Actualidade

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación, informa da publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da convocatoria de axudas para a adquisición de material escolar destinado ao alumnado do segundo ciclo de educación infantil (curso 2025-2026). O prazo de presentación de solicitudes empeza hoxe, 30 de outubro, e estará aberto ata o vindeiro 13 de novembro, 15 días naturais a contar desde o día seguinte ao anuncio de convocatoria no BOP. A contía máxima destinada a esta convocatoria ascende a 6.919,89 euros, sendo de 120 euros o importe máximo concedido por cada nena ou neno. Premendo nestas ligazóns podes consultar as bases desta convocatoria de axudas e imprimir os impresos de solicitude.

Este sábado, 25 de outubro, realizouse unha visita á Cociña central da rede municipal de comedores escoleres na que participaron o alcalde de Ames, a concelleira de Educación, concelleiros do grupo de goberno e dos grupos políticos municipais do Partido Popular, e do BNG, así como representantes das ANPAS dos centos educativos CEIP A Maía, CEIP Agro do Muíño, CEIP de Barouta e da EEI Milladoiro. Tamén participaron as directoras da EEI Milladoiro e do CEIP Agro do Muíño. O obxectivo desta visita foi abrir as novas instalacións, que comezaron a funcionar o pasado 8 de setembro coincidindo co inicio do curso escolar, á comunidade educativa amesá e aos grupos políticos municipais, para que coñezan de primeira man o seu funcionamento.

Dende hoxe, luns día 13, e ata o vindeiro luns 27 de outubro de 2025, está aberto o prazo para inscribirse no servizo de conciliación “Nadal Lúdico”, que se desenvolverá os días 22, 23, 24, 26, 29, 30 e 31 de decembro, e os días 2, 5 e 7 de xaneiro de 2026. Poderán participar aquelas familias empadroadas no concello de Ames, con nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil ou en primaria, e que teñan a necesidade de conciliar. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedor e Bos Días. As persoas interesadas deben entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns). Pódese obter o impreso de inscrición premendo nesta ligazón.

Esta maña botou a andar o curso escolar 2025-2026 nos centros escolares de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional. O inicio do curso comezou con normalidade en todos os centros de ensino do municipio. A Policía Local realizou un operativo especial co obxectivo de regular o tráfico nas entradas dos colexios. Os colexios, a escola de educación infantil do Milladoiro, as escolas unitarias e mailos institutos abriron as súas portas con total normalidade. Neste curso escolar, que vén de comezar nos centros de Ames, hai escolarizados 3.934 nenos/as e mozos/as que cursarán estudos de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional.

A Cociña central dos comedores escolares de Ames xa é unha realidade. Este venres, 5 de setembro, o persoal municipal deste servizo elaborou a comida para 100 alumnos/as que participan no Setembro Lúdico. O obxectivo é ter a Cociña central funcionando a pleno rendemento o vindeiro luns, 8 de setembro, para o inicio do curso escolar. Preto de 1.400 alumnos/as empregarán o servizo da Rede municipal de comedores escolares durante o próximo curso escolar. Nas obras da cociña central e central de lavado, así como no arranxo do tellado da central de lavado e adquisición do túnel de lavado investíronse 642.951 euros.

Este pasado luns, 1 de setembro, deu comezo unha nova edición do Setembro Lúdico con 116 participantes en total. A través deste programa, búscase facilitar a conciliación das familias amesáns antes do inicio do curso escolar. Este programa estase desenvolvendo no CEIP da Maía, EEI do Milladoiro e CEP de Ventín en horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedores e Bos Días.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; e o alcalde de Ames, Blas García; anunciaron esta mañá o comezo das obras de construción do novo CEIP do Milladoiro, así como dos prazos de execución. Está previsto que o novo colexio, que terá capacidade para 420 alumnos/as, comece a funcionar ao inicio do curso escolar 2027-2028. O centro de ensino contará cunha superficie total de 6.860 metros cadrados, unha superficie construída de 4.886 metros cadrados e 1.974 metros cadrados de exteriores cubertos. A obra foi adxudicada á empresa Puentes y Calzadas Infraestructuras S.L.U. por un importe de 11,6 millóns de euros. Premendo nesta ligazón podes ver un vídeo sobre o proxecto do novo CEIP do Milladoiro.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación, informa da publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado do segundo ciclo de educación infantil (curso 2024-2025). O prazo de presentación de solicitudes empezou o 17 de xullo, e estará aberto ata o vindeiro 18 de agosto, 30 días naturais a contar desde o día seguinte ao anuncio de convocatoria no BOP. O prazo remataría o 15 de agosto, pero como é día inhábil, trasládase a data de peche de solicitudes ao seguinte día hábil, sendo este o luns 18 de agosto. A contía máxima destinada a esta convocatoria ascende a 7.500 euros, sendo de 120 euros o importe máximo concedido por cada nena ou neno. Premendo nas ligazóns que están ao pé desta nova poderás consultar as bases desta convocatoria de axudas e imprimir o impreso de solicitude.

Este pasado 1 de xullo daba comezo unha nova edición da Escola de Verán, unha das actividades de conciliación máis clásicas durante a época estival, e que este ano se está a desenvolver no CEIP da Maía, no CEP de Ventín e na EEI do Milladoiro. Durante a primeira quincena de xullo, participaron un total de 377 nenos e nenas no programa, mentres que nesta segunda metade do mes, hai 323 participantes. A programación durante esta segunda quincena de xullo ten como eixo central a igualdade.

A Xunta de Galicia vén de adxudicar por máis de 11,6 M€ as obras do novo colexio do Milladoiro, no concello de Ames. Este contrato, adxudicado á empresa Puentes y Calzadas Infraestructuras S.L.U, ten un prazo de execución de 18 meses. Trátase do primeiro centro construído integramente en base aos parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dando resposta á necesidades de prazas nun dos concellos de maior dinamismo demográfico de Galicia.
- ‹ anterior
- 4 de 30
- seguinte ›




