- Tematica
A Aula da Natureza vén de presentar esta mañá a nova programación de actividades para este outono. Ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro organizarán diferentes actividades para poñer en valor o entorno natural de Ames e relacionadas con produtos e costumes propias desta época do ano. Deste xeito, haberá saídas para recoller cogomelos, obradoiros de cociña de outono, xornadas de recollida de lixo no rego do Ameneiral e no monte, unha ruta ambiental, un obradoiro de cosmética natural e maila sexta edición da feira do monte Tanto Monte, Monte Tanto. Para inscribirse nestas actividades hai que enviar o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.
A Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación da programación de outono da Aula da Natureza. Ao acto asistiron o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo; e a técnica do departamento de Medio Ambiente e responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda.
As actividades que compoñen esta proposta teñen o obxectivo de poñer en valor os espazos naturais do concello, así como o consumo e aproveitamento dos produtos de tempada. Esta idea, destacouna a técnica do departamento de Medio Ambiente e responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, que ademais dixo que “isto é de gran importancia para evitar que froitos como a castaña, a mazá ou a laranxa queden esquecidos e, pola contra, poidan ser empregados para a realización de produtos gastronómicos”.
Nesta mesma liña, o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, destacou que “dende a Aula da Natureza preténdese chegar ás novas xeracións coa intención de que coñezan e valoren o seu territorio. Para isto, a programación conta con actividades e obradoiros dirixidos tanto á poboación adulta como ao público infantil do concello de Ames”. Ademais, indicou que “en breve se achegará información sobre a sexta edición da feira do monte que este ano chega con moitas novidades e que se vai a celebrar a fin de semana do 14 e 15 de novembro”.
Programación de outono
Esta fin de semana dan comezo as actividades deste programa coas dúas primeiras actividades. O sábado 3 de outubro realizarase o primeiro obradoiro de Doces de Outono, no que se aproveitarán os alimentos de tempada, e que está dirixido ao público adulto. Impartirase nas instalacións da Aula da Natureza, en horario de 11.30 a 13.30 horas. Ofértanse 20 prazas e haberá servizo de autobús.
Por outra banda, o domingo 4 de outubro, terá lugar a limpeza dun tramo do rego do Ameneiral, de 11.00 a 13.00 horas. Esta actividade enmárcase no proxecto “Móllate polos ríos” promovida por ADEGA en toda Galicia. O punto de encontro será a Casa do Concello, en Bertamiráns. Trátase dunha actividade dirixida a todos os públicos.
Ao longo do mes de outubro, tamén se impartirán sesións de “Micoloxía en Ames” para tódolos públicos da man de Jaime Blanco Dios. Estas serán o domingo 18 e o sábado 31 de outubro en horario, de 10.00 a 14.00 horas. O punto de encontro será nas instalacións da Aula da Natureza. Cada xornada conta con 40 prazas dispoñibles, e haberá servizo de autobús.
Especial para ao máis pequenos
A principal novidade que presenta esta programación é un día especial para os nenos e nenas, que consistirá nun día en natureza a través da ruta dos “Cabaliños do Demo”, que partirá desde a Aula da Natureza, e discorrerá ao carón do río de Quintáns e ata esta mesma aldea de Quintáns.
Ao longo desta andaina participarán nun xogo interactivo no que irán obtendo pistas e recompensas, ata acadar o resultado do xogo.
Esta realizarase o sábado 28 de novembro de 11.00 a 17.30 horas, e conta con 25 prazas. A iniciativa está dirixida a rapaces e rapazas de 6 a 16 anos, que deberán levar a comida da casa. Haberá servizo de autobús.
Cociña de outono
Unha das actividades que se realizarán nesta aula son “Doces de outono”, tres obradoiros de repostería, o primeiro dirixido a persoas adultas, e dous restantes para a cativada. Os protagonistas destas xornadas serán as castañas, améndoas, mazás e laranxas, entre outros produtos, para impedir o seu desaproveitamento e crear a base das receitas.
O primeiro terá lugar o vindeiro sábado 3 e os infantís realizaranse o sábado 17 de outubro e o sábado 7 de novembro no mesmo horario. Ambos desenvolveranse en horario de 11.30 a 13.30 horas, e contan con 20 prazas dispoñibles para cada un.
Os obradoiros impartiranse nas instalacións da Aula da Natureza na Ameixenda, e haberá servizo de autobús. A actividade está ao cargo do persoal da Escola de pastelería infantil Dolci e Bambini.
Recollidas e limpezas
A recollida de lixo nos ríos e montes é outra das propostas que xa se veñen realizando no concello dende hai anos. Nesta nova edición celebrase unha a nivel autonómico, que ten lugar este domingo 4 de outubro; e outra a nivel estatal co Proxecto Libera o vindeiro domingo 1 de novembro. Ambas realizaranse en horario de 11.00 a 13.00 horas e teñen como punto de encontro a Casa do Concello.
Cogomelos, ameazados pola seca
Por mor da seca, este ano as actividades relacionadas cos cogomelos tiveron que verse atrasadas, debido ao desaxuste que este mítico produto de tempada está a sufrir. Non obstante, realizaranse ao longo destes meses de outono un total de tres sesións de saída e recollida de cogomelos, e unha exposición completa de cogomelos de Galicia que se desenvolverá durante a feira do monte.
VI Feira Tanto Monte / Monte Tanto
Por outra banda, celebrarase una nova edición da feira Tanto Monte / Monte Tanto, que nesta ocasión terá lugar os días 14 e 15 de novembro no campo da festa de Trasmonte. Trátase dun evento co que se busca valorizar e difundir a importancia social, ambiental, cultural e económica do monte galego. Deste xeito, ao longo destas días xornadas, haberá diferentes expositores e degustacións dunha gran variedade de produtos que nos ofrece o monte, como o mel, cogomelos, cosmética natural, embutidos, madeiras, la, froitos secos...
Agasalla natureza
De cara a época de Nadal celebrarase un obradoiro para realizar agasallos de xeito natural. Poderanse aproveitar e reciclar os produtos da nosa contorna, así como realizar un bo aforro nos gastos desta tempada. A sesión será o sábado 12 de decembro, de 11.00 a 13.30 horas, e centrarase na cosmética artesanal. Así, poderanse facer cremas de mans ou bálsamos labiais, entre outros. Esta actividade conta con 20 prazas dispoñibles e ofrecerá servizo de autobús.
Para inscribirse nas actividades da programación de outono hai que enviar o impreso de inscrición, que se pode descargar na seguinte ligazón, ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal indicando a actividade ou actividades nas que se quere participar. Haberá que enviar un impreso de inscrición por persoa. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 660 00 46 65.








