Solapas principales

Preto de 1800 alumnos e alumnas participaron nos “Obradoiros de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar” organizados polo Concello de Ames

Jueves, 29 de julio de 2021

Dotar ás/aos alumnas/os, ás súas familias e ao profesorado das ferramentas necesarias para previr o consumo de substancias aditivas, a ludopatía ou un uso inadecuado das TICS ese é o obxectivo do programa organizado pola concellaría de Benestar Social. Os “Obradoiros de prevención de condutas aditivas” alcanzaron a un total de 1795 alumnos e alumnas tras participar nas 334 sesións que se realizaron ao longo do curso escolar nos distintos IES e CEIP do concello.

Os “Obradoiros de prevención de condutas aditivas” teñen como finalidade proporcionar ao alumnado a adquisición de capacidades e habilidades que lles permitan desenvolver estilos de vida saudables e afrontar axeitadamente as situacións de risco relacionadas coas adiccións. Ademais, ofrecen ferramentas para desenvolver capacidades e habilidades persoais que faciliten actitudes de rexeitamento ao consumo de substancias aditivas.

Ao longo do curso escolar realizáronse un total de 334 sesións de traballo alcanzando a un total de 1795 alumnos/as de entre 11 e 18 anos. En educación secundaria realizáronse 129 xuntanzas correspondentes ao Programa de Prevención de Condutas Aditivas no IES de Ames e no IES do Milladoiro e 42 sesións do Programa de Regulación Emocional entre os/as alumnos/as de 4º da ESO, 1º e 2º de Bacharelato do IES de Ames. Cabe destacar, tamén, o traballo realizado cos alumnos de FP Básica dentro do Programa de Prevención de Condutas Aditivas.

En educación primaria realizáronse un total de 163 sesións de traballo alcanzando a un total de 900 alumnos e alumnas dos CEIP de Ventín, Agro de Muíño, Barouta e A Maía. Destas 163 xuntanzas 20 dedicáronse ao Programa de Educación Afectivo-Sexual e as demais ao Programa de Prevención de Condutas Aditivas prestando especial atención ás novas tecnoloxías, aos videoxogos ou ás redes sociais.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, defendeu que “temos que centrar todos os nosos esforzos na prevención, dotando de recursos e ferramentas tanto a rapazada como as propias familias e ao profesorado. Con estas actuacións pretendemos eliminar ou polo menos modificar os factores de risco e fomentar as ferramentas de protección fronte a este tipo de condutas intentando evitar que se produzan ou polo menos atrasar a idade de inicio e engadiu “so dende a continuidade, a implicación e o traballo conxunto das institucións e de toda a comunidade educativa se pode conseguir unha prevención eficaz no ámbito das condutas aditivas.”

Este programa, que se leva organizando dende hai varios anos nos centros educativos públicos de Ames, busca ademais a implicación das familias e do profesorado para previr e loitar contra as condutas aditivas.

Novas relacionadas:

Revista AmesGO: "Ata 1.800 mozas e mozos de Ames aprenden a evitar comportamentos adictivos"

El Correo Gallego: "O Concello de Ames educou aos rapaces e rapazas dos institutos na prevención de condutas aditivas "

IES de Ames