- Tematica
O Concello de Ames, en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a entidade Sustinea sostibilidade e cambio social, acolle o “Obradoiro de Botiquín natural para o Inverno”. Unha iniciativa enfocada en recuperar coñecementos tradicionais sobre as plantas e os seus múltiplos usos medicinais, principalmente coa chegada do inverno e as súas conseguintes afeccións estacionais. O obradoiro celebrarase o próximo sábado, 20 de decembro, de 10.30 a 13.00 horas nas instalacións da Aula da Natureza, na aldea de Quintáns, na Ameixenda.
Durante esta xornada, os participantes aprenderán de primeira man a maneira correcta de elaborar preparados naturais propios co obxectivo de ser persoas máis conscientes, autónomas e naturais no referido ao eido da saúde. É por iso que se lles ensinará a facer graxeas naturais para a dor de gorxa, xaropes medicinais para as vías respiratorias, bálsamos respiratorios e calmantes, e bombas medicinais, entre outros preparados herbais. Todas as persoas que asistan levarán para a súa casa un receitario con todas as fórmulas traballadas e unha mostra de cada unha delas.
Como participar?
A participación no obradoiro é gratuíta. Porén, cómpre inscribirse enviando o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Para este obradoiro ofértanse 20 prazas. Para dispor de máis información pódese escribir un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 660 004 665.
Para poder asistir, o Concello de Ames porá a disposición dos participantes un autobús, tamén gratuíto, que sairá ás 10.00 horas da Casa da Cultura do Milladoiro e que parará polo Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 10.15 horas para recoller a máis asistentes.
Que é Sustinea?
Sustinea é unha asociación sen ánimo de lucro de eido estatal que fixa o desenvolvemento sostible como alternativa á degradación natural e como saída ás necesidades sociais, buscando o benestar de todas as persoas. Sustinea traballa a diario para poder acadar unha economía verde, inclusiva e responsable coa cidadanía e coa contorna. Coa organización de obradoiros coma este, fan un labor social que constrúe unha sociedade igualitaria, xusta e solidaria.





