Solapas principales

Comeza o curso de técnico de compostaxe descentralizada con 19 participantes

Lunes, 09 de mayo de 2022

Esta mañá comezou nas instalacións da Aula da Natureza do Concello de Ames, na Ameixenda, o curso de técnico de compostaxe descentralizada que imparte o persoal da Asociación Ecoloxista ADEGA, no que están participando 19 persoas. O Concello de Ames colabora nesta iniciativa cedendo as instalación da Aula da Natureza. O curso, que se vai desenvolver do 9 de maio ao 7 de xuño, está financiado pola Fundación Biodiversidade e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Empleaverde para 2021. A formación é totalmente de balde e destinada a persoas desempregadas, que optarán a unha bolsa de traballo. Trátase dunha acción gratuíta cofinanciada polo FSE e a través da cal se pretende conseguir unha formación e un emprego de calidade.

Esta mañá o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, e maila técnica da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, achegáronse ata A Ameixenda para asistir ao acto de apertura do curso de técnico de compostaxe descentralizada que está impartindo o persoal de ADEGA. O curso realizarase do 9 de maio ao 7 de xuño, en horario de 9.00 a 14.00 horas, nas instalacións da Aula da Natureza. Consta de 60 horas de formación teórica, 40 horas de prácticas e 25 horas de traballo autónomo.

En total o curso está composto de 125 horas sobre xestión de residuos, a compostaxe como sistema de xestión dos residuos orgánicos, proxectos de compostaxe, CECoP (comunicación, educación, concienciación e participación), a compostaxe na práctica e unha avaliación final. Dende o 9  ao 25 de maio impartiranse as sesións teóricas, e de seguido, do do 27 de maio ao 6 de xuño serás as sesións prácticas. O 7 de xuño farase a xornada de fin de curso.

O obxectivo principal deste curso é formar a persoas desempregadas para que acaden a necesaria capacitación e coñecemento para exercer como profesionais nos diferentes procesos e técnicas de compostaxe dos residuos sólidos urbanos. Algunhas das destrezas que os e as 19 participantes acadarán ao rematar o curso teñen a ver con saber determinar a calidade do compost e o seu ámbito de aplicación ou co manexo dos composteiros domésticos e de áreas de compostaxe comunitarias.

Este proxecto está financiado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través do Programa Empleaverde, iniciativa dirixida ao impulso e a mellora do emprego, o emprendemento e o medio ambiente, e cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo Emprego, Formación e Educación 2014-2020.
   
Certificado de mestría en compostaxe
O curso técnico de compostaxe descentralizada é o primeiro dos catro ciclos formativos que ADEGA pretende executar ao longo do ano 2022. Ao finalizar o curso, as persoas participantes que o superen recibirán un certificado de mestría en compostaxe emitido pola entidade estatal Composta en Red, así como o asesoramento e a orientación oportuna na procura de emprego que facilite a súa inserción laboral. Ademais, poderán optar a unha bolsa de traballo.

O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, deulle a benvida a todas as persoas que están participando no curso. “Dende o primeiro momento que ADEGA se puxo en contacto co Concello para poder impartir este curso en Ames, tratamos de buscar unhas instalación axeitadas para elo, e cremos que a Aula da Natureza é o lugar máis axeitado. Agardamos seguir colaborando con ADEGA como o vimos facendo ata agora”. Ademais, engadiu que “dende a Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente estamos traballando para instalar novos composteiros no municipio”.

Por parte de ADEGA, a coordinadora do curso e da docencia, María Amigo, agradeceu ao Concello de Ames a colaboración para ceder o espazo no que se imparte o curso e dixo “que Ames é un concello amigo da Asociación Ecoloxista ADEGA co que se vén colaborando nos últimos anos e agardamos seguir facéndoo no futuro”. Tamén destacou a boa receptividade que tivo o curso “xa que temos 19 persoas inscritas que se van a formar, para exercer como profesionais nos diferentes procesos e técnicas de compostaxe dos residuos sólidos urbanos”.

Mestrado de compostaxe: emprego verde e de futuro
ADEGA leva máis de 20 anos traballando a prol da reciclaxe dos residuos orgánicos, unha estratexia fundamental para revalorizalos, transformándoos en abono orgánico a través da compostaxe. Estes residuos orgánicos volven aos solos como fonte de carbono e nutrientes esenciais para a fertilidade, pechando así o ciclo da materia orgánica. Ademais, redúcese as emisións á atmosfera derivadas do transporte do lixo e a contaminación producida polo uso de fertilizantes químicos.

A compostaxe, actualmente e no futuro, é unha nova fonte de emprego verde que cada vez terá máis demanda no mercado laboral, dada a necesidade dos estados membros da UE de cumprir cos obxectivos comunitarios en materia de residuos, os cales só se poderán acadar baixo unha adecuada e sustentable xestión dos residuos orgánicos xerados. Por tanto, para ADEGA, capacitar e formar a persoas como mestras de compostaxe descentralizada é unha prioridade, ao tempo, que se fomenta a creación de emprego e se facilita a inserción laboral das persoas desempregradas en ámbitos de economía verde con futuro.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames forma a 19 personas en técnicas de compostaje"

El Correo Gallego: "Adega forma ya a 19 futuros maestros del compostaje para esquivar el paro"

Enfoques: "Comienza en Ames el curso de técnico de compostaje descentralizado con 19 participantes"

Comeza o curso de técnico de compostaxe descentralizada con 19 participantes

Multimedia

  • Comeza o curso de técnico de compostaxe descentralizada con 19 participantes
  • Comeza o curso de técnico de compostaxe descentralizada con 19 participantes