Solapas principales

A parroquia de Ortoño celebra as súas festas de San Xoán 2023 do 23 ao 26 de xuño

Miércoles, 21 de junio de 2023

Dende este venres, día 23 de xuño, ata o vindeiro luns 26, a parroquia de Ortoño celebra a festividade do seu patrón, San Xoán. As celebracións arrincarán cunha sardiñada e cunha gran queimada, e ao longo dos días sucederanse distintas misas e procesións, así como sesións vermú e verbenas. As festas contan coa colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de Ames, e algunhas das actuacións encádranse dentro do programa “Música nas parroquias”, organizado polo departamento de Cultura.

A parroquia de San Xoán de Ortoño comeza este venres 23 de xuño as festas na honra de San Xoán, unhas celebracións que se estenderán ata o luns 26 e que se desenvolverán no campo da festa da parroquia. A xornada do venres arrincará cunha sardiñada na que colabora a asociación de veciños, que dará comezo ás 21:00 horas, e cunha gran queimada. Actuará tamén o dúo La Ola.

O sábado 24 celebrarase unha misa solemne na honra de San Xoán, ás 12:00 horas. Contarase coa coral Lojo Batalla, de Tapia; e coa banda de música Os Castros, como parte do programa “Música nas parroquias”. A sesión vermú correrá a cargo da orquestra Alianza. Xa pola noite, ás 22:00 horas, terá lugar a actuación da mesma orquestra e tocará tamén a disco móvil Chocolate.

O domingo 25 realizarase unha misa na honra do Santísimo, ás 12:00 horas, coas intervencións musicais do coro parroquial e da agrupación Airiños do Paseo de Colón (de novo incluída dentro do programa “Música nas parroquias”); e tamén se presentará a alfombra floral. Haberá sesión vermú con La Mecánica, que tamén estará na verbena que dará comezo ás 22:00 horas, xunto á orquestra Kubo.

As festas pecharanse o luns 26, cunha nova misa na honra de San Antonio. A celebración irá acompañada das actuacións do coro parroquial e de Os Viqueiras de Ordes. O broche final será a actuación de Origen e de CDC Discoteca Móvil, a partir das 22:00 horas.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Ortoño celebra as súas festas de San Xoán esta fin de semana"

Cartaz das festas de San Xoán de Ortoño

Multimedia

  • Cartaz das festas de San Xoán de Ortoño