Pestanas principais

Ábrese a Cociña central da Rede municipal de comedores escolares á comunidade educativa amesá

Sábado, 25 de outubro de 2025

Este sábado, 25 de outubro, realizouse unha visita á Cociña central da rede municipal de comedores escoleres na que participaron o alcalde de Ames, a concelleira de Educación, concelleiros do grupo de goberno e dos grupos políticos municipais do Partido Popular, e do BNG, así como representantes das ANPAS dos centos educativos CEIP A Maía, CEIP Agro do Muíño, CEIP de Barouta e da EEI Milladoiro. Tamén participaron as directoras da EEI Milladoiro e do CEIP Agro do Muíño. O obxectivo desta visita foi abrir as novas instalacións, que comezaron a funcionar o pasado 8 de setembro coincidindo co inicio do curso escolar, á comunidade educativa amesá e aos grupos políticos municipais, para que coñezan de primeira man o seu funcionamento.

Esta mañá, aproveitando que non había actividade escolar, abriuse a Cociña central da Rede municipal de comedores escolares á comunidade educativa de Ames. Deste xeito, participaron na visita ás instalación de dita cociña as directoras da EEI Milladoiro e do CEIP Agro do Muíño, Ángeles Ferrón Novais e María Carmen Liñares. Tamén participaron en dita visita a secretaria da ANPA do CEIP Agro do Muíño, Marian Cueto; a vicepresidenta da ANPA da EEI Milladoiro, Fátima Neiro; a tesoureira da AFA de Barouta, Ana Bua Casas; e maila secretaria da ANPA do CEIP da Maia, Susana Rodeiro.

A visita estivo dirixida pola técnica municipal en nutrición, Rosana Martínez, e a aparelladora municipal, Margarita Iglesias. Por parte do Goberno municipal asistiron o alcalde, Blas García; a concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto; o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto; e o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo. Tamén participaron a voceira do grupo político municipal do BNG, Escarlata Pampín, e o concelleiro do grupo político municipal do Partido Popular, Pablo Beiroa.

O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “a Cociña central é un proxecto pioneiro que reforza a aposta do Concello de Ames por un dos seus servizos estrela como é a Rede municipal de comedores escolares, que están xestionados directamente polo propio Concello dende o ano 2005. Con este servizo vai comezar a cambiar o sistema de funcionamento dos servizos de conciliación do Concello de Ames, xa que agardamos que poidan elaborar tamén os menús que se serven na Escola de Verán”. 

A concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, explicou “hoxe abrimos á Cociña central á comunidade educativa para que puidesen ver de primeira man as novas instalacións e onde se preparan os menús que se serven todos os días nos comedores escolares. Puideron resolver as súas dúbidas sobre o seu funcionamento e falar coas técnicas municipais encargadas de xestionar este servizo”.

Dúas grandes áreas: cociña e central de lavado 
A Cociña central dispón de zona de entrada para a carga e descarga de vehículos, cuarto de limpeza, zona de caldeiras, módulo de lavado, zona de limpeza de hortalizas, patacas e outros produtos, almacén, oficina, área de cociña con zona de frío e zona de preparación de comida, zona de vestiarios e aseos para o persoal. 

A Cociña central de Ames, que dispón dunha superficie total de 888 metros cadrados, conta con dúas grandes áreas que son un módulo para centralizar o lavado da menaxe dos comedores e unha zona de cociña onde se prepara o menú basal da rede de comedores. Deste xeito, disponse dunha única cociña con máis espazo para a elaboración diaria do menú basal que se serve nos comedores escolares. Isto permite unha maior eficiencia no traballo do persoal municipal, que ata o de agora estaba repartido nas cociñas da EEI do Milladoiro, CEIP Agro do Muíño e CEP de Ventín.

O Concello de Ames realizou un importante investimento para poder poñer en marcha este novo servizo. Nas obras da Cociña central investíronse 379.627,30 euros, mentres que as obras da Central de lavado tiveron un custo de 176.527,70 euros. A maiores houbo que cambiar o tellado da zona da central de lavado no que se investiron 26.477,52 euros e mercar o túnel de lavado que tivo un custo de 60.318,50 euros. En total investíronse 642.951,02 euros (sen contabilizar o mobiliario). O material e maquinaria da cociña (fornos, cociñas, campás extractoras, cámaras de frío, etc.) trasladáronse das antigas cociñas para a nova área de cociña. 

Elaboración do menú basal e menús específicos de tratamento nutricional
Deste xeito, na Cociña central elabórase o menú basal que se serve nos comedores escolares do CEP de Ventín, EEI do Milladoiro, CEIP de Barouta, CEIP da Maía, CEIP Agro do Muíño e nas escolas unitarias de Covas e Ortoño. Ademais, mantense operativa a cociña da EEI do Milladoiro para a elaboración dos menús específicos de tratamento nutricional que poden ser por alerxias, intolerancias e/ou calquera tratamento nutricional específico. Na actualidade arredor de 1.450 alumnos/as comen nos comedores escolares, dos cales 143 contan cun tratamento nutricional específico.

Futura ampliación da Cociña central
A intención do Goberno municipal é ampliar no futuro a Cociña central para habilitar unha segunda cociña independente, onde se poidan elaborar os menús específicos de tratamento nutricional. Deste xeito, contaríase cunha cociña única (na actualidade cocíñase na cociña central e na cociña da EEI do Milladoiro) con dous espazos ou cociñas independentes, unha para a elaboración do menú basal e outra para a preparación dos menús específicos de tratamento nutricional.

Equipo humano da Cociña central
O equipo humano de cociña da Rede municipal de comedores escolares está composto por 24 persoas que son persoal municipal do Concello de Ames. Na Cociña central traballan 20 persoas (19 traballadores/as que son persoal de cociña e unha persoa que se encarga da coordinación deste servizo). Ademais, na cociña da EEI do Milladoiro traballan 3 traballadores/as máis. A este equipo de traballo hai que engadir a técnica municipal de nutrición que, entre outras tarefas, se encarga da elaboración dos menús que se serven nos comedores escolares.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Así é a cociña coa que Ames lle dá de xantar a 1.500 escolares"

Xornal de Compostela: "O Concello de Ames abre a comunidade educativa as novas instalacións da Cociña central dos comedores escolares"

Ábrese a Cociña central da Rede municipal de comedores escolares á comunidade educativa amesá

Multimedia

  • Ábrese a Cociña central da Rede municipal de comedores escolares á comunidade educativa amesá
  • Ábrese a Cociña central da Rede municipal de comedores escolares á comunidade educativa amesá
  • Ábrese a Cociña central da Rede municipal de comedores escolares á comunidade educativa amesá
  • Ábrese a Cociña central da Rede municipal de comedores escolares á comunidade educativa amesá
  • Ábrese a Cociña central da Rede municipal de comedores escolares á comunidade educativa amesá
  • Ábrese a Cociña central da Rede municipal de comedores escolares á comunidade educativa amesá
  • Ábrese a Cociña central da Rede municipal de comedores escolares á comunidade educativa amesá
  • Ábrese a Cociña central da Rede municipal de comedores escolares á comunidade educativa amesá
  • Ábrese a Cociña central da Rede municipal de comedores escolares á comunidade educativa amesá
  • Ábrese a Cociña central da Rede municipal de comedores escolares á comunidade educativa amesá