Solapas principales

O Concello de Ames publica o Calendario Fiscal do ano 2022

Lunes, 11 de abril de 2022

A Concellaría de Economía e Facenda vén de publicar o Calendario Fiscal 2022 e de actualizar na Web municipal os datos das medidas de flexibilización e fraccionamento de impostos municipais. A veciñanza amesá poderá acollerse as medidas de flexibilización de impostos, que inclúen o sistema especial de pagamento voluntario dos recibos en dous prazos, sen xuros, ademais do Plan de Pago individualizado de impostos en 10 mensualidades para os impostos municipais xestionados pola Deputación da Coruña (IBI, IAE, vehículos, vaos e terrazas). Neste senso, recórdase que xa se pode solicitar o pagamento voluntario en dous prazos para o IBI, o IAE e os tributos de vaos e terrazas. Para obter máis información pódese contactar ao enderezo atencion.tributaria@dacoruna.gal, ou ben chamar ao número de teléfono gratuíto 900 132 204. Preme aquí para consultar a información tributaria do Concello de Ames.

A Concellaría de Economía e Facenda do Concello de Ames pon a disposición da veciñanza amesá o Calendario Fiscal 2022 do Concello de Ames, onde se inclúen os diferentes prazos de pagamento para os tributos xestionados pola Deputación da Coruña, o Imposto de Bens Inmobles (IBI), Vehículos (IVTM), Imposto de Actividades Económicas (IAE), Taxa de vaos e Taxa de terrazas.

Deste xeito, o calendario recolle as datas de cargo dos recibos domiciliados, as datas do período voluntario de pago dos recibos non domiciliados, e as datas de cargo dos recibos domiciliados mediante o sistema especial de pagamento voluntario en dous prazos sen xuros.

Asemade, o Concello de Ames inicia unha campaña informativa sobre as medidas tributarias que se puxeron en marcha en colaboración coa Deputación da Coruña.

As medidas de flexibilización vixentes dos pagamentos de impostos municipais xestionados pola Deputación da Coruña son as seguintes:

1) Sistema especial de pagamento voluntario (2 prazos)

A veciñanza amesá pode solicitar o pagamento voluntario dos recibos en dúas datas, sen xuros. O prazo para acollerse a este modelo está aberto, e a solicitude debe presentarse na Deputación antes do envío da remesa de domiciliacións bancarias do primeiro prazo do período do correspondente pago voluntario.

O prazo para acollerse ao pagamento voluntario en dous prazos está aberto para aqueles recibos que aínda non se emitiron (IBI, IAE, vaos e terrazas).

Preme nesta ligazón para descargar o modelo de solicitude.

2) Plan Especial de pagamentos individualizado (10 prazos)

Establécese un sistema especial de pagamento de cotas por recibo, podendo realizar o pagamento de un ou varios impostos municipais de carácter periódico (IBI, vehículos, IAE, vaos e terrazas) en 10 mensualidades, o día 5 de cada mes, sen xuros.

A solicitude deberá estar aprobada antes do 1 de xaneiro de cada ano con efectos para o exercicio seguinte. Por exemplo, para poder gozar deste fraccionamento no 2023, haberá que presentar a solicitude durante este ano 2022.

Preme nesta ligazón para descargar o modelo de solicitude.

As/os contribuíntes interesados en acollerse ao pago en dez ou en dous prazos poden solicitalo na Oficina Virtual Tributaria (OVT) ou de forma presencial en calquera das oficinas tributarias da Deputación.

Será requisito indispensable para acollerse a estes dous sistemas de pagamento ter domiciliado os recibos.

Poderán solicitalo a través da web da Deputación (Servizos Tributarios/Impresos), da Oficina Virtual Tributaria (OVT) ou en persoa a través de calquera das oficinas tributarias da Deputación da Coruña.

Os modelos de solicitude poden solicitarse na Deputación da Coruña que mantén aberto o Servizo de atención ao contribuínte a través do teléfono gratuíto 900 132 204 ou do correo electrónico atencion.tributaria@dacoruna.gal, así como a través da Oficina Virtual Tributaria na que se poden realizar os trámites, consultas e xestións ás 24 horas do día, os 365 días do ano.

Medidas para aprazamentos e fraccionamentos de impostos e taxas

Outra das informacións que achega a Concellaría de Economía e Facenda é a relativa aos aprazamentos ou fraccionamentos das débedas, tanto en impostos e taxas delegadas na Deputación da Coruña, como as xestionadas directamente polo Concello de Ames.

En ambos casos, haberá que solicitalo antes da data de cargo, no caso dos recibos domiciliados, e antes da data da fin da voluntaria, no caso dos recibos non domiciliados. No caso dos impostos e taxas delegadas na Deputación da Coruña (IBI, vehículos, IAE, vaos e terrazas) as solicitudes deberán presentarse na Sede Electrónica da Deputación dirixida ao Servizo de Recadación, ou por calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015. Para máis información, as interesadas/os poden chamar ao número de teléfono gratuíto 900 132 204, ou a través do enderezo electrónico atencion.tributaria@dacoruna.gal.

No caso dos impostos e taxas xestionadas directamente polo Concello de Ames (taxa do lixo, saneamento e auga; taxa do cemiterio municipal; taxa pola utilización privativa de caixeiros; taxa dos servizos complementarios educativos e de conciliación; taxa polo servizo de axuda no fogar; taxas dos servizos lúdicos; varios prezos públicos) as solicitudes deberán presentarse na Sede Electrónica do Concello de Ames dirixida ao Servizo de Recadación Municipal, ou por calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015. Para máis información, as interesadas/os poden chamar ao número de teléfono 981 88 48 96, ou a través do enderezo electrónico ames@canaltributos.com.

Nos recibos delegados para a súa xestión na Deputación da Coruña poderán aprazarse e fraccionarse débedas de mínimo 100€ en distintos prazos ata un máximo de 12 mensualidades, e no caso de débedas superiores a 3.000€ ata un máximo de 24 mensualidades. A concesión será automática para débedas de contía inferior a 30.000€, tan só terán que xustificar a insuficiencia de medios para poder facer fronte ao pago cunha declaración responsable.

No caso dos recibos das taxas que xestiona directamente o Concello poderán aprazarse débedas de importe superior a 100€ e no caso de situacións de exclusión social ou risco tamén as débedas inferiores a ese importe. A concesión será automática para débedas inferiores a 6.000€ e non terán que xustificar a insuficiencia de medios. Poderán fraccionarse por tramos dependendo da cantidade e os tramos van desde un máximo de 6 meses para débedas de entre 100€ e 300€ ata un máximo de 21 meses para débedas superiores a 4.500€. Tamén se poderán ampliar estes prazos en situacións de exclusión social ou risco.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Fraccionar los tributos y deudas pendientes sin recargo es posible"

Enfoques: "Los vecinos de Ames ya pueden acogerse a la flexibilización de impuestos municipales para este 2022"

Campaña informativa sobre a flexibilización no pago dos impostos municipais xestionados pola Deputación

Multimedia

  • Campaña informativa sobre a flexibilización no pago dos impostos municipais xestionados pola Deputación
  • Campaña informativa sobre a flexibilización no pago dos impostos municipais xestionados pola Deputación
  • O Concello de Ames publica o Calendario Fiscal do ano 2022
  • O Concello de Ames publica o Calendario Fiscal do ano 2022