Solapas principales

Preto de 400 persoas desfrutaron da programación do Abril de Cine

Lunes, 27 de abril de 2026

O pasado xoves 23 de abril finalizou unha nova edición do ciclo Abril de Cine, unha iniciativa enmarcada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames e que ten como obxectivo achegar á veciñanza o cinema de actualidade. Este ano proxectáronse “Rondallas”, de Daniel Sánchez Arévalo; “Romería”, de Carla Simón e a aclamada “Sirât”, de Óliver Laxe. A estas tres sesións achegáronse un total de 376 persoas, superando, outro ano máis, as cifras da edición anterior.

O Concello de Ames celebrou a sexta edición do Abril de Cine, un programa cultural que pretende achegar o cinema á veciñanza amesá. Nesta ocasión, apostouse por establecer unha programación con diferentes propostas nas que todos os filmes teñen un mesmo nexo en común: a identidade, comunidade e memoria vencelladas a Galicia. 

O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destaca “a gran acollida que tivo esta edición do Abril de Cine. Nas tres proxeccións houbo unha gran cantidade de público o que pon de manifesto a consolidación do cinema de actualidade como unha das principais opcións de ocio entre os veciños e veciñas de Ames”. Asemade incide na “aposta que fai o Concello polo cine con dous ciclos, un en abril e outro en novembro”.

Mellora nas cifras de participación
O máis salientable desta edición é, outra vez máis, o aumento das persoas participantes no conxunto das proxeccións. A película máis vista foi “Rondallas”, que colgou o cartel de aforo completo cun total de 140 persoas. Cómpre recordar que a nesta sesión estivo presente a actriz, e unha das protagonistas deste filme, María Vázquez. 

A segunda mellor entrada do ciclo foi a produción “Sirât”: 130 persoas puideron desfrutar, dunha das películas máis aclamadas deste último ano, a cal incluso chegou estar nomeada aos premios Oscar como mellor filme estranxeiro. Pola súa banda, a película “Romería”, da directora catalá Carla Simón, reuniu no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro a 106 espectadores. 

Estas cifras supoñen unha importante mellora de afluencia con respecto da edición anterior, xa que o ano pasado o sumatorio de espectadores foi de 235. Máis de cen persoas novas desfrutaron desta iniciativa, pola cal desde a organización amósanse satisfeitos coa resposta da veciñanza, que incluso conformou un público fiel repetindo en varias sesións.

Por tanto, nesta sexta edición do ciclo de cine organizado polo Concello de Ames, superáronse amplamente as cifras de participación de anos anteriores, consolidando así o cinema como unha das principais opcións de ocio entre a veciñanza amesá. Por outra banda, tanto o público como os propios directores/as dos filmes que formaron parte deste Abril de Cine, valoraron dun xeito moi positivo a esta proposta. 

Máis cine en novembro
Ademais deste ciclo no mes de abril, como cada ano o Concello de Ames, tamén a través do departamento de Cultura, organiza un programa de cinema no mes de novembro. Nesta edición, proxectaranse tres pezas en galego: “As liñas descontinuas”, “San Simón” e o documental “Ao son da nova regueifa”, de Manolo Maseda.

Preto de 400 persoas desfrutaron da programación do Abril de Cine

Multimedia

  • Preto de 400 persoas desfrutaron da programación do Abril de Cine
  • Preto de 400 persoas desfrutaron da programación do Abril de Cine
  • Preto de 400 persoas desfrutaron da programación do Abril de Cine
  • Preto de 400 persoas desfrutaron da programación do Abril de Cine