- Tematica
O Concello de Ames será un emprazamento privilexiado para visualizar a histórica eclipse parcial do vindeiro mércores 12 de agosto, pois segundo o Observatorio Astronómico Nacional poderase ver ata nun 99,96% da súa totalidade. Ás 20.29 horas será o punto máximo dunha eclipse que comezará ás 19.31 e finalizará ás 21.22 horas. Con motivo deste fenómeno, o Concello de Ames pon á disposición da veciñanza 1.600 gafas máis.
Ames terá un 99,96% de visibilidade da eclipse o vindeiro mércores 12 de agosto. Dito evento dará comezo ás 19.31 horas e concentrará o seu máximo esplendor ás 20.29 horas antes de finalizar ás 21.22 horas. Deste xeito, a eclipse terá unha duración total de unha hora e cincuenta e un minutos na que o sol terá unha elevación de 11.9757º e un azimut (o ángulo horizontal) de 278.226º.
Para a correcta visualización da eclipse, no mes de xullo, o Concello de Ames puxo á disposición das persoas empadroadas no municipio un total de 2.000 gafas especiais homologadas, que cumpren a normativa vixente para a observación solar. As lentes homologadas son imprescindibles para poder gozar do fenómeno de maneira segura.
Ante a gran demanda desta remesa, nos próximos días distribuiranse 1.600 unidades máis, que xa están dispoñibles nas Casas da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro en horario de oficina. Ademais, o vindeiro luns 10 poranse a disposición da veciñanza do rural nos locais sociais de Tapia, Trasmonte e Bugallido entre as 19.00 e as 20.30 horas. Todo, ata rematar existencias debido á escaseza de lentes.
Non se deben empregar métodos caseiros nin materiais que non estean especificamente deseñados para a observación solar, como gafas de sol superpostas, radiografías ou gafas de soldador. Tampouco se debe mirar directamente ao Sol a través de instrumentos ópticos non adaptados para este fin, como telescopios, prismáticos ou cámaras non deseñadas para a observación solar segura.
Dende a subdelegación do goberno, non está recomendado acceder ás zonas forestais para ver a eclipse polo gran risco de incendio forestal que enfronta Galicia nestas datas estivais.
Mellores lugares para ver a eclipse
O departamento de Medio Ambiente do Concello de Ames, en colaboración con Ramón Iglesias Marzoa, veciño da aldea de Castelo e astrofísico profesional no Observatorio Astrofísico de Javalambre, en Teruel, identificou tres localizacións especialmente axeitadas para a observación da eclipse do vindeiro mércores, 12 de agosto. Estas son o parque do Milladoiro, o miradoiro do campo da festa e usos múltiples de Bugallido e o miradoiro do Bosque do Peregrino, na aldea de Ventosa.





