- Tematica
Este pasado luns, 1 de setembro, deu comezo unha nova edición do Setembro Lúdico con 116 participantes en total. A través deste programa, búscase facilitar a conciliación das familias amesáns antes do inicio do curso escolar. Este programa estase desenvolvendo no CEIP da Maía, EEI do Milladoiro e CEP de Ventín en horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedores e Bos Días.
O Setembro Lúdico conta este ano coa participación de 116 nenas e nenos, dos que 54 acoden ao CEIP da Maía; 26 a EEI do Milladoiro e 36 ao CEP de Ventín. Ata o 5 de setembro, os/as nenos/as inscritos/as están a realizar unha gran variedade de actividades e xogos en horario de 9.00 a 14.00 horas, excepto aqueles para os que se lle solicitou o servizo Bos Días, que comeza ás 7.30 horas, ou o servizo de comedor, que remata ás 16.00 horas.
Exploradores do tempo
O fío condutor deste Setembro Lúdico está a ser “Exploradores do tempo”, no que todas as actividades que realizan as crianzas están relacionadas con diferentes épocas históricas, como a Prehistoria, Idade Media, Renacemento ou mesmo do Futuro. Deste xeito, os nenos e nenas descobren como era a forma de vivir nestas épocas a través dunha forma lúdica, educativa e creativa con distintos xogos, retos e obradoiros.
Cada unha das xornadas deste lúdico ten como eixo central unha etapa histórica diferente, correspondendo así o luns á Prehistoria; o martes á época do Antigo Exipto; o mércores á Idade Media; o xoves ao Renacemento; e, finalmente, o venres ao futuro e á exploración científica.
Nestes dous días do programa de conciliación, a rapazada realizou diferentes actividades como a creación de máscaras de animais prehistóricos e de faraóns; construción das súas propias covas de pedra e pirámides empregando materiais reciclados; ou un xogo de pistas para atopar obxectos prehistóricos e un obradoiro de momias.
Nas vindeiras xornadas, os/as participantes viaxarán ata a Idade Media e o Renacemento, realizando diferentes xogos nos que se converterán en cabaleiros e princesas, crearán as súas propias obras de arte renacentistas ou vivirán o espírito dos torneos medievais a través de xogos de estratexia como o xadrez ou as damas. Por outra banda, coñecerán o espazo exterior, imaxinando que son astronautas e explorando novas galaxias e planetas imaxinarios. Ademais, tamén afondarán na investigación científica e no futuro, fomentando así a súa aprendizaxe e pensamento crítico.
Novas relacionadas:
Diario de Santiago: "Máis de 100 nenos e nenas amesás están a participar no Setembro Lúdico 2025"
AMSGO!: "Un centenar de nenos e de nenas están a participar no Setembro Lúdico 2025"













