Pestanas principais

Ames recomenda extremar as precaucións para a observación da eclipse e repartirá 2.000 gafas homologadas entre a veciñanza

Sábado, 18 de xullo de 2026

O Concello de Ames informa á veciñanza sobre as recomendacións e medidas de seguridade para a observación da eclipse solar que terá lugar o mércores 12 de agosto. Ames será unha das localizacións privilexiadas para contemplar este fenómeno astronómico, cunha ocultación do disco solar de ata o 99,96%, dependendo da zona de observación.

A eclipse terá unha duración aproximada de 1 hora e 50 minutos, entre as 19:30 e as 21:20 horas. O momento de maior intensidade producirase entre as 20:25 e as 20:35 horas, mentres que a máxima ocultación está prevista entre as 20:28 e as 20:30 horas.

O departamento de Medio Ambiente do Concello de Ames, en colaboración con Ramón Iglesias Marzoa, veciño da aldea de Castelo e astrofísico profesional no Observatorio Astrofísico de Javalambre, en Teruel, identificou tres localizacións especialmente axeitadas para a observación da eclipse:

-Parque do Milladoiro, nas inmediacións da zona situada entre o parque infantil e a rúa Muíño Vello, na parte alta do auditorio ao aire libre, fronte á igrexa.
-Miradoiro do campo da festa e usos múltiples de Bugallido, en Guimaráns, entre a pista polideportiva e o Centro sociocultural.
-Miradoiro do Bosque do Peregrino, na aldea de Ventosa, na parte superior da urbanización Pedra Dourada.

Recomendacións de seguridade e mobilidade
Nunha reunión de coordinación sobre a eclipse celebrada no mes de abril na Subdelegación do Goberno, as forzas de seguridade e as autoridades presentes trasladaron unha serie de recomendacións aos Concellos e á cidadanía ante a previsión de concentracións importantes de persoas.

Entre as principais indicacións figuran a recomendación de non organizar actividades multitudinarias o día 12 de agosto, evitar o acceso a zonas forestais debido ao risco de incendio asociado ás altas temperaturas e á situación de seca do monte durante o mes de agosto, así como reducir os desprazamentos en vehículo nas horas de maior afluencia e anticipar as viaxes sempre que sexa posible.

Así mesmo, recoméndase planificar con antelación a observación da eclipse, permanecer atentos ás indicacións das autoridades e respectar os puntos de observación e as posibles restricións de acceso que establezan os Concellos e demais administracións públicas.

Protección da vista
O Concello de Ames lembra que a observación directa do Sol sen a protección axeitada pode provocar lesións oculares graves. Por este motivo, é imprescindible utilizar exclusivamente gafas especiais homologadas e certificadas que cumpran a norma ISO 12312-2:2015.

Non se deben empregar métodos caseiros nin materiais que non estean especificamente deseñados para a observación solar, como gafas de sol superpostas, radiografías ou gafas de soldador. Tampouco se debe mirar directamente ao Sol a través de instrumentos ópticos non adaptados para este fin, como telescopios, prismáticos ou cámaras non deseñadas para a observación solar segura.

O Concello repartirá 2.000 gafas homologadas
Co obxectivo de facilitar unha observación segura da eclipse, o Concello de Ames porá á disposición das persoas empadroadas no municipio un total de 2.000 gafas especiais homologadas, que cumpren a normativa vixente para a observación solar.

A distribución comezará o luns 20 de xullo nas Casas da Cultura de O Milladoiro e Bertamiráns, en horario de 08:00 a 14:00 horas, de luns a venres, ata esgotar existencias.

Para a súa recollida será necesario cubrir un formulario cos datos identificativos solicitados. Entregarase unha gafa por persoa inscrita, cun máximo de tres gafas por domicilio.

O Concello de Ames anima a veciñanza a gozar deste singular fenómeno astronómico con responsabilidade, respectando en todo momento as recomendacións das autoridades e empregando os medios de protección adecuados para garantir unha observación segura.

Ames recomenda extremar as precaucións para a observación da eclipse e repartirá 2.000 gafas homologadas entre a veciñanza

Multimedia

  • Parque do Milladoiro, nas inmediacións da zona situada entre o parque infantil e a rúa Muíño Vello, na parte alta do auditorio ao aire libre, fronte á igrexa
  • Miradoiro do campo da festa e usos múltiples de Bugallido, en Guimaráns, entre a pista polideportiva e o Centro sociocultural
  • Miradoiro do Bosque do Peregrino, na aldea de Ventosa, na parte superior da urbanización Pedra Dourada