Pestanas principais

A inclusión e a visibilidade serán as bases da primeira edición da xornada “A diversidade no emprego”

Martes, 12 de maio de 2026

O Concello de Ames, a través das Concellarías de Promoción Económica e Benestar Social, presentou esta mañá, no Pazo da Peregrina a primeira edición do “A diversidade no emprego”, unha xornada orientada a empresas e veciñanza co obxectivo de poñer en valor ás persoas con discapacidade no mundo laboral e empresarial. O evento celebrarase o vindeiro venres, 22 de maio, na Casa da Cultura do Milladoiro, e acollerá a numerosas empresas do concello e da contorna. Todo o transcurso do evento será retransmitido por streaming. As persoas interesadas en participar deberán anotarse previamente mediante o seguinte formulario de inscrición.

Esta mañá, o Pazo da Peregrina acolleu a presentación da que será a primeira edición da xornada “A diversidade no emprego”, un proxecto desenvolvido polo Concello de Ames, a través dos departamentos de Promoción Económica e Emprego e de Benestar Social, xunto con entidades locais sociais, co obxectivo de dar visibilidade e dignificar a ocupación laboral das persoas con discapacidade.

Neste evento participaron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a concelleira de Benestar Social, Uxía García; o presidente de CEGASAL, Mino Martínez; a presidenta da FAXPG, María Alonso Mesía; o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga; o presidente de Down Compostela, Juan Jesús Martínez; e a directora rexional de Inserta, Beatriz Gallego. 

Deste xeito, o Concello de Ames convértese en pioneiro na organización dunha xornada coma esta, na que entidades, persoas con discapacidade, empresas, e demais veciñanza, poderán compartir un espazo de conversa e de transmisión de información, recursos e experiencias que poidan, por un lado, axudar ás empresas a incorporar políticas inclusivas e por outro dar a coñecer as oportunidades asociadas á contratación de persoas con diferentes capacidades. 

O alcalde de Ames, Blas Garcia, dixo “hai que apostar pola integración laboral das persoas con diversidade. O Concello de Ames leva moito tempo apostando pola inclusión laboral deste colectivo e forma parte das nosas políticas sociais. O máis importante de traballar cos centros especiais de emprego é que favorecemos o desenvolvemento dunha política social e inclusiva. Ao mesmo tempo potenciamos a nosa economía local e de proximidade. A través desta xornada coñeceremos a experiencia de diferentes entidades  e casos reais de persoas con discapacidade que lograron a súa integración no mercado laboral”.

Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou o valor “dos traballadores e traballadoras con discapacidade, que desenvolven a súa ocupación como calquera outro empregado”, sinalando a aposta do concello por “sempre ter emprego para todos os veciños e veciñas”. Un Concello de Ames “pioneiro nesta iniciativa, que agardamos o resto de municipios galegos comecen a instaurar nas súas programacións”. 

Tamén louvou a iniciativa a concelleira de Benestar Social, Uxía García, quen confesou que “estas xornadas melloran a autoestima e autonomía das persoas”. A concelleira sinalou que “as empresas, en xeral, descoñecen o significado de ter unha persoa con discapacidade no seu cadro de persoal” e que “esta é unha oportunidade para coñecer entidades e formas de traballo, e poder iniciar unha vida laboral satisfactoria”. 

No lado das asociacións e entidades presentes, a aceptación da iniciativa foi máxima. O presidente de CEGASAL, Mino Martínez, destacou o importante papel de Ames neste eido, o cal considera “un espello no que se deberían mirar o resto de concellos, xa que vai moito máis alá da cota de contratación. Ames cre realmente no que achegan as posibilidades de contratación reservada”, mentres que a directora rexional de Inserta, Beatriz Gallego, puxo en valor que “as entidades do movemento asociativo traballen cóbado con cóbado entre elas e coa administración pública para poder potenciar o emprego inclusivo das persoas con discapacidade”.

Pola súa banda, a presidenta da FAXPG mencionou o “absoluto pracer” que lle supón á entidade participar nesta xornada, xa que considera que “é un paso moi grande e un exemplo que debe tomarse no resto de concellos co obxectivo de dar visibilidade á discapacidade e que de seguro dará moitos froitos”. Esta xornada, segundo mencionou o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, tamén servirá para “ir rachando cos estereotipos que envolven ás persoas con discapacidade, xa que para as persoas con esta condición o emprego vai máis alá da inclusión laboral, establecéndose como un complemento para a inclusión social”. 

Para finalizar este acto de presentación, tomou a palabra o presidente de Down Compostela, Juan Jesús Martínez, quen quixo incidir na importancia da organización para lograr as cousas: “Todos xuntos sempre chegaremos máis lonxe, aínda que moitas veces teñamos que ir máis lento”, sinalou. Para Martínez, “o emprego é o que nos permite ser persoas autónomas e independentes dentro das nosas posibilidades”. 

Programación da primeira edición de “A diversidade no emprego”
Este evento celebrarase o vindeiro venres, 22 de maio, na Casa da Cultura do Milladoiro, e dará comezo arredor das 9.45 horas coa recepción institucional de todas as persoas asistentes. Posteriormente, ás 10.00 horas, procederase á benvida e presentación do que será o transcurso da mañá. 

Ao finalizar o saúdo, arrancará a unha conversa coas entidades colaboradoras no evento. Estas organizacións son: Down Compostela, COGAMI, Fundación ONCE-Inserta, CEGASAL, FAXPG e o Concello de Ames, todas elas achegarán información, recursos e experiencias enriquecedoras que poidan axudar ás empresas a incorporar políticas inclusivas, así como dar a coñecer as oportunidades á contratación de persoas con diferentes capacidades. 

Durante o transcurso da xornada emitirase un vídeo no que participaron traballadores/as con discapacidade, a maior parte deles/as son veciños e veciñas de Ames. Na elaboración deste vídeo colaboraron as seguintes empresas e entidades sociais: Milongas Bertamiráns, Limpiezas Salgado, A- Emotional light, Tecidos Tolemia, Clun, Burguer King Cancelas, Cogami, Coregal, Ilunion Testilcare, Dixardin e Combina Social.

Arredor das 11.15 horas, será a quenda de escoitar aos verdadeiros protagonistas, as persoas: traballadores, traballadoras  e empresas compartirán as súas experiencias e casos reais do mundo laboral e empresarial desde a óptica da discapacidade. A xornada rematará ás 11.50 horas cos agradecementos e posteriormente as persoas participantes están convidadas ao café no hall da Casa da Cultura. 

Todo o transcurso do evento será retransmitido por streaming. As persoas interesadas en participar deberán anotarse previamente mediante o seguinte formulario de inscrición.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "A inclusión e a visibilidade serán en Ames as bases dunha xornada sobre a diversidade no emprego"

La Voz de Galicia: "Ames reivindica la integración laboral de las personas con diversidad con una jornada el próximo día 22"

A inclusión e a visibilidade serán as bases da primeira edición da xornada “A diversidade no emprego”

Multimedia

  • A inclusión e a visibilidade serán as bases da primeira edición da xornada “A diversidade no emprego”
  • A inclusión e a visibilidade serán as bases da primeira edición da xornada “A diversidade no emprego”
  • A inclusión e a visibilidade serán as bases da primeira edición da xornada “A diversidade no emprego”
  • A inclusión e a visibilidade serán as bases da primeira edición da xornada “A diversidade no emprego”
  • A inclusión e a visibilidade serán as bases da primeira edición da xornada “A diversidade no emprego”