Actualidade

Ex., 19-08-2026
Ex., 19-08-2026
Martes, 15 de xullo de 2025
Estabilizado o incendio forestal que se produciu esta mañá no lugar de Caroubáns

O Concello de Ames tivo que activar hoxe, por primeira vez neste verán, o plan municipal de incendios forestais de 2025, que inclúe as actuacións en materia de prevención de incendios e mailo dispositivo municipal de actuacións ante lumes forestais para o período estival deste ano. Foi debido a un incendio forestal que se produciu no lugar de Caroubáns, pertencente á parroquia de Covas. Na súa extinción participaron medios aéreos e terrestres da Xunta de Galicia, así como medios municipais como a Policía Local, membros da Agrupación de Protección Civil e unha cisterna da empresa Urbaser, concesionaria do servizo de limpeza viaria. Na actualidade dito incendio, que afectou a unha superficie aproximada de 0,3 hectáreas, atópase estabilizado.

Luns, 07 de xullo de 2025
Preséntase o dispositivo municipal de actuacións ante incendios forestais para 2025

O Concello de Ames presentou esta mañá o plan municipal de incendios forestais de 2025, que inclúe as actuacións en materia de prevención de incendios e mailo dispositivo municipal de actuacións ante lumes forestais para o período estival deste ano. A finalidade deste dispositivo municipal dentro do Plan de Incendios na temporada de alto risco, que vai do 1 de xullo ao 30 de setembro, é a organización dos distintos medios persoais e materiais cos que conta o Concello para actuar dun xeito rápido e eficaz fronte a posibles incendios forestais que poidan desenvolverse en Ames. O obxectivo é que ante un incendio forestal cada grupo de intervención saiba cal é a súa labor evitando ou minimizando os imprevistos e facilitando a colaboración do Concello co director/a de extinción. Premendo nesta ligazón podes descargar o plan municipal de incendios forestais de 2025.

Mércores, 04 de xuño de 2025
O Milladoiro acolleu unha xornada de debate arredor do presente e futuro das comunidades enerxéticas

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu unha xornada aberta sobre o presente e futuro das comunidades enerxéticas. Abriron a xornada a subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, María Rivas, o alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo, que destacaron a importancia das administracións públicas no asesoramento para creación de comunidades enerxéticas e os beneficios que ditas entidades poden xerar para a veciñanza. Ao longo da mañá houbo diferentes mesas de debate nas que se afondou sobre a afectación xurídica das comunidades enerxéticas; a transición enerxética e o funcionamento da OTC de Ames; e os distintos programas de actuacións, financiamentos, achegas e demais axudas para a creación de comunidades enerxéticas. Premendo nesta ligazón poder coñecer os proxectos da Comunidade Enerxética “CE Ames Solar”.

Domingo, 01 de xuño de 2025
Ames impulsa a compostaxe doméstica entre a veciñanza con 200 novos composteiros e 4 biotrituradoras

O Concello de Ames continúa a reforzar o seu compromiso coa sustentabilidade e a xestión responsable de residuos, a través dunha nova iniciativa de fomento da compostaxe doméstica. Para iso, o Concello vai adquirir 200 composteiros domésticos que se porán a disposición das vivendas unifamiliares do municipio que desexen autoxestionar os seus residuos orgánicos mediante a compostaxe. Ademais, como novidade, incorporará catro biotrituradoras de uso compartido para facilitar o tratamento dos restos vexetais e a obtención de material estruturante para aquelas persoas que se sumen ao programa de compostaxe.

Venres, 30 de maio de 2025
Xornada OTC AMES

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o vindeiro mércores, 4 de xuño, unha xornada aberta sobre o presente e futuro das comunidades enerxéticas. Ás 9.30 horas farase a recepción e apertura a cargo do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e do alcalde de Ames, Blas García. Haberá tres bloques temáticos: o primeiro tratará sobre a afectación xurídica das comunidades enerxéticas; o segundo sobre a transición enerxética e o funcionamento da OTC-Ames; e no terceiro expertos da administración pública amosarán os distintos programas de actuacións, financiamentos, achegas e demais axudas para a creación de comunidades enerxéticas. As inscricións para participar en dita xornada poden realizarse premendo nesta ligazón.

