- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellería de Promoción Económica e Emprego, amplía o número de postos do mercado tradicional dos sábados pola tarde en Bertamiráns, incluíndo 21 novos posto de venda ambulante, que se localizarán nos espazos que actualmente se atopaban baleiros das rúas Entrerríos e Ameneiral, e ampliase a localización do mercado incluíndo a praza do Concello. Deste xeito, o total de puntos de venta con esta ampliación pasará a ser de 62, con produtos de calzado, bixutería, complementos, téxtil, utensilios de cociña, embutidos, xoguetes didácticos, churros, verduras e froitas. Ademais, estréase a nova numeración do mercado trala colocación de chapas numeradas, e haberá animación musical, de 17.00 a 19.00 horas, a cargo da Asociación Cultural Os Castros.
O mercado de rúa de Bertamiráns leva organizándose moitos anos, sendo un dos mercados máis concorridos da comarca. Debido a iso, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, leva meses traballando para darlle un impulso e fortalecer esta actividade comercial. Para iso abriuse un proceso co obxectivo de sumar novos postos a dito mercado. Os vendedores ambulantes, que así o desexaron, tiveron un prazo para solicitar postos no mercado de rúa.
Finalizado dito proceso, dende este sábado 30 de maio, o mercado de rúa de Bertamiráns incluirá 21 novos postos de venda ambulante, que se suman aos existentes con anterioridade. Deste xeito, o total de puntos de venta con esta ampliación pasará a ser de 62, con produtos de calzado, bixutería, complementos, téxtil de adulto e infantil, utensilios de cociña, embutidos, xoguetes didácticos, churros, verduras e froitas.
Ademais, amplíase a superficie na que están colocados os diferentes postos do mercado, pasando a estar distribuídos polas rúa Ameneiral e Entrerríos, así como pola praza do Concello, que pasará a formar parte do espazo que acolle dito mercado. Por último, estréase a nova numeración do mercado trala colocación de chapas numeradas, e haberá animación musical, de 17.00 a 19.00 horas, a cargo da Asociación Cultural Os Castros.
Impulso ao mercado de rúa
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “dende o departamento de Promoción Económica dámoslle un forte impulso ao mercado de rúa de Bertamiráns, xa que é un dos principais activos comerciais desta localidade xunto co comercio local e coa hostalería. Con esta ampliación que facemos do mercado, tanto en número de postos de venda ambulante como de espazo incluíndo á praza do Concello, outorgámoslle un posto a todos os vendedores/as ambulantes que estaban en lista de agarda”.
O mercado de rúa de Bertamiráns ten unha grande afluencia de persoas, tanto de veciñanza de Ames como de persoas da contorna, que se achegan ata Bertamiráns os sábados pola tarde para comprar e para dar un paseo por esta localidade amesá. Ademais, incentiva a dinamización dos comercios e da hostalería amesá.
Control da circulación viaria
Cómpre lembrar que durante o desenvolvemento do mercado de rúa cortase o tráfico de vehículos pola rúa Entrerríos. Ademais, a entrada e saída de garaxes nas túas Ameneiral, Entrerríos e na praza do Concello está prohibida, excepto en situacións de emerxencia, nas cales terán que chamar previamente á Policía Local (619 76 75 75) para poder poder empregar o vehículo para circular con precaución por estes espazos.
Deste xeito, con motivo da ampliación do mercado tradicional á praza do Concello, só se poderá saír do garaxe en caso de urxencia e informando previamente á Policía Local para facilitar a saída, en horario de 15.30 a 19.30 horas (horario de inverno) e de 15.30 a 20.30 horas (horario de verán).
Tramitación de novas solicitudes
Os/as vendedores ambulantes que queiran optar a un posto no mercado de rúa poden tramitar a súa solicitude, a través do Rexistro municipal, para pasar a formar parte da lista de agarda. Para iso deben facer unha solicitude indicando o xénero de venda, os metros que solicitan (máximo 8 metros), e os datos de contacto para poder solicitar dende o departamento toda a documentación pertinente no momento da adxudicación definitiva do posto.
Novas relacionadas
Bisbarra: "Amplíase o mercado de rúa de Bertamiráns con 21 novos postos e inclúese a praza do Concello como novo espazo"
La Voz de Galicia: "El mercadillo de Bertamiráns sube a 62 puestos y ocupará la Praza do Concello"






