Actualidade

O Concello de Ames, a través da Concellería de Promoción Económica e Emprego, amplía o número de postos do mercado tradicional dos sábados pola tarde en Bertamiráns, incluíndo 21 novos posto de venda ambulante, que se localizarán nos espazos que actualmente se atopaban baleiros das rúas Entrerríos e Ameneiral, e ampliase a localización do mercado incluíndo a praza do Concello. Deste xeito, o total de puntos de venta con esta ampliación pasará a ser de 62, con produtos de calzado, bixutería, complementos, téxtil, utensilios de cociña, embutidos, xoguetes didácticos, churros, verduras e froitas. Ademais, estréase a nova numeración do mercado trala colocación de chapas numeradas, e haberá animación musical, de 17.00 a 19.00 horas, a cargo da Asociación Cultural Os Castros.

Durante toda a mañá de hoxe, o espazo colaborativo A Proa, localizado no parque empresarial do Milladoiro, acolleu unha xornada de portas abertas co gallo da Startup Europe Week, que se está a celebrar do 25 ao 29 de maio. As persoas asistentes puideron ver como é traballar en Espazo A Proa e coñecer a comunidade emprendedora do emprazamento. Durante a xornada tamén se impartiu a charla formativa “Emprender sen filtros: compartindo os erros que máis ensinan”, nun encontro no que estiveron presentes os técnicos municipais xunto coa concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz.

O vindeiro martes, 26 de maio, o espazo colaborativo A Proa acolle unha xornada aberta ao público con motivo da Startup Europe Week, que se celebra do 25 ao 29 de maio. As persoas que o desexen poderán achegarse de 9:00 a 14:00 horas, para probar como é traballar en Espazo A Proa e coñecer a comunidade emprendedora do espazo. O obxectivo principal é amosar ás persoas emprendedoras locais os recursos e o apoio dispoñible no seu propio territorio para axudalas a prosperar. Durante a xornada participarán os técnicos municipais e as autoridades do Concello de Ames para presentar iniciativas e recursos de apoio ao emprendemento no municipio. Ademais, impartirase a charla formativa “Emprender sen filtros: compartindo os erros que máis ensinan”.

A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta mañá a primeira edición da xornada “A diversidade no emprego”, unha iniciativa impulsada polo Concello de Ames co obxectivo de dar visibilidade e dignificar a ocupación laboral das persoas con discapacidade, xunto cunha variedade de entidades locais. Deste xeito, Ames converteuse nun concello pioneiro na organización dunha xornada na que entidades, persoas con discapacidade, empresas e demais veciñanza gozaron dun espazo de convivencia e conversa arredor da normalización laboral deste colectivo. Premendo nesta ligazón poder ver un vídeo sobre a inclusión laboral das persoas con discapacidade, que foi emitido durante dita xornada.

O Concello de Ames, a través das Concellarías de Promoción Económica e Benestar Social, presentou esta mañá, no Pazo da Peregrina a primeira edición do “A diversidade no emprego”, unha xornada orientada a empresas e veciñanza co obxectivo de poñer en valor ás persoas con discapacidade no mundo laboral e empresarial. O evento celebrarase o vindeiro venres, 22 de maio, na Casa da Cultura do Milladoiro, e acollerá a numerosas empresas do concello e da contorna. Todo o transcurso do evento será retransmitido por streaming. As persoas interesadas en participar deberán anotarse previamente mediante o seguinte formulario de inscrición.

A Xuntanza de Empresarios de Ames, en colaboración do Concello de Ames e a Xunta de Galicia, organizan a Festa do Comercio 2026 que se vai a realizar o 13 de maio en Bertamiráns e O Milladoiro. Nesta terceira edición haberá pipocas de millo polas rúas, talleres, concursos e concertos co obxectivo de dinamizar as rúas e animar a veciñanza a mercar no comercio local de Ames. A través desta ligazón podes consultar todos os establecementos asociados a XEA.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, presentou esta mañá, no salón de plenos da Casa do Concello, a Guía de Empresas de Ames, un proxecto que parte co obxectivo de ofrecer a empresarios e usuarios amesáns unha base de datos das empresas e do comercio local. Baixo o slogan “Tes que estar!” a Administración local busca achegar o comercio local á veciñanza mediante esta plataforma dixital, que permite localizar empresas, comercios e locais de hostalería de maneira sinxela dende a rede. O aplicativo será público e accesible a través da web do Concello. Na actualidade, dáse un prazo dun mes para altas de novos establecementos e corrección de posibles erros.

A Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) celebrou este martes, 5 de maio, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, a terceira edición dos Premios XEA. Trátase dun evento de recoñecemento ao labor do comercio, a hostalaría e os servizos locais. O acto congregou a preto de cen persoas, a maioría deles socios e socias da asociación aos que tamén se uniron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, a concelleira de Servizos Económicos e Deportes, Susana Señorís, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, así como representantes dos grupos políticos da Corporación municipal, nun acto que puxo en valor o tecido empresarial do municipio.

O Concello de Ames está a rexistrar ao longo de 2026 un crecente interese por parte da industria audiovisual, con múltiples solicitudes de rodaxe en distintos puntos do municipio. Esta tendencia consolida o posicionamento de Ames como un escenario atractivo e versátil para producións cinematográficas e televisivas.

O bazar amesán Eva Hogar foi seleccionado pola empresa de papelería alemá STAEDTLER como punto de coordinación do “World Kids Colouring Day”, un proxecto solidario dirixido, a través das escolas, ás crianzas do municipio e que ten como temática o fútbol e os amigos. Do 1 de abril ao 15 de xuño, e baixo o lema “Football, Friends & Colouring Fan”, os nenos e nenas de entre 3 e 12 anos poden elaborar os seus debuxos e contribuír nesta campaña que ten como obxectivo fomentar a educación das nenas en Malaui, baixo a plataforma Education Makes Girls Strong. A esta iniciativa sumáronse os CEIP da Maía e Agro do Muíño. Ademais, pode participar de xeito individual o resto de alumnado de Ames.
- ‹ anterior
- 2 de 66
- seguinte ›