Mércores, 28 de maio de 2025
Constituída a asociación CE Ames Solar para avanzar na creación de comunidades enerxéticas

O Pazo da Peregrina acolleu este pasado martes, 27 de maio, a asemblea de constitución da asociación CE Ames Solar, unha ferramenta xurídica sin ánimo de lucro que regulará as comunidades enerxéticas de Ames. Dita asociación queda constituída por 18 socios/as e unha xunta directiva moi diversa con membros de Trasmonte, Ames, Biduído e Tapia, entre outras parroquias. Ademais, dentro da asociación hai membros de practicamente todas as parroquias de Ames. Ames únese así á crecente rede de concellos galegos que apostan por este modelo enerxético participativo, tras experiencias exitosas como as de Xermade, Ponte Caldelas ou a Illa de Arousa, onde as comunidades enerxéticas xa están a xerar importantes beneficios económicos e ambientais para os seus participantes.

Sábado, 17 de maio de 2025
O Concello pon en marcha unha nova campaña para minimizar a expansión da avespa velutina

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, pon en marcha dende o 20 de maio, unha nova campaña para tratar de mitigar a expansión da especie invasora da avespa velutina. Deste xeito, comenzarase co reparto do material para o trampeo da avespa velutina no municipio. O persoal do departamento de Medio Ambiente será o encargado de ceder 200 unidades de líquido atrainte de raíñas. Ao mesmo tempo, achéganse unhas instrucións básicas sobre a colocación das trampas e a utilización do líquido atrainte. Dende o Concello farase un seguimento e avisarase, unha vez finalizado o período de trampeo, sobre a conveniencia de retirar as trampas para non danar outras especies. Cómpre lembrar que cando se atopa un niño de avespa velutina hai que chamar ao 012.

Domingo, 27 de abril de 2025
O Concello investirá preto de 64.000 euros para ampliar a rede de compostaxe doméstica

O Concello de Ames investirá 63.806,71 euros na ampliación da rede de compostaxe doméstica. Arredor do 75% do orzamento (47.459,54 euros) está sufragado a través dunha axuda da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, mentres que o 25% restante financiase con fondos propios municipais (16.347,17 euros). A través de dito proxecto estímase unha cobertura poboacional total de 600 habitantes, que se acadará coa instalación de 200 composteiros domésticos individuais. Ademais, a través desta subvención vanse adquirir 4 biotrituradoras domésticas que se cederán á veciñanza co fin de xestionar os restos de poda e mellorar a calidade do compost realizado. No vindeiro mes de maio abrirase unha convocatoria aberta a todos e todas as veciños de Ames que desexen participar no proxecto.

Xoves, 17 de abril de 2025
O Concello de Ames pon en marcha unha campaña informativa sobre “Como desfacerse dos restos da poda?”

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, vén de poñer en marcha a campaña “Como desfacerse dos restos da poda?”. Deste xeito, indícase que os restos da poda deberán depositarse nunha bolsa dentro do colector de orgánico sen ocupar máis de dous terzos da súa capacidade. Outra opción é deixar os restos ao lado do colector nunha bolsa de lixo cerrada. O que non se debe facer é deixar os restos da poda amoreados ao lado dos colectores de lixo. Ademais, existen outras como a compostaxe, queimar os restos (sempre con comunicación previa en queimasweb.xunta.gal) ou levalos a un xestor autorizado.

Xoves, 03 de abril de 2025
A Aula da Natureza presenta a súa programación para os meses de abril, maio e xuño

A Aula da Natureza xa ten lista a súa programación para estes meses de primavera, na que se inclúen varios obradoiros e visitas guiadas para gozar da paraxe que nos ofrece a natureza nesta época do ano. A primeira das actividades terá lugar este vindeiro sábado 12 de abril con “O enredo de abelleiro”, unha visita guiada ao Museo Vivente do Mel xunto cunha ruta da Fervenza das Hortas. Esta saída, apta para todos os públicos, conta con 50 prazas e desenvolverase entre as 10.30 e 18.00 horas. Cómpre destacar que se deberán abonar 3 euros pola entrada do museo. Para inscribirse a esta e ao resto de actividades da Aula da Natureza, é preciso enviar a ficha de inscrición, que se pode descargar na seguinte ligazón, ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.