- Tematica
O CEIP Agro do Muíño, situado na parroquia amesá de Ortoño, recibiu esta mañá, no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre de Arteixo, o premio provincial do proxecto de educación medioambiental Voz Natura pola súa proposta interdisciplinar “Agronautas, orbitando en verde”. Deste xeito, o centro contará cunha dotación de 2.000 euros grazas ao seu traballo no que participaron cincocentos alumnos e alumnas coordinados por Yolanda González e co deseño de actividades proposto pola técnica do departamento de Medio Ambiente do Concello de Ames, Patricia Reboreda.
Tras anos de traballo en materia medioambiental, o CEIP Agro do Muíño vén de recoller os froitos logo da consecución do Premio Voz Natura ao mellor proxecto da provincia da Coruña grazas á proposta “Agronautas, orbitando en verde”, cunha vintena de actividades sobre as que o centro concienciou ao alumnado sobre os riscos do cambio climático.
Entre todas estas iniciativas, destacan a limpeza da praia fluvial de Tapia por parte dos alumnos e alumnas de cuarto de Educación Primaria, a visita á praia da Aguieira, en Porto do Son, ou a excursión a Ribeira para coñecer o parque de San Roque, o centro de interpretación de Corrubedo e rematar gozando das vistas que ofrece o alto da Curota.
Ademais das actividades en exterior, os rapaces e rapazas tamén actuaron de portas para dentro. A través das chamadas Patrullas Verdes de Agro do Muíño, o alumnado dende Educación Infantil ata sexto de Primaria estivo involucrado en tarefas de recollida de residuos e posterior compostaxe, o que lles permitiu crear un invernadoiro no que plantar diferentes tipos de vexetais grazas ao hummus xerado no composteiro.
Este proxecto estivo coordinado pola profesora do centro Yolanda González e contou co apoio e o deseño das actividades por parte da técnica municipal do departamento de Medio Ambiente do Concello de Ames, Patricia Reboreda. A través deste premio, o CEIP Agro do Muíño contará cun total de 2.000 euros para investir en actividades ambientais.
Acto de entrega do premio
O premio recollérono esta mañá nun acto celebrado no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre de Arteixo, no que ademais do alumnado e profesorado do colexio, participaron o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Educación, Beatriz Martínez.
A directora do CEIP Agro do Muíño, Mari Carmen Liñares, explica que “este premio supón un recoñecemento de moitos anos de traballo, nos que se realizou co alumnado diferentes saídas e obradoiro medioambientais, para traballar arredor da compostaxe e da reciclaxe. Deste xeito, fixemos saídas por rutas de Ames como a de Riamontes, visitamos ás Carballeiras de Ortoño e Ventín, pero tamén se puxo en valor espazos naturais como o dos ríos Sar e Tambre”.
Ademais engadiu “realizáronse saídas fóra do noso concello para coñecer espazos naturais como as Fragas do Eume e as Dunas de Corrubedo, entre outros lugares, e para realizar actuacións de limpeza de praias en Boiro, A Pobra do Caramiñal e Porto do Son. O obxectivo de todas estas actuación foi que o alumnado do centro se concienciase sobre a necidade de coidar o noso medio ambiente”.

















