- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación, informa da publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da convocatoria de axudas para a adquisición de material escolar destinado ao alumnado do segundo ciclo de educación infantil (curso 2025-2026). O prazo de presentación de solicitudes empeza hoxe, 30 de outubro, e estará aberto ata o vindeiro 13 de novembro, 15 días naturais a contar desde o día seguinte ao anuncio de convocatoria no BOP. A contía máxima destinada a esta convocatoria ascende a 6.919,89 euros, sendo de 120 euros o importe máximo concedido por cada nena ou neno. Premendo nestas ligazóns podes consultar as bases desta convocatoria de axudas e imprimir os impresos de solicitude.
A convocatoria de axudas para a adquisición de material escolar está dirixida aos pais, nais ou titores legais dos nenos e nenas matriculados no curso escolar 2025/2026 nun centro de ensino sostido con fondos públicos, no nivel de educación infantil (segunda etapa, de 3 a 5 anos). A unidade familiar deberá estar empadroada e residir de modo efectivo no concello de Ames no momento da solicitude.
Así mesmo, a renda per cápita da unidade familiar, computando os ingresos percibidos por todos os seus integrantes no exercicio fiscal 2024, non pode ser superior ao 100% do IPREM anual con pagas extraordinarias. O IPREM anual (14 pagas) fixado para o exercicio 2024 é de 8.400 euros. Para a determinación da renda per cápita sumaranse os ingresos anuais de todos os membros da unidade familiar maiores de idade, e dividirase entre o número de membros que formen a unidade familiar.
Axudas para as familias con menos recursos
A través desta convocatoria preténdese propiciar que, a través da colaboración financeira do Concello de Ames para a compra de material didáctico preciso para o normal desenvolvemento da actividade académica, a poboación escolar integrada en familias con menos recursos dispoña do material educativo necesario para o normal desenvolvemento da súa aprendizaxe, centrando o esforzo orzamentario na educación infantil, por ser esta a franxa de idade non cuberta pola Xunta de Galicia.
Deste xeito, establécese que poden ser subvencionables, ata un máximo do 80% do orzamento total, os gastos derivados da adquisición de libros de texto, materiais curriculares e demais material didáctico. Os gastos obxecto de subvención deberon efectuarse no período comprendido entre o 1 de xullo de 2025 e o día en que finalice o prazo de presentación das solicitudes, que é o 13 de novembro de 2025. A contía máxima destinada a esta convocatoria ascende a 6.919,89 euros, sendo de 120 euros o importe máximo concedido por cada nena ou neno.
Presentación de solicitudes
As solicitudes poden ser presentadas no rexistro telemático, a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello, situadas na Casa do Concello, en Bertamiráns, e na oficina municipal do Milladoiro.
Tamén se poden presentar a través de calquera outro dos medios aos que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015 do 1 de Outubro de Procedemento Administrativo Común das AAPP. O prazo de presentación de solicitudes está aberto durante 15 días naturais, do 30 de outubro ao 13 de novembro de 2025. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476, do departamento municipal de Educación.





