- Tematica
O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu unha xornada aberta sobre o presente e futuro das comunidades enerxéticas. Abriron a xornada a subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, María Rivas, o alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo, que destacaron a importancia das administracións públicas no asesoramento para creación de comunidades enerxéticas e os beneficios que ditas entidades poden xerar para a veciñanza. Ao longo da mañá houbo diferentes mesas de debate nas que se afondou sobre a afectación xurídica das comunidades enerxéticas; a transición enerxética e o funcionamento da OTC de Ames; e os distintos programas de actuacións, financiamentos, achegas e demais axudas para a creación de comunidades enerxéticas. Premendo nesta ligazón poder coñecer os proxectos da Comunidade Enerxética “CE Ames Solar”.
Dentro das actividades organizadas pola OTC de Ames destaca a xornada realizada esta mañá no Milladoiro sobre o presente e futuro das comunidades enerxéticas. O acto de apertura correu a cargo da subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, María Rivas, do alcalde de Ames, Blas García, e do concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo.
A subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, María Rivas, dixo “o impulso ás comunidades enerxéticas é unha prioridade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico como demostra esa aposta en termos de investimento de 100 millóns de euros para fomentar unha nova forma de produción, xestión e consumo colectivo de enerxía. Tradúcese en medidas concretas que buscan acelerar a transición enerxética fortalecendo a participación cidadá, a autonomía local e a cohesión territorial. Nese contexto, o Concello de Ames está sendo un exemplo inspirador para outros moitos Concellos porque a través da creación da OTC, que conta co apoio do IDAE, estase ofrecendo un servizo de apoio e acompañamento a todos os axentes que queren impulsar unha comunidade enerxética local”.
O alcalde, Blas García, destaca “a importancia de empoderar á veciñanza para que se unan ás comunidades enerxéticas. Os Concello temos que buscar vías de aforro e unha delas é a enerxía. Que os Concellos se poidan sumar ás comunidades enerxéticas supón ter un aforro en enerxía, iso permítenos poder dedicar ese diñeiro a outros gastos que tamén son importantes, que acaban redundando en beneficio da veciñanza. Por iso dende Ames comezamos a traballar dende hai tempo na creación de comunidades enerxéticas. Creo que as administracións como o Goberno do Estado, a Xunta de Galicia e a Deputación, teñen que empezar a apostar por este tipo de enerxías. O xeito de facelo é axudándolle aos Concellos e á veciñanza coa instalación dos paneis fotovoltaicos e baterías, onde se poida almacenar enerxía que poida ser usada cando sexa necesario”.
O concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo, destacou que “o Concello de Ames leva traballando neste tipo de políticas de aforro enerxético dende fai anos e para elo é necesario contar en primeiro lugar con vontade política, pero o máis importante, sensibilidade técnica por parte dos servizos municipais. É importante que as administracións actuemos como catalizadores e impulsores, pero sempre colaborando como un máis coa veciñanza, pois son as persoas as que se deben beneficiar da enerxía xerada, directamente mediante descontos na factura da luz ou indirectamente creando bonos enerxéticos para as persoas con recursos limitados. Este tipo de políticas teñen un fin fundamental que é a conservación do noso planeta mediante a xeración de enerxía limpa”.
O réxime xurídico das comunidades enerxéticas
No primeiro bloque temático abordouse a afectación xurídica das comunidades enerxéticas. Falouse dos inconvenientes, garantías e demais aspectos legais e xurídicos que se derivan da creación dunha comunidade enerxética. Nesta mesa de debate, que estivo moderada por Hugo Sánchez, responsable da área xurídica da OTC Ames, interviron: Juan Bautista Suárez Ramos, viceinterventor da Deputación Provincial da Coruña; Adrián J. Márquez Caramés, secretario do Concello de Betanzos; e Carlos Amoedo Souto, catedrático E.U. Dereito Administrativo na Universidade da Coruña.
Neste apartado falaron de actualizar a lei de bases do réxime local. Tamén se falou de implementar novas leis e un novo marco normativo que favoreza o contexto das comunidades enerxéticas, xa que hai un vacío legal. Ademais, incidiuse en que as comunidades enerxéticas son infraestruturas comúns para compartir, neste caso enerxía, ao igual que podían ser ás comunidades de montes ou ás comunidade veciñais de auga.
