- Tematica
Dende este venres, día 23 de xuño, ata o vindeiro luns 26, a parroquia de Ortoño celebra a festividade do seu patrón, San Xoán. As celebracións arrincarán cunha sardiñada e cunha gran queimada, e ao longo dos días sucederanse distintas misas e procesións, así como sesións vermú e verbenas. As festas contan coa colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de Ames, e algunhas das actuacións encádranse dentro do programa “Música nas parroquias”, organizado polo departamento de Cultura.
A parroquia de San Xoán de Ortoño comeza este venres 23 de xuño as festas na honra de San Xoán, unhas celebracións que se estenderán ata o luns 26 e que se desenvolverán no campo da festa da parroquia. A xornada do venres arrincará cunha sardiñada na que colabora a asociación de veciños, que dará comezo ás 21:00 horas, e cunha gran queimada. Actuará tamén o dúo La Ola.
O sábado 24 celebrarase unha misa solemne na honra de San Xoán, ás 12:00 horas. Contarase coa coral Lojo Batalla, de Tapia; e coa banda de música Os Castros, como parte do programa “Música nas parroquias”. A sesión vermú correrá a cargo da orquestra Alianza. Xa pola noite, ás 22:00 horas, terá lugar a actuación da mesma orquestra e tocará tamén a disco móvil Chocolate.
O domingo 25 realizarase unha misa na honra do Santísimo, ás 12:00 horas, coas intervencións musicais do coro parroquial e da agrupación Airiños do Paseo de Colón (de novo incluída dentro do programa “Música nas parroquias”); e tamén se presentará a alfombra floral. Haberá sesión vermú con La Mecánica, que tamén estará na verbena que dará comezo ás 22:00 horas, xunto á orquestra Kubo.
As festas pecharanse o luns 26, cunha nova misa na honra de San Antonio. A celebración irá acompañada das actuacións do coro parroquial e de Os Viqueiras de Ordes. O broche final será a actuación de Origen e de CDC Discoteca Móvil, a partir das 22:00 horas.
Novas relacionadas:
AMS GO!: "Ortoño celebra as súas festas de San Xoán esta fin de semana"