Solapas principales

A Aula da Natureza presenta a súa programación de actividades para os vindeiros meses de outono

Lunes, 29 de septiembre de 2025

A Aula da Natureza vén de presentar a nova programación de actividades para este outono. Ao longo dos meses de setembro, outubro, novembro e decembro, organizarán diferentes actividades relacionadas con produtos e costumes propias desta época do ano. Deste xeito, haberá saídas para recoller cogomelos, unha ruta teatralizada, unha saída e exposición de herbas medicinais, obradoiros de cociña con alimentos propios desta estación e a quinta edición da feira do monte Tanto Monte, Monte Tanto. Para inscribirse nestas actividades hai que enviar o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

A Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación da programación de outono da Aula da Natureza. Ao acto asistiron o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo; e a técnica do departamento de Medio Ambiente e responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda. 

O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, subliñou que “comezamos facendo máis saídas ao exterior en outubro como as camiñadas teatralizadas ou as recollidas de cogomelos. En novembro, continuaremos coas propostas no exterior e a celebración da Feira do Monte, que cada ano desperta máis interese tanto para expositores como para a veciñanza que se achega ata alí. No último mes do ano, en decembro, as actividades fóra da aula non serán tan frecuentes porque xa nos iremos achegando”.  

Pola súa banda, a técnica do departamento de Medio Ambiente e responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, explicou que “unha das actividades propostas para este outono, a saída de herbas medicinais, estaba programada para a primavera, pero por cuestións meteorolóxicas foi imposible facela. Intentamos retomala agora en outono e dándolle un pequeno xiro. Non atoparemos tanta cantidade de flor pero poderemos recoller algunhas raíces ou froitos, como o loureiro, que temos nesta época do ano”. 

Programación de outono
A primeira das actividades tivo lugar este pasado sábado, 27 de setembro, co primeiro obradoiro de ‘Cociña de outono’, nesta ocasión, dirixido para os menores de 6 a 14 anos e no que puideron cociñar biscoito de cabaza.

Para esta fin de semana hai programadas dúas actividadades. Para o sábado 4 de outubro, realizarase a camiñada teatralizada “O segredo do Andoriña”, unha ruta duns 5,2 quilómetros que xa se desenvolveu en anos anteriores e que ten como obxectivo poñer en valor e dar a coñecer o patrimonio material e inmaterial da contorna do río Tambre. O punto de inicio da camiñada será desde a praia fluvial de Tapia e dará comezo ás 10.30 horas. Haberá servizo de autobús, con saída ás 10.00 horas desde a Casa da Cultura do Milladoiro e ás 10.15 horas desde o Pazo da Peregrina de Bertamiráns. 

Por outra banda, o domingo, día 5, en horario de 10.00 a 14.00 horas, terá lugar a primeira saída de “Ás voltas cos cogomelos”, na que se recollerán e identificarán estes fungos tan típicos do outono. Hai 40 prazas dispoñibles para esta actividade.  

Herbas medicinais
Neste vindeiro mes de outubro tamén se realizará a exposición e saída de herbas medicinais que, inicialmente, formaba parte da programación da Aula da Natureza para os meses de primavera pero que tivo que se adiada polas condicións meteorolóxicas. 

A base da actividade será a mesma, pois o venres 10 realizarase unha exposición na Casa da Cultura de Bertamiráns dunhas 120 plantas medicinais coas súas respectivas fichas de identificación sobre os diferentes usos que ten cada unha delas. A exposición poderase visitar en horario de 16.00 a 21.00 horas, mentres que as visitas guiadas serán de 18.00 a 20.00 horas. 

Na xornada do sábado, 11 de outubro, terá lugar a saída de campo para o recoñecemento de plantas medicinais que, ao realizarse nesta época, poderán atoparse outras herbas e plantas que non hai nos meses de primavera. A actividade realizarase en horario de mañá, de 11.00 a 14.00 horas, e hai 50 prazas dispoñibles para participar. Tamén haberá servizo de autobús, que sairá ás 10.00 horas da Casa da Cultura do Milladoiro e ás 10.15 horas do Pazo da Peregrina de Bertamiráns. 

