Solapas principales

O Comité de coordinación policial mantén unha nova xuntanza para facer un seguimento da xestión da crise sanitaria polo COVID-19

Miércoles, 01 de abril de 2020

Este martes, 31 de abril, o Comité de coordinación policial mantivo unha nova xuntanza na que se realizou un seguimento da xestión da crise sanitaria polo coronavirus e analizáronse as novas directrices marcadas dende o Goberno do Estado. O obxecto da reunión foi abordar a situación actual no concello tras as medidas tomadas polo Goberno central para atallar a crise sanitaria e coordinar as actuacións á desenvolver que garantan o cumprimento das mesmas.

Este martes, 31 de marzo, celebrouse unha nova reunión de coordinación policial á que asistiron o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, o comandante do posto da Garda Civil do Milladoiro e o Inspector Xefe da Policía Local de Ames, co obxectivo de facer un seguimento da xestión da crise sanitaria polo coronavirus e analizar as novas directrices marcadas dende o Goberno do Estado coa entrada en vigor do Real Decreto-lei 10/2020, do 29 de marzo, polo que se regula un permiso retribuído recuperable para as persoas traballadoras por conta allea que non presten servizos esenciais, co fin de reducir a mobilidade da poboación no contexto da loita contra o  COVID-19.
 
O encontro serviu para coordinar as actuacións e establecer as actuacións que levan a cabo seguindo as directrices marcadas desde o Goberno do Estado.
 
84 denuncias por incumprimentos das medidas de seguridade
Ademais, os máximos responsables da seguridade cidadá local analizan toda a información do noso concello relativa ás derivadas do coronavirus. Así, dende a entrada en vigor do estado de alarma e ata o 31 de marzo, realizáronse polo Policía Local de Ames unha media de 8 controis de estradas ao día, e tramitaron un total de 84 denuncias por incumprimentos das medidas de seguridade.
 
Tanto a Garda Civil como a Policía Local teñen activados os seus respectivos dispositivos e mobilizados a todos os seus efectivos co fin de garantir que se cumpran as medidas establecidas durante a vixencia do estado de alarma.
 
Por outra banda, ambos corpos de seguridade coordinarán todas as súas actuacións para facer fronte á pandemia e manteñen un contacto diario, así de como intercambio de información en busca de optimizar recursos e atender ás situacións que van xurdindo.
 
Reforzo do servizo de vixilancia
Os próximos días extremarase a vixilancia respecto do cumprimento das normas de seguridade en canto o acceso e presenza nos establecementos de adquisición de alimentos, produtos farmacéuticos e de primeira necesidade, así como no control do paseo de mascotas, ao obxecto de evitar os abusos con esta práctica, lembrando que os paseos deben ser curtos e polo tempo imprescindible, só para cubrir as necesidades fisiolóxicas, sen contacto con outros animais ou persoas. É necesario levar unha botella de auga con deterxente para limpar posteriormente os ouriños e bolsas para as feces, así como priorizar horarios de menor afluencia de xente para facer as saídas cos animais.
 
Na reunión destacouse tanto por parte da Garda Civil como da Policía Local, que a cidadanía de Ames está a manter en xeral unha actitude responsable e acorde á situación, salvo en casos e circunstancias moi puntuais. Tamén se insistiu na imprescindible colaboración cidadá para gardar o confinamento, así como no cumprimento das normas sobre a restrición á mobilidade, aspecto fundamental sen o cal será máis difícil e custosa a solución desta grave situación á que todos nos enfrontamos.
 
Labor informativa no rural sobre as medidas a adoptar
Finalmente, debateuse tamén sobre o incremento das funcións a realizar no rural de cara a que a asociación de voluntarios de Protección Civil faga unha labor informativa no rural sobre as medidas a adoptar, do mesmo xeito que se coordinen coas forzas e corpos policiais para levar un seguimento do cumprimento das normas neste período de alarma.
 
O alcalde de Ames, Jose Miñones, realiza un chamamento á cidadanía "sobre a importancia de evitar saídas innecesarias para poder frear a curva de propagación deste virus", lembrando que "a recomendación é clara, non saír de casa, porque está nos nosos actos e na nosa actitude lograr parar os contaxios. Estamos ante unha situación grave de crise sanitaria polo que apelamos á responsabilidade individual de toda a cidadanía”.
 
Así como agradece á cidadanía de Ames “o cumprimento maioritario que se está a facer en Ames” e agradece a implicación e compromiso da Policía Local e Garda Civil, por "manter a orde ante a emerxencia que está a sufrir o país, ademais dos servizos de limpeza, e a todo o persoal sanitario".
Imaxe da entrada da oficina municipal da Policía Local