- Tematica
Este pasado 1 de xullo daba comezo unha nova edición da Escola de Verán, unha das actividades de conciliación máis clásicas durante a época estival, e que este ano se está a desenvolver no CEIP da Maía, no CEP de Ventín e na EEI do Milladoiro. Durante a primeira quincena de xullo, participaron un total de 377 nenos e nenas no programa, mentres que nesta segunda metade do mes, hai 323 participantes. A programación durante esta segunda quincena de xullo ten como eixo central a igualdade.
A Escola de Verán é un programa de conciliación que ten como obxectivo ofrecer unha alternativa de ocio e tempo libre aos nenos e nenas do Concello de Ames durante o período estival, cunha ampla oferta de actividades dirixidas a fomentar a convivencia, a aprendizaxe, a tolerancia e a integración a través de diferentes xogos e exercicios, e sempre dende o punto de vista lúdico e creativo. Como vén sendo habitual, o programa inclúe os servizos de comedores e Bos Días.
Esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, xunto coa concelleira de Benestar Social, Uxía García, achegáronse ata as instalacións do CEIP da Maía, en Bertamiráns para falar coa rapazada que está a participar nesta edición e cos/as monitores/as que están a traballar na escola.
Datos de participación
A Escola de Verán volve a contar un ano máis cunha gran participación. O número total de usuarios/as é de 1.103, aínda que hai que ter en conta que moitos dos nenos e nenas repiten participación en varias quincenas do programa. A participación está dividida por quincenas. Deste xeito durante a primeira quincena do mes de xullo participaron 377 usuarios/as: 202 no CEIP A Maía, 79 na EEI Milladoiro, e 96 no CEP de Ventín. Na segunda quincena de xullo está a haber unha participación de 323 usuarios/as: 168 no CEIP A Maía, 82 na EEI Milladoiro, e 73 no CEP de Ventín. Durante o mes de xullo, hai un total de 700 inscricións feitas tendo en conta as dúas quincenas.
No que se refire ao mes de agosto, hai 403 inscricións feitas tendo en conta tamén as dúas quincenas. Durante a primeira quincena do mes de agosto participarán 209 usuarios/as: 95 no CEIP A Maía, 49 na EEI Milladoiro, e 65 no CEP de Ventín. Na segunda quincena de agosto haberá unha participación de 194 usuarios/as: 89 no CEIP A Maía, 48 na EEI Milladoiro, e 57 no CEP de Ventín. As inscricións do mes de agosto son provisionais porque hai familias que aínda poden darse de baixa. Teñen que facelo con 5 días antes de antelación ao comezo do servizo.
O verán dos desexos
Na Escola de Verán deste ano, os nenos e nenas están a ser os propios protagonistas, onde en cada quincena se están a traballar con diferentes valores e desexos colectivos propostos polas crianzas. Arredor destas propostas, prográmanse as actividades que se desenvolven na escola, sempre fomentando a creatividade, a expresión, o coidado e a convivencia.
Deste xeito, ao longo da primeira quincena de xullo, as crianzas participantes da escola estiveron traballando en actividades relacionadas co mundo máxico e as criaturas fantásticas, traballando así aspectos e habilidades como a súa imaxinación e creatividade, compartindo e creando as súas ideas e desexos en experiencias reais. Ao longo desas dúas semanas, os nenos e nenas visitaron os parques locais, fomentando así a conciencia dos máis pequenos na importancia de coidar a súa contorna natural.
En canto á temática desta segunda quincena, a rapazada está a traballar no valor da igualdade, fomentando o respecto ás diferenzas, cooperación e a convivencia entre eles. Deste xeito, procúrase traballar e integrar entre as crianzas a igualdade de xénero.
Para o mes de agosto, continuarase a mesma liña temática de actividades lúdicas. Deste xeito, na primeira quincena do mes de agosto, a protagonista será a natureza, con propostas de xogos ao aire libre na que as crianzas poderán descubrir a súa contorna e aprender a coidar da mesma. Manterase esa mesma proposta de actividades durante a segunda quincena de agosto, na que o ecoloxismo e o medio ambiente serán os eixos centrais na programación.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "La Escola de Verán de Ames supera los 300 niños en julio"
Diario de Santiago: "Máis de 300 nenos e nenas de Ames están a participar na Escola de Verán durante esta segunda quincena de xullo"
