Cociña de outono
Unha das novas actividades incluídas na programación de outono da Aula da Natureza son os obradoiros de “Cociña de Outono”, para promover o uso de produtos propios desta época do ano, como por exemplo a cabaza, as castañas o as laranxas, que serán a base das receitas que se elaborarán nestas tres xornadas. 

Os tres obradoiros impartiranse en horario de 11.00 a 13.30 horas, nas instalacións que a Aula da Natureza ten na Ameixenda. Ademais, haberá servizo de autobús, saíndo do Milladoiro A actividade está impartida por persoal da Escola de pastelería infantil Dolci e Bambini.

A primeira xornada realizouse o pasado sábado, 27 de setembro, dirixido a nenos e nenas de 6 a 14 anos, e no que elaboraron biscoitos de cabaza. O segundo obradoiro, que se vai celebrar o 18 de outubro, está dirixido a público adulto, no que se elaborará torta de queixo e castañas. A terceira e última xornada desta iniciativa vaise a celebrar o 22 de novembro para público familiar e farán galletas de castaña e laranxa.

Ofértanse un total de 60 prazas, 20 para cada obradoiro. As prazas cubriranse por orde de chegada dos impresos de inscrición ata esgotar as prazas existentes.

Cogomelos de Ames
No mes de outubro tamén comezarán as tradicionais saídas de identificación e recolección de cogomelos, un dos alimentos protagonistas do outono. O obxectivo destas xornadas é difundir o curioso mundo dos fungos, ademais de amosar e descubrir as paisaxes do noso concello. 

En total, realizaranse tres saídas didácticas por diferentes recunchos de Ames, todas en horario de 10.00 a 14.00 horas. A primeira delas será o vindeiro domingo 5 de outubro, mentres que a segunda xornada terá lugar o domingo 19 de outubro. A derradeira saída será xa no mes de novembro, o domingo día 30.

Trátase dunha actividade familiar que está dirixida a todos os públicos. Ofértanse 40 prazas para cada saída. A inscrición para participar nestas actividades xa está aberta. Haberá servizo de autobús. Os horarios e paradas serán facilitadas aos participantes.

V Feira Tanto Monte / Monte Tanto
Por outra banda, celebrarase una nova edición da feira Tanto Monte / Monte Tanto, que nesta ocasión terá lugar os días 15 e 16 de novembro no campo da festa de Trasmonte. Trátase dun evento co que se busca valorizar e difundir a importancia social, ambiental, cultural e económica do monte galego. Deste xeito, ao longo destas días xornadas, haberá diferentes expositores  e degustacións dunha gran variedade de produtos que nos ofrece o monte, como o mel, cogomelos, cosmética natural, embutidos, madeiras, lá, froitos secos... 

Preparando o Nadal de xeito natural
Durante o mes de decembro, co obxectivo de preparar o Nadal, a Aula da Natureza propón dous obradoiros. O primeiro deles, dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos, será o sábado 13, en horario de 11.00 a 18.00 horas, no que a rapazada aprenderá a elaborar bonecos de madeira. Para participar na actividade, é preciso realizar unha inscrición previa e hai 30 prazas dispoñibles. 

Para inscribirse nas actividades da programación de outono hai que enviar o impreso de inscrición, que se pode descargar na seguinte ligazón, ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal indicando a actividade ou actividades nas que se quere participar. Haberá que enviar un impreso de inscrición por persoa. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 660 00 46 65.

Novas relacionadas: 

El Correo Gallego: "Setas, rutas teatralizadas y hierbas medicinales en Ames"

AMSGO!: "A Aula da Natureza presentou un programa de outono baseado nos produtos e costumes desta época do ano"

A Aula da Natureza presenta a súa programación de actividades para os vindeiros meses de outono

Multimedia

  • A Aula da Natureza presenta a súa programación de actividades para os vindeiros meses de outono
  • A Aula da Natureza presenta a súa programación de actividades para os vindeiros meses de outono
  • A Aula da Natureza presenta a súa programación de actividades para os vindeiros meses de outono
  • A Aula da Natureza presenta a súa programación de actividades para os vindeiros meses de outono
  • A Aula da Natureza presenta a súa programación de actividades para os vindeiros meses de outono
  • A Aula da Natureza presenta a súa programación de actividades para os vindeiros meses de outono