O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o vindeiro mércores, 4 de xuño, unha xornada aberta sobre o presente e futuro das comunidades enerxéticas. Ás 9.30 horas farase a recepción e apertura a cargo do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e do alcalde de Ames, Blas García. Haberá tres bloques temáticos: o primeiro tratará sobre a afectación xurídica das comunidades enerxéticas; o segundo sobre a transición enerxética e o funcionamento da OTC-Ames; e no terceiro expertos da administración pública amosarán os distintos programas de actuacións, financiamentos, achegas e demais axudas para a creación de comunidades enerxéticas. As inscricións para participar en dita xornada poden realizarse premendo nesta ligazón.
O Concello de Ames puxo en marcha unha Oficina de Transformación Comunitaria. Trátase dun espazo físico e virtual que ofrece información, asesoría e acompañamento para a creación de comunidades enerxéticas en Ames e na contorna. Ames foi unha das 5 entidades galegas que foron quen de acadar fondos do IDAE para a constitución dunha OTC.
Dentro das actividades organizadas pola OTC de Ames destaca unha xornada aberta sobre o presente e futuro das comunidades enerxéticas, que se vai realizar o mércores, 4 de xuño, a partir das 9.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Ás 9.30 horas farase a recepción e apertura a cargo do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e do alcalde de Ames, Blas García.
Primeiro bloque temático: xurídico
O primeiro bloque temático, que se desenvolverá de 10.00 a 11.00 horas, tratará sobre a afectación xurídica das comunidades enerxéticas. Inconvenientes, garantías e demais aspectos legais e xurídicos que se derivan da creación dunha comunidade enerxética. Neste apartado da xornada haberá unha mesa redonda, que estará moderada por Hugo Sánchez, responsable da área xurídica da OTC Ames, e onde intervirán:
-Juan Bautista Suárez Ramos, Viceinterventor da Deputación Provincial da Coruña.
-Adrián J. Márquez Caramés, secretario do Concello de Betanzos.
-Carlos Amoedo Souto, catedrático E.U. Dereito Administrativo na Universidade da Coruña.
Segundo bloque temático: Ames en transición
O segundo bloque temático desenvolverase de 11.30 a 13.00 horas. Nesta apartado abordarase a transición enerxética e o funcionamento da OTC-Ames (Oficina de Transformación Comunitaria) do Concello de Ames. Contarase con expertos na posta en marcha dunha comunidade enerxética que explicarán a súa experiencia. Haberá unha mesa redonda, moderada por Iván Andrade, director técnico de Energal e responsable técnico da OTC Ames, a cargo de:
-Javier Antelo Seoane, concelleiro de Xestión do Medio Rural de Ames.
CASOS DE ÉXITO:
-CE Xerando: Ernesto Ares Yáñez.
-CE Arousa en Transición: Ramón Rodríguez Rodríguez.
-CE de Buchabade: Antonio Fernando Malvar Cortizo.
Terceiro bloque temático: impulso da administración
No terceiro e último apartado da xornada varios expertos da administración pública, amosaranos os distintos programas de actuacións, financiamentos, achegas e demais axudas para a creación de comunidades enerxéticas, así como outras actividades que realizan para este cometido. Esta mesa redonda realizarase de 13.00 a 14.00 horas e estará moderada por Pedro Tasende Cancela (director de Aporta Comunicación). Participarán Javier Domínguez González, director Enerxía do INEGA, un representante do IDAE e María Lamela, técnica de Fondos Europeos da FEGAMP.
Para participar é necesario inscribirse previamente. As inscricións poden realizarse premendo nesta ligazón.