- Tematica
A Aula da Natureza do Concello de Ames, dependente da Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, ten aberto o prazo para inscribirse na ruta por Riamontes que se vai desenvolver este domingo, 14 de xuño, e que está orientada a todo tipo de público. A ruta, que partirá dende a Aldea do Vilar, farase en horario de mañá e hai 40 prazas dispoñibles. Haberá servizo de autobús para achegarse ata o punto de partida. Para inscribirse, será preciso facelo enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.
Para este domingo, 14 de xuño, en horario de 11.00 a 13:30 horas, está prevista unha ruta por Riamontes, pensada para todo tipo de público. Trátase dun percorrido circular de 7 quilómetros de distancia e dificultade media, que permite coñecer o conxunto etnográfico dos muíños de Riamontes. Haberá servizo de autobús, con saída do Milladoiro ás 10.30 horas, dende a Casa da Cultura, e ás 10.45 horas dende o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns.
Comézase o percorrido na pequena aldea do Vilar. Seguindo os postes indicativos, ascéndese por un vello camiño ata chegar ao primeiro dos muíños, o chamado de Ortoño, e o único que queda á beira dereita do regato. Unha vez cruzado o regato por unha pontella o camiño segue por un tramo de bosque de ribeira, entre freixos e ameneiros, que agochan os restos de varios muíños entre pozas e pequenas fervenzas que manteñen o seu encanto e son a testemuña dun glorioso pasado de tradicións, historia e cultura singular.
Os muíños de Riamontes moían todo o verán coas augas que se represaban no Pozo. Forman parte dunha forma de vida comunitaria, na que os veciños e as veciñas tiñan cadansúa obriga. Tras pasar o Pozo a ruta continúa por pistas forestais en constante subida entre plantacións de árbores, ata chegar ao punto máis alto do percorrido. Trátase do Miradoiro do Monte de San Marcos, situado a 343 metros de altitude. Dende aí, pódese contemplar unha magnífica panorámica do val do río Sar (Val da Maía) e de toda a comarca. Uns 200 metros máis arriba atópanse as ruínas da Ermida de San Marcos e dunha torre de vixilancia posiblemente de época medieval.
O regreso á aldea faise en continuo descenso, alternando entre monte baixo de toxo e eucaliptal, rodeando a ladeira do Monte de San Marcos. Os últimos dous quilómetros volven achegarse preto do regato de Riamonte e do bosque de ribeira para rematar, despois de cruzar a ponte, no mesmo lugar onde principiou o camiño.
As persoas que estean interesadas en participar nesta actividade xa poden anotarse enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. As prazas están limitadas a 40.






