Solapas principales

A Deputación Provincial da Coruña aproba medidas extraordinarias en relación cos procedementos tramitados pola súa área tributaria

Jueves, 26 de marzo de 2020

O Concello de Ames informa das medidas extraordinarias urxentes, para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19, aprobadas pola Deputación Provincial da Coruña. Estas, teñen como obxectivo protexer o tecido produtivo e social da provincia e minimizar o seu impacto en empresas e particulares, tratando que os efectos negativos desta crise sexan transitorios.

A tesourería da Deputación Provincial da Coruña aprobou varias medidas en materia de tributos e demais ingresos públicos xestionados pola Deputación. A primeira delas, é que se pospón o inicio da primeira voluntaria (IVTM, imposto sobre vehículos de tracción mecánica, e taxas diversas) ata despois do 30 de abril de 2020. As datas concretas fixaranse no seu momento.

Polo tanto, ata o 30 de abril de 2020, non se ditarán providencias de constrinximento, non se practicarán embargos, non se autorizarán nin celebrarán poxas, non se executarán garantías, suspéndense a tramitación de expedientes de aprazamento e fraccionamento e non se practicarán notificacións ata despois do 30 de abril.

En canto aos procedementos iniciados con anterioridade á entrada en vigor do Real Decreto-Lei 8/2020, é dicir, iniciados con anterioridade ao 18 de marzo de 2020, suspenderase o cómputo do prazo de duración dos mesmos dende o 18 de marzo ata o 30 de abril de 2020. Ademais, este período (do 18 de marzo ao 30 de abril) non computará a efectos dos prazos de caducidade e dos prazos de prescrición do artigo 66 da Lei Xeral Tributaria.

Pola contra, os prazos para a presentación das declaracións e auto-liquidacións tributarias non se ven afectados por esta suspensión de prazos.

Asemade, para as liquidacións, auto-liquidacións, providencias de agremio e demais actos da Area que dean lugar a un pago e que xa estiveran notificados e non houbese concluído os prazos de pago previstos nos apartados 2 e 5 do artigo 62 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria, con anterioridade á entrada en vigor do Real Decreto-Lei 8/2020 do 18 de marzo de 2020, tamén serán ampliadas ata o 30 de abril de 2020.

Prazos para atender diferentes trámites

Do mesmo xeito, os prazos para atender diferentes trámites (os cales son mencionados no punto 8 de dita resolución de medidas extraordinarias en relación cos procedementos tramitados pola área tributaria da Deputación, á que podes acceder premendo neste enlace), que fosen comunicados e non estiveran concluídos con anterioridade ao Real Decreto-Lei 8/2020 do 18 de marzo de 2020, tamén se prolongan ata o 30 de abril. Mentres que naqueles casos en que estes prazos foran comunicados con posterioridade á entrada en vigor do Real Decreto-Lei 8/2020 (18 de marzo de 2020), ampliarase ata o 20 de maio.

Ademais, o período comprendido dende o 18 de marzo ata o 30 de abril de 2020 non computará a efectos da duración máxima dos procedementos de aplicación dos tributos, sancionadores e de revisión tramitados pola Deputación, aínda que durante ese período de tempo a Deputación si poderá impulsar, ordenar e realizar os trámites imprescindibles.

Para calquera dúbida ao respecto, pódese enviar un correo electrónico a atencion.tributaria@dacoruna.gal ou a través do teléfono gratuíto 900 132 204. Tamén se lembra que a través da Oficina Virtual Tributaria da Deputación os contribuíntes poden facer xestións e consultas.

Cómpre engadir que o pasado 18 de marzo o Concello de Ames tamén aprobou un decreto de medidas extraordinarias en materia tributaria e nos ingresos de dereito pública como consecuencia do COVID-19, ao cal podes acceder premendo neste enlace.

Servizos tributarios