- Tematica
O Concello de Ames continúa a reforzar o seu compromiso coa sustentabilidade e a xestión responsable de residuos, a través dunha nova iniciativa de fomento da compostaxe doméstica. Para iso, o Concello vai adquirir 200 composteiros domésticos que se porán a disposición das vivendas unifamiliares do municipio que desexen autoxestionar os seus residuos orgánicos mediante a compostaxe. Ademais, como novidade, incorporará catro biotrituradoras de uso compartido para facilitar o tratamento dos restos vexetais e a obtención de material estruturante para aquelas persoas que se sumen ao programa de compostaxe.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, reforza o seu compromiso coa xestión sostible de residuos coa distribución de 200 composteiros domésticos entre a veciñanza de vivendas unifamiliares que estea interesada na iniciativa.
A veciñanza das vivendas interesadas en participar neste programa deberán inscribirse no Concello. Premendo nesta ligazón podes descargar o impreso de solicitude. Nos próximos meses, recibirán formación técnica detallada e todo o material necesario para comezar a compostar (un composteiro doméstico, un caldeiro para a separación de residuos orgánicos na cociña, un aireador e un manual de compostaxe). Unha vez iniciada a compostaxe, o programa tamén ofrecerá un seguimento técnico personalizado, con visitas para resolver dúbidas e optimizar o proceso.
Con esta nova edición, o Concello de Ames superará os 400 composteiros domésticos, avanzando nos obxectivos de redución de residuos orgánicos e en consonancia coa normativa vixente. A iniciativa reflicte a aposta municipal pola economía circular e a implicación cidadá na protección do medio ambiente.
O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, destaca “a importancia do factor humano para o éxito deste tipo de iniciativas”. Ademais, indica que “se prioriza non só a instalación de novos composteiros, senón tamén o acompañamento integral aos participantes, que abarca a análise do proceso individual de compostaxe, a resolución de dúbidas e o apoio continuo para a consolidación desta práctica”.
Como participar no programa de compostaxe doméstica
As persoas residentes en vivendas unifamiliares que estean interesadas en sumarse ao programa de compostaxe deben inscribirse a través dos canais habituais do Concello (presencial o de xeito telemático) dende o 26 de maio ata esgotar existencias. Os composteiros repartiranse por orden de solicitude.
Unha vez inscritas, as familias participantes recibirán:
-Formación técnica: Sesións informativas para aprender a compostar correctamente.
-Kit de compostaxe: Un composteiro doméstico, un caldeiro para a separación dos biorresiduos na cociña, un aireador e un manual explicativo.
-Seguimento técnico: Visitas personalizadas para resolver dúbidas e optimizar o proceso de compostaxe.
Con esta nova acción, Ames superará a cifra de 400 composteiros instalados no municipio, avanzando cara aos obxectivos de recollida de residuos marcados pola lexislación e consolidando a súa aposta por unha xestión de residuos respectuosa co medio ambiente.
Se precisas mais información podes chamar ao tel 660 004 665 ou ven a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. Con esta acción, Ames segue avanzando nunha xestión de residuos máis responsable e respectuosa co medio ambiente.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Impulsan a compostaxe co reparto de 200 composteiros entre a veciñanza amesá"
Diario de Santiago: "Ames impulsa a compostaxe doméstica entre a veciñanza con 200 novos composteiros e 4 biotrituradoras"