que lles corresponden como compensación polos dereitos de autoría.

