Ames en transición
Neste apartado abordouse a transición enerxética e o funcionamento da OTC-Ames (Oficina de Transformación Comunitaria) do Concello de Ames. Para elo contouse con expertos na posta en marcha dunha comunidade enerxética que explicaron a súa experiencia. Esta mesa redonda estivo moderada por Iván Andrade, director técnico de Energal e responsable técnico da OTC-Ames.
O primeiro en intervir foi o concelleiro de Xestión do Medio Rural do Concello de Ames, Javier Antelo, que destacou “para este tipo de políticas necesítase unha sensibilidade especial, vontade para afrontar os atrancos administrativos. En Ames, nos obradoiros de emprego, a formación que se lle dá ao alumnado está dirixida ao aforro enerxético para traballar cos paneis fotovoltaicos. É importante o fomento destas iniciativas, o asesoramento, e a guía que se fai na Oficina de Transformación Comunitaria de Ames”.
Javier Antelo engadiu “a semana pasada constituíuse a asociación Ames Solar e estanse elaborando os primeiros proxectos para instalar os paneis fotovoltaicos. Estamos facendo xuntanzas para informar e captar o interese da veciñanza. O Concello actúa como impulsor e, ademais é membro da asociación. Dende o Concello vanse ceder cubertas e terreos para a instalación de paneis fotovoltaicos. O que queremos e que Ames Solar sexa a entidade impulsora para tratar de dotar de autonomía enerxética á veciñanza. A Concellaría de Servizos Sociais disporá unha bolsa de enerxía, que se usará para as familias máis vulnerables que non poden pagar a factura da luz”.
Comunidades enerxéticas Xerando, Arousa en Transición e de Buchabade
A continuación interviron Ernesto Ares Yáñez, da comunidade enerxética Xerando; Ramón Rodríguez Rodríguez, da comunidade enerxética Arousa en Transición; e Antonio Fernando Malvar Cortizo, da comunidade enerxética de Buchabade. Ramón Rodríguez explicou que a comunidade enerxética Arousa en Transición “é un proxecto de mar e luz, o primeiro en Arousa”. Trátase dun caso de éxito na Illa de Arousa a nivel de produción e venda de enerxía, e que permite electrificar a todos os barcos de batea.
Por outra banda, Ernesto Ares, de Xerando, resaltou que para a posta en macha de dita comunidade enerxética instaláronse paneis solares en escolas, campos de fútbol, aparcadoiros e cubertas; mentres que Antonio Fernando Malvar, da comunidade enerxética de Buchabade, dixo que se trata dunha comunidade de montes transformada en comunidade enerxética. “A xente entendeu moi ben o proxecto ao comparalo coas comunidades de montes e coas de auga”.
Impulso da administración
No terceiro e último apartado da xornada varios expertos da administración pública, amosaron os distintos programas de actuacións, financiamentos, achegas e demais axudas para a creación de comunidades enerxéticas, así como outras actividades que realizan para este cometido. Nesta mesa redonda, que estivo moderada por Pedro Tasende Cancela (director de Aporta Comunicación), participaron Javier Domínguez González, director Enerxía do INEGA, e María Lamelas Torrijos, técnica da área de proxectos da FEGAMP.
Por parte do INEGA, Javier Domínguez, realizou unha presentación da axenda enerxética de Galicia para 2030, mentres que María Lamelas, da FEGAMP, presentou a iniciativa EC4RURAL, un proxecto piloto de apoio de constitución de comunidades enerxéticas nos concellos galegos.
O peche da xornada correu a cargo do alcalde de Ames, Blas García, que puxo o foco na necesidade de darlle difusión, xerar pedagoxía e amosar as vantaxes das comunidades enerxéticas. Tamén incidiu en que as administración públicas teñen que prestar axuda ás comunidades enerxéticas, que se están creando, e outorgar seguridade xurídica a ditas entidades.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames acogió una jornada sobre el presente y el futuro de las comunidades energéticas"
El Correo Gallego: "Ames analiza o presente e o futuro das comunidades enerxéticas locais"
Diario de Santiago: "O Milladoiro acolleu unha xornada de debate arredor do presente e futuro das comunidades enerxéticas"

























